domingo 20.10.2019

Muros e Irlanda conquistan os María Casares

Pepo Suevos subiu ao estrado á administración e a administración viuse representada no Rosalía por choferes reconvertidos en músicos, subvencións, padriños e tamén un departamento de “cooltura”

Muros e Irlanda conquistan os María Casares

Pepo Suevos subiu ao estrado á administración e a administración viuse representada no Rosalía por choferes reconvertidos en músicos, subvencións, padriños e tamén un departamento de “cooltura” que foi telón de fondo dunha 21 gala dos María Casares, da que saiu vitoriosa unha sala de festas e un tolleito, o de Inishmaan, que levaron catro e cinco xerras, esta última –de Contraproducións SL/Fiot Carballo– coa de mellor actor principal e secundario para Santi Romay e Evaristo Calvo. Que non a de director, que foi para Xesús Ron por “Eroski Paraíso”, montaxe pola que se tiveron que erguer até catro veces da butaca incluida a final, que a converteu no mellor espectáculo do ano.

A de Chévere conta a historia de O Paraíso, unha pista de baile transformada en supermercado. Outra, a das Marías de Compostela, “Voaxa e Carmín”, de ButacaZero e Eme2, recibiu dous galardóns mentres que “Raclette”, de Ibuprofeno Teatro, e “Foucellas”, de Talía Teatro, recolleron un pola escenografía e texto. Advertiu Suevos que unha dedicatoria completa non debía exceder o medio minuto. Menos tempo gastou Cándido Pazó en brindar coa xerra pola lingua.

Un pouco máis lle levou ao presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Ernesto Chao, defender á muller na escena. Unha delas, María Roja, falou de ninguneos e menús horribles nas autoestradas, pero tamén dun “bendito vicio” que fixo a Patricia de Lorenzo auparse co de mellor intérprete e á xente de Muros e Mazaricos ser protagonista nunha festa na que non faltou a Irlanda de McDonagh e que segue celebrando que os actores se pregunten: “Quen anda aí?”.

Comentarios