O Atlántico exalta a maxia dun pincel

El Ideal Gallego-2011-12-10-014-23ed579b

   Reportaxe de marta garcía márquez   .

Xusto cando nada se sabe do futuro do mural que ata hai uns meses acompañaba aos crepes que cociñaban no restaurante La Bottega, distintos colectivos relacionados con Urbano Lugrís reivindicarán a súa figura o vindeiro 17 de decembro en A Coruña e Vigo ao mesmo tempo.
Porque para o surrealista os dous puntos atlánticos eran o mesmo, as dúas cidades berrarán do mesmo xeito nunha xornada festiva que se celebrará na cidade cun obradoiro no palco de música dos xardíns de Méndez Núñez, ás 20.00 horas, no que os asistentes poderán customizar os seus paraugas con motivos lugrisianos, peixes e sereas, nesa condición atlántica que o pincel tantas veces plasmou e que marcará o comezo dunha manifestación que levará aos participantes por un roteiro, no que se visitarán lugares significativos na vida do artista.
Contaba Xurxo Souto que a homenaxe exaltará as condicións de beleza que ten a arte e de iluminación. Porque o percorrido servirá para darlle luz a sitios escuros onde Lugrís practicaba unha posta en escena bohemia, na rúa, fóra doutras formas de facer arte afastadas da xente e en entornos privados.
Ademais, Pablo Outón convoca a todos os creadores que queiran a pasarse pola rúa Mantalería, en concreto, polo camarote que foi o primeiro estudo do surrealista para deixar a súa impronta. Espontánea como a chamada de Outón. O tributo rematará no Borrazás, igual que cando Lugrís saía a pasear e collía aire na coraza do Orzán para seguir directo ata o bar.
Alí, Urbano volverá entrar pola porta en forma de documental e performance musical, na interpretación da rapsodia “Balada de porto de Os”, a cargo de Pulpiño Viascón imitando o canto das sereas cun serrucho e do solista e bombardino da Banda Municipal, Lorenzo Castro. Os presentes chegarán andando despois ata ese entrante onde o mar bate con forza para lanzar un manifesto nunha botella directa cara o Berbés.
No mesmo Borrazás están desde onte preto de cuarenta gravados do pintor, que lembrarán durante estes días a pegada do que foi quen de crear un universo de seu no fondo do océano. A xornada, que non recibirá ningún tipo de axudas institucionais, pretende ser unha nova chamada de atención sobre o estado de coma no que se atopan as creacións lugrisianas.
Se ben o mural que se atopa no local da rúa dos Olmos, antigo restaurante La Bottega, está no aire ante a decisión da empresa que se encargue de restaurar o baixo, –polo que podería correr perigo en caso de que non lle interesase conservalo–, o que fai o almorzo máis agradable na cafetería Vecchio da rúa Real segue igual de desprotexido que cando a asociación O Mural advertiu do seu deterioro e cifraba en 50.000 euros a súa salvación. Ningunha institución comprometeuse a paliar os danos e contribuír así a alongarlle a vida ao fresco, nin a Xunta cumpriu a promesa de estudar as obras para catalogalas coma bens dentro do Patrimonio artístico do país. Ata o momento, non pasou ningún técnico con ese propósito.
Nesa alianza de colectivos  inclúese tamén a asociación Urbano Lugrís, que apoia todas e cantas iniciativas se fagan para poñer en valor un legado, que está en parte en mans de institucións privadas e sobre o que nada se fai para dalo a coñecer e ubicalo no lugar que se merece.


 

O Atlántico exalta a maxia dun pincel

Te puede interesar