O Acuario somete ao ribeiro á temperatura da sala Nautilus

El Ideal Gallego-2011-05-06-017-c160c8bd

m.g.m. > a coruña
  Os Museos Científicos experimentan co viño. Deste xeito, a sala Nautilus dálle acubillo desde onte a tres botellas magnum da colleita de 2009 de Emilio Rojo, colocadas estratexicamente nunha columna e a tres alturas diferentes co fin de comparar o sabor que acadan despois de estar en contacto coas augas atlánticas co que terminarán por ter outras 25 enterradas nunha mina de antracita polo propio viticultor. Trátase dunha especie de maridaxe entre un produto do interior e as augas salgadas.
O ribeiro sacarase no mes de decembro destas cavidades para contrastar o sabor e comprobar se as condicións que ofrece o medio acuoso aportan novos matices á calidade do viño. Non é a primeira vez que os caldos se poñen en contacto coa auga pero ata o de agora nunca se fixo no Acuario.
O experto falaba da temperatura e a humidade ás que se someten as barricas como factores básicos para o viño, que ten no mar a vantaxe de estar nun ambiente non oxidativo, igual que o PH que lle permite manter o aroma.

Alturas > O director dos centros, Xosé Antón Fraga, sinalaba que os continentes están situados a catro, dous e cero metros da superficie polo que xunto ás conclusións de se o mar ofrece resultados interesantes no sabor do ribeiro, estarán as diferenzas de matices en cada unha das botellas.
A sala por onde Gastón debulla círculos concéntricos proporcionará ás tres unidades catorce graos de temperatura, un factor a favor da auga como medio de conservación do viño, xa que a calor, segundo Rojo, é o principal inimigo, sobre todo, as radiacións ultravioletas.
Por iso, o maior viticultor de Galicia non defende os deseños de botellas en cristal de tonalidades claras, que non teñen os filtros necesarios e isto repercute directamente na raza do caldo.
Será no mes de decembro cando os expertos organizarán unha cata para probar do líquido que estivo en contacto coa auga e a que durmiu a 60 metros de profundidade na mina.
Emilio Rojo foi un dos que iniciou o proceso de recuperación da uva que medra nos viñedos ourensáns, levando os coñecementos que ten de telecomunicacións a unha tradición que hoxe en día é denominación de orixe e unha marca propia grazas ao traballo de xente como o viticultor.
Deste xeito, os Científicos son unha vez máis a probeta dun novo experimento nun espazo que ademais de ser casa para os peixes, permitirá coñecer os beneficios que reporta a auga á calidade do ribeiro.

O Acuario somete ao ribeiro á temperatura da sala Nautilus

Te puede interesar