Mercaproximidade, unha canle para dar saída aos produtos agrolimentarios na emerxencia sanitaria

Mercaproximidade, unha canle para dar saída aos produtos agrolimentarios na emerxencia sanitaria
Os produtos de Mercaproximidade están identificados nos puntos de venda co cancelo #VoudeSúperFeirón que garante a súa calidade e recoñece o importante esforzo que se está a levar a cabo dende o agro galego

Mercaproximidade xorde como unha canle alternativa de comercialización creada pola Xunta para os produtos agroalimentarios galegos que viron reducidas as súas vendas por mor do peche da hostalaría e dos mercados municipais, recentemente abertas durante a emerxencia sanitaria.

Ten por obxectivo dar saída comercial aos produtos galegos de proximidade que, tras a declaración do estado do alarma, xa non se podían comprar nos mercados locais nin consumir nos negocios de hostalaría e restauración. Coa rede “Mercaproximidade” non só se permite ao consumidor acceder facilmente a estas producións nos establecementos de alimentación que permaneceron abertos, senón tamén identificar a súa orixe con claridade.

Deste xeito, puideron acollerse á iniciativa, en calidade de provedores, os produtores de froitas e hortalizas, os produtores de mel e produtos apícolas, así como os gandeiros de vacún, porcino, ovino e caprino, entre outros. A única condición que debían cumprir era o de estar inscritos no Rexistro de explotacións agrarias de Galicia (Reaga) e, no caso dos produtos non transformados, estar integrados na sección de venda directa (Sevedi). A maiores, puideron incorporarse tamén á rede as industrias de transformación de produtos agrogandeiros inscritas no Rexistro de industrias agrarias.

Deste xeito, dende a posta en marcha desta nova fórmula de venda, máis de 450 industrias transformadoras e produtores adheríronse como provedores a Mercaproximidade. Da banda da distribución, colaboran a práctica totalidade das cadeas que operan en Galicia: Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski –cos seus establecementos Eroski e Familia–, El Corte Inglés –cos establecementos Hipercor e Supercor–, Carrefour –cos seus centros Carrefour e Carrefour Market–, Grupo Cuevas –cos seus supermercados Plenus, Aquié e Aquí–, Lidl, Alcampo, Coviran e DIA.

A iniciativa permanece aberta, tanto ás cadeas como ás empresas que subministran a colectividades e ás plataformas de venda online. O obxectivo primordial é garantir o futuro das explotacións galegas para contribuír ao futuro do noso rural.

Rede
Para incorporarse á rede, os produtores e as industrias de transformación simplemente teñen que enviar un correo electrónico a mercaproximidade@xunta.gal, indicando os seus datos básicos e tipo de produción á que desexen darlle saída comercial. No caso de que a adhesión se leve a cabo a través dunha organización agraria, asociación de produtores ou consello regulador, débese aportar ademais a relación de produtores representados. 

Os produtores incorporados a “Mercaproximidade” están obrigados a cumprir toda a normativa hixiénico-sanitaria, de calidade alimentaria e demais protocolos esixibles segundo o seu tipo de produción e os requisitos fixados polos establecementos que comercialicen as súas producións.

Para apoiar a iniciativa, Medio Rural lanzou unha campaña de comunicación e sensibilización dirixida aos consumidores finais, non só para conciencialos da calidade destes produtos, senón para facerlles ver que coa súa compra contribúen á viabilidade do sector agrogandeiro galego. Nesa liña, os produtos de “Mercaproximidade” están perfectamente identificados, para que os consumidores saiban da súa orixe, así como do seu vínculo coa iniciativa.

Búscase tamén recoñecer o importante esforzo que se está a levar a cabo dende o agro galego, no que o complexo agrogandeiro desempeña un papel fundamental para asegurar o abastecemento de alimentos durante o estado de alarma. Deste xeito, a intención é animar á cidadanía a mercar nos supermercados sumados á iniciativa as producións que antes compraban nas feiras ou consumían nos restaurantes. A campaña estase a desenvolver nos medios de comunicación e nos propios establecementos de alimentación, que contan nas súas portas cun vinilo co cancelo #VoudeSúperFeirón e con esta mesma identificación nos seus lineais.

Mercaproximidade, unha canle para dar saída aos produtos agrolimentarios na emerxencia sanitaria

Te puede interesar