Medio Rural pecha a tramitación nacional da IXP Pan Galego

Medio Rural pecha a tramitación nacional da IXP Pan Galego
Os pans desta nova denominación presentaranse en envases individuais e co logotipo da indicación xeográfica protexida | aec

A IXP Pan Galego está próxima a sumarse ás numerosas indicacións xeográficas protexidas que compoñen o panorama alimentario e gastronómico galego. A publicación no Diario de Oficial de Galicia (DOG) da orde para solicitar a inscrición desta indicación xeográfica protexida no rexistro europeo pon os últimos alicerces para que nos próximos meses o novo selo sexa unha realidade.
Canda esta publicación oficial, Medio Rural xa lle remitiu tamén o expediente da Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, que será o que se encargue de transmitirlle á UE a solicitude do rexistro.
Tras a petición, o camiño para a posta en marcha da IXP pasará por que os servizos da Comisión Europea examinen o expediente e abran un novo período de oposición, que durará medio ano, pero que concluirá en dous meses no caso de que non se presente ningunha alegación. Unha vez pasado este tempo, e de non darse incidencias, a IXP Pan Galego pasaría a ser incluída no rexistro europeo previa publicación dun regulamento da Comisión Europea no Diario Oficial da UE.
Con todo, en canto se teña unha primeira valoración da Comisión –no entorno dos seis meses– xa se podería activar o que se chama “protección nacional transitoria”. Esta ferramenta permite poñer en marcha un mecanismo provisional que permitiría levar este selo a nivel estatal e poñer no mercado o produto certificado baixo a indicación da IXP.

Vella demanda
A IXP Pan Galego é unha vella aspiración dos panadeiros da Fegapan (Federación Galega de Panaderías), que crían que era preciso crear un selo de calidade como o da indicación protexida para poñer en valor o produto.
Os pans que queiran quedar amparados baixo este selo deberán presentar unha serie de características, que pasan por ter unha codia dura e triscante, miga esponxosa e alveolado abundante e irregular, segundo se recolle no prego de condicións. Ademais, o bolo, bóla, rosca fogaza ou barra de pan galego deberá ser un produto elaborado de maneira artesá con fariña de trigo brando. Máis do 25% desta fariña debe proceder de trigos cultivados en Galicia, pertencentes a variedades e ecotipos autóctonos galegos.
Na súa elaboración deberase usar masa nai e unha elevada cantidade de auga, así como longos tempos de fermentación e cocción, que se realizará en fornos con soleira de pedra ou materiais refractorios.
Os pans da indicación xeográfica galega presentaranse ao consumidor en envases individuais e co logotipo da IXP, sempre cos formatos tradicionais que se admiten e os rangos de pesos, codia, miga, aroma e sabor que se definen no prego de condicións.

Medio Rural pecha a tramitación nacional da IXP Pan Galego

Te puede interesar