Mofa & Befa noquean ao romanticismo

Mofa & Befa noquean ao romanticismo
Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo volven á carga cunha peza patética e cómica leire lópez

Despois de tratar cun auténtico espeleólogo da alma humana como é o caso de Shakespeare, Mofa & Befa arremeten contra o romanticismo mal plantexado para sacar á luz a súa parte máis escura en “Románticos”. O dueto formado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira parte da ignorancia da sociedade sobre esta corrente para bailar co seu lado máis patético.

Para iso, dramatizarán o venres e o sábado no teatro Rosalía, ás 20.30 horas, sobre un bo número de mitos. Daranlle corpo a Edgar Allan Poe, Gustavo Adolfo Bécquer, Espronceda, Frankenstein ou a mesma Dama das Camelias nun escenario ao que tamén se subirá Quico Cadaval en versión erudito. El será un doutor do romanticismo e poñerá o rigor que lle falta á famosa compañía.

Lonxe de levar á escena actos propios do teatro clásico, os dous poranse na pel de moitos daqueles personaxes que enfundaron teorías falsas do romántico para botar por terra aqueles clichés que hoxe definen á época. Que tenden a mitificar o movemento. E consideran o amor como o máis importante. Pola súa parte, Piti Sanz encargarase de pinchar melodías ao bálsamo para que fermente.

quico cadaval subirase ao escenario en “románticos” para facer
o papel de erudito do movemento

Contaba Evaristo Calvo que a montaxe vai na mesma liña didáctica que “Shakespeare para principiantes” e igual que neste espectáculo descubrían as obras menos coñecidas do inglés, “Románticos” tinguirá de claro-escura a época cunha peza final inspirada no “Holandés Errante”, “que deu pé a películas como ‘Piratas del Caribe’” e unha canción cubana.

Evaristo explicaba que “Voda negra” ten unha lenda detrás que sitúa a un poema de Poe cruzando o mar do Caribe e naufragando na illa, que a convertiría en son: “É o maior traballo de sincretismo sobre o romanticismo”, sinalaba. Produccións Teatrais Excéntricas vén de encher o Teatro Principal durante os cinco días de función programados e espera volver a facelo na cidade. A golpe de Lord Byron e Alexandre Herculano. Para colocar o espírito no seu escalón correspondente. Quitándolle os galóns que un día lle puxeron na chaqueta.

As entradas para ver a esta parella en acción teñen un prezo que vai dos 6 aos 13 euros, cos descontos habituais do 20% para desempregados, xubilados e portadores do carné xoven. Pola súa parte, o director do Rosalía, Paulo Rodríguez, desexáballe boa saúde a un teatro galego que esta semana está a ter un especial protagonismo no auditorio.

Tras a viaxe a Belgrado do Centro Dramático Galego na obra “O Profesional”, da que ofrecen hoxe unha segunda función, chega Mofa & Befa cunha dose de patetismo cómico aderezado co enxeño de Cadaval.

 

Mofa & Befa noquean ao romanticismo

Te puede interesar