Nun balcón atlántico ao que se asoman os poemas

Dicía a encargada de ler o pregón da Feira do Libro, Yolanda Castaño, que non podía ter mellor paseo o libro en agosto que aquel que pasa xunto a Concepción Arenal, sorteando os acivros, e divisa a Emilia Pardo Bazán collendo aire baixo os magnolios.
Explicaba a poeta no seu discurso inaugural que non había palmeira en Méndez Núñez que medrase tanto como o fixeron os soños en vida de Castelao. Nin metrosidero tan espeso como a barba triangular de Valle-Inclán, que ata os pórticos de roseiras eran monumentos vivos ao libro. Ese que inunda desde onte o particular “bosque animado” de A Coruña e que serve de consolo agora que a “maldita negra sombra” volveu a aparecer na curva de A Grandeira: “Cando imaxinabamos que era ida, se nos amosou”. Castaño convidaba a mirar cara adiante e buscar acubillo nas emocións que desprenden as historias escritas.
A coruñesa sentíase orgullosa de poder abrir a actividade literaria e destacaba o esforzo de todos os axentes activos que ronronean na cidade durante todo o ano desde os talleres do MAC aos cursos de Polisemias, pasando polos clubes de lectura das Bibliotecas Municipais.
Non se esquecía tampouco das librarías que foron no seu tempo grutas nas que se guarecer e que hoxe dispensan vida en monte alto, nun outeiro ou nos castros, atendendo á extensa orografía que ten esta península. Tan variada como foron e son os autores que aquí pernoctan.
A apertura da cuadraxésima segunda edición da Feira do Libro foi lembranza tamén das conversas que regalou Manuel María, da procura da perfección que Murguía buscou na cidade e o repenicar das xoias de Pardo Bazán que logo verteu nos libros, que tamén repenicaban.
No mesmo punto no que Curros foi absolto dunha herexía e Teresa Herrera observaba o mar desde a súa galería de A Mariña, o alcalde Carlos Negreira facía seu o lema da actividade “Pasen e lean” para animar a mercar un volume porque “es una inversión segura”. Dicía o responsable que “ahora toca leer y que se destapen las casetas” para que “nunca falte un libro entre las manos”.
Negreira falaba de 100.000 historias concentradas nun mesmo reduto vexetal que ten por norma advertir que A Coruña se viste outro ano máis de festa. O rexidor insistía no carácter aberto da cidade nun momento no que para o conselleiro Jesús Vázquez “a cultura é unha fórmula para abrir unha mirada limpa”.
O presidente da Deputación, Diego Calvo, falaba da importancia de impulsar a lectura por todo o que supoñía. Pola arte e a cultura que un adquire se acepta ao libro como animal de compañía. O mesmo que a presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, Pilar Rodríguez, tildaba como un “compañeiro marabilloso de viaxe”.
As 37 casetas que se abrían onte ao público amosarán as súas novidades con ritmo. O que poñerán os autores asinando exemplares nos propios postos. Na xornada de hoxe estarán Pablo González, Fernández Naval, José Juan Picos, en Arenas; Tucho Calvo e Luís García Soto, en Couceiro, ademais de Antón Riveiro, que se pasará por Pedreira. Ramón Nicolás presentará a súa publicación sobre Celso Emilio e o día rematará cun diálogo sobre a novela “A noite no deserto”, de Fernández Naval. Neste balcón atlántico, ao que sempre se asoma un poema. Dicía Castaño.

Nun balcón atlántico ao que se asoman os poemas

Te puede interesar