“Se nuns anos me teño que xubilar á fronte do ‘Luar’ estaría encantado”

“Se nuns anos me teño que xubilar á fronte do ‘Luar’ estaría encantado”

Se alguén non necesita presentación é el. O coruñés José Ramón Gayoso acompaña aos galegos cada venres á noite desde hai 24 anos. Tras cumprir o milleiro de programas, advirte que haberá Luar mentres haxa audiencia.

Que supuxo o “Luar milenario” a nivel persoal e profesional?
A nivel persoal, unha inmensa alegría de volver a reencontrarnos con outros compañeiros que forman parte do mundo “Luar”. Cumprimos 24 años e neste tempo por Luar pasou moitisima xente. Aquí desde o principio estamos Manuel Abad, o director e mais eu. Hai parte do equipo técnico que se mantén pero poucos. Parto da base do que é o equipo “Luar” para o público somos os que saímos en pantalla. Despois está o profesional. Uns días o fas mellor e outros peor pero por riba está o talante persoal. Este programa foi un día para mirar atrás, para abrazarnos, para querernos. Non foi máis que un alto no camiño para volver ao “Luar” de sempre.

O programa mantén corda para rato?
O que nos da corda é o publico. Estamos aquí porque o público decide que esteamos aquí; o día que diga que non, non estaremos porque non ten sentido manter un programa de televisión se non ten audiencia.

Sempre o acompañaron as audiencias?
Empezou sendo un programa moi discreto. Do primeiro ano recordo como anécdota que cando rematamos os directos díxonos a Manue Abad e a min o, por aquel entón, director: “Vós credes que Luar aguantará un ano máis”. Respondímoslle que un ano máis “claro que si” e  foi nesa segunda tempada cando comenza a ser un programa de audencia e a partires de aí seguiu adiante porque empeza a ter contidos moi atractivos para o público. Non foi sempre un camiño fácil nin moito menos, non sempre se vai para arriba. Houbo momentos con máis e menos atención pero “Luar” sempre foi un apoio importante para a Televisión de Galicia. Proba diso é que no 92, cando comeza, dura hora e media e hoxe en día dura tres horas e media. Ti non estiras un programa se non che funciona. “Luar” é un producto rentable económicamente? Imos dicir que sostible de audiencia. Nós somos un servizo público.

En que senso?
Que quede claro que na Televisión de Galicia e en “Luar” o obxectivo prioritario non está en facer cartos. O obxectivo prioritario de “Sálvame” si, non se trata de formar nin de entreter. É facer cartos porque son empresas privadas. Unha empresa pública non é así. Temos unha obriga de coidar os cartos e saber no que se gastan. O noso obxectivo prioritario é tocar Galicia. E facémolo cun programa de variedades. É un show á galega utilizando as músicas, os bailes e o humor de Galicia aderezado de aceite dalá, un pouco de vinagre dacolá e un pouco de sal do outro lado. Igual que existe canal Cocina, nós somos unha televisión temática, somos canal Galicia.
A evolución do show e de Galicia foi parella?
Hai un momento no segundo ano de “Luar” que é cando realmente comeza a ser un programa moi chamativo para o público. De súpeto xorde Meredes Peón que é unha rapaza que aparece traendo, dalgún xeito, aos vellos da Galicia rural que foron os que conservaron viva a cultura musical galega. Trouxo todo un mundo de cultura musical que soamente conservou a xente na súa propia cabeza e no corazón e que se foi transmitindo así. Logo hai un momento posterior no que comeza a nacer no “Luar” xente como Carlos Núñez, Berrogüeto, Susana Seivane, Xosé Manuel Budiño, Treixadura... toda esta xente nova que son os herdeiros de todos aqueles vellos que Mercedes Peón nos trouxo. Como facedores de televisión a nosa obriga é adiantarnos ao cambio.

Como veciño da Coruña, destacaría algún grupo que manteña viva a tradición musical?
Non podemos esquecer á coral polifonica máis antiga de España, que é El Eco. Cantigas da terra tamén é coruñés. E foi moi importante o que supuxo para a cidade, para Galicia e para o nivel musical en xeral a creación da Orquesta Sinfónica. A Coruña sempre foi un viveiro de manifestacións culturais e musicais.

Cal vai ser o reto agora?
Seguir evolucionando no día a día. A Galici de agora é outra Galicia respecto a hai 24 anos. 

Hai algún segredo para levar tanto tempo en antena?
Chegar aos 1.000 programas non é algo que buscas, senón que o encontras. As grandes ideas que podemos ter, si é que as temos, veñen cando está todo o equipo xunto. Todo depende do traballo, traballo, traballo e… máis traballo. Non hai outro segredo.

A estas alturas, existiría “Luar” se Gayoso non estivera aí?
Falamos de televisión e a televisión é un mundo de maxia no sentido de que o público cree unha cousa que non é verdade. A xente me pregunta pola rúa que é o que fago durante a semana. Poderiamos discutir que pasaría despois de 24 anos se desaparezo pero imos supoñer que se acabou “Luar”. Para o mes seguinte montan outra historia parecida, chámaslle doutra maneira e poslle outro presentador… e acabou o conto: volvemos facer maxia.
Pero vostede está no imaxinario popular.
Vivo tres horas e media á semana porque os presentadores vivimos o tempo que saímos en pantalla. O día que non vivamos tres horas e media á semana será como un velorio: Vannos recordar durante un mes, logo de cando en vez, logo cada ano, cada cinco...

Poñamos por caso que marcha. Vese á fronte doutro show ou como actor?
Cando levaba 15 anos preguntábanme isto e eu respostaba que “Luar” nacería, desenvolveríase e logo morrería e eu faría outro programa.. Agora xa levamos 24 anos. Cando menos agora reflexiono sobre a pregunta e penso que igual xa me retiro no “Luar”. Luar estará en pantalla ata que decida o público e se aínda non me chega a idade de xubilación seguirei a traballar pero se me teño que xubilar co “Luar” estaría encantado.

Esta semana chegou a data de “Regreso ao futuro”. Se viaxamos a 2030, habería “Luar”?
Ogallá. Encantaríame por unha cuestión persoal, queroo moito e gustaríame que non morrera.

Os artistas son parte fundamental do programa. Gayoso destaca o cariño creado.
 
Semella que o poder das verbenas rexurde, estarán as orquestras no futuro?
Sempre, as orquestras son fundamentais na vida de “Luar”. Por exemplo un Fin de Ano como o que organizamos sen orquestas é coma un velorio sen morto. Están presentes de maneira constante.

É máis desas festas ou de discoteca?
A verdade é que nunca fun nin dunha cousa nin da outra. As verbenas estaban nos pobos e eu vivía na cidade. De calquera xeito sempre me gustou máis a estética da verbena. Sempre estivo moi denostada porque era como unha festa desordenada pero unha festa ten que ter certo desorde porque senón non é festa.

Moitísimas carreiras de cantantes e humoristas se lanzaron desde “Luar”. Como se sinte un con isto?
Cando miras para atrás e ves todo o que lles pasou a estes rapaces sínteste satisfeito en canto a que contribuiches a que esas carreiras. Dalgunha maneira puxeches o teu grado de area aínda que eran grandes talentos en si. Por outro lado, así se cumpre o deber da televisión pública para Galicia. E ves a artistas como Lucía Pérez, que chegou a representarnos en Eurovisión. Luis Tosar nos seus inicios formou parte da nosa familia, Os Tonechos, Mucha e Nucha... Temos que elaborar unha televisión para Galicia feita para galegos na que non se exclúa a ninguén. 

Nos últimos veñen artistas moi novos que incluso colocan á produción como trending topic. É un xeito de atraer a novas xeracións de luareiros?
É un guiño. “Luar” é unha verbena galega e o 98% dos artistas son galegos pero non é un show pechado a ningunha manifestaciónn musical. Os artistas galegos teñen que estar aí e ao resto dalgunha maneira os galeguizamos. Despois de tantos anos non hai artista español que non teña cantado en galego. Desde Rocío Jurado a Camino Sexto ou Raphael. Comezamos co humilde “Apaga o candil”, pero Sergio Dalma, por exemplo, nun disco grabou unha canción que lle pedimos nós. Gustoulle tanto como lle quedou “O tren” de Andrés do Barro que a incluíu. O mesmo con María del Monte, que preparou unha versión aflamencada de “A saia da Carolina”.

É real ese bo ambiente que se transmite en pantalla?
Si, ao principio todo era puramente profesional pero despois de tantos anos si. O que queremos é traballar cómodos e que a persoa esté por riba do profesional. Hai mil maneiras e formas. Os artistas que veñen de fora teñen certa cercanía; non amistade, pero unha proximidade coa que xa lle pedimos cousas por riba da cuestión profesional. Todo iso se transforma en cariño. Moitos artistas dinnos: “É que a vós non vos podo dicir que non”.

“Se nuns anos me teño que xubilar á fronte do ‘Luar’ estaría encantado”

Te puede interesar