Máis de 100.000 persoas pasaron polas casetas da Feira do Libro nestes dez días

13

  redacción>a Coruña

  A falta de facer un balance máis exhaustivo das vendas, a 40 edición da Feira do Libro despídese de Méndez Núñez coa mesma sensación do que fai ben os deberes. Incrementáronse as vendas este ano e as casetas estiveron en todo momento transitadas por coruñeses e turistas, agás nos días nos que imperou o mal tempo.
O coordinador Antonio Fernández sinalaba que pese a que aínda non se poden dar números exactos do acontecido, a maioría das firmas e librerías presentes melloraron os beneficios de 2010. A isto hai que sumarlle que non houbo un título estrela, que acaparase a atención do lector.
As compras que se materializaron nas casetas corresponderon a gustos ben distintos e se ben houbo publicacións con gran éxito de vendas como os últimos de Manuel Rivas, “Todo é silencio”, e Agustín Fernández Paz, “Non hai noite tan longa”, o resto respondeu a unha demanda equilibrada. Antonio Fernández sinalaba que non preponderou o best seller nunha feira na que tamén obtivo a resposta do público o libro “La hora del recreo”, editado pola Fundación Telefónica.
A novidade ten que ver coa explotación infantil en Suramérica. En concreto, son 16 reportaxes fotográficos de nenos que teñen que deixar a escola para levar un sustento a súa familia. Parte das instantáneas están expostas en Méndez Núñez, acompañadas de textos asinados por grandes plumas.
A mostra seguirá todo o mes de agosto, pero o feito de que as librerías acampasen xusto diante das instantáneas levantou interese e foron moitos os que se levaron para casa os reportaxes ampliados. Fernández calcula que foron máis de 100.000 persoas as que pasaron ao longo dos dez días que permaneceu aberta a feira. Outro dos aspectos que contou coa participación cidadá foron as actividades programadas arredor da literatura.
Segundo o organizador, cada unha das presentacións e postas en escena tivo a carpa chea de xente, do mesmo xeito que as sinaturas congregaron a moitas persoas cun exemplar debaixo do brazo. Fernández apunta que nos actos de Manuel Rivas e Agustín Fernández o espazo quedou pequeno. O feito de facer desta cita co libro algo máis que un lugar de compra-venda permite que o curioso poida participar activamente dela e fale cos propios autores.
Desta maneira, o paso da Feira do Libro cun resultado tan positivo fai que os seguintes teñan altas as expectativas. Os especialistas do libro antigo e de ocasión instalaranse o vindeiro luns nas mesmas casetas para repetir o éxito acadado polos anteriores, tanto de vendas como de público.


 

Máis de 100.000 persoas pasaron polas casetas da Feira do Libro nestes dez días

Te puede interesar