martes 22/9/20

María García | “Non chega con repetir a palabra ‘diálogo’, esta tense que plasmar con medidas concretas”

Voceira da Marea Atlántica

Alega que as forzas progresistas están “abocadas a cooperar”, aínda que asegura que hai que pasar dos ditos aos feitos en relación ao pacto asinado en xullo co PSOE

A edil posa no local que ten a formación en María Pita | pedro puig
A edil posa no local que ten a formación en María Pita | pedro puig

Naceron, gobernaron e, agora, están na oposición. Na súa curta historia, a Marea Atlántica xa pasou por varias fases aínda que aseguran que en todas lles caracterizou o traballo. A formación sábese chave para que o Goberno municipal saque adiante a maioría dos proxectos, polo que demanda máis rapidez á hora de levar a cabo os acordos firmados en xullo e máis ideas propias.

Cando se cumple o primeiro medio ano de mandato, que valoración fai a súa formación destes meses?

O que vemos é un Goberno que está falto de ideas, de proxectos novos e incluso, algunhas veces, falto de políticas. De momento seguen ao rebufo de todo o traballo que deixamos preparado e iso é unha boa noticia pero si que nos gustaría ver ideas. Como tampouco estamos vendo esas clases de xestión que nos ían dar, de acelerar o funcionamento do Concello, de mellorar os indicadores… É un Goberno que desde o primeiro minuto lanzou a marca dos acordos e da amabilidade e a verdade é que están en interlocución con todos os grupos políticos pero iso se ten que plasmar en acordos. 

Como está sendo a experiencia desde a oposición? 

Evidentemente no Goberno se ten un cotián moitísimo máis difícil e de máis responsabilidade. Creo que pola aritmética do pleno, no sentido de que hai un goberno en minoría que necesita de apoios, a Marea Atlántica sigue sendo clave para aprobar un montón de asuntos e facer de motor desas políticas que estamos botando en falta. Así que seguimos traballando moito. 

Como é a relación co resto de forzas nun mandato no que a palabra diálogo é case a máis repetida? 

Non chega con repetila, tense que plasmar con medidas concretas. A relación cos grupos é cordial como non pode ser doutra maneira, creo que nós tamén o facilitamos, pero temos un eixo de actuación moi claro: en primeira liña páctanse políticas progresistas e que se sume quen queira pero nós as prioridades témolas moi claras.

Corre perigo o pacto á coruñesa? 

É unha medida que pretende ser modelo de como as forzas progresistas poden cooperar en beneficio da cidadanía, pero para nós é absolutamente imprescindible que se cumpran os acordos. Sobre todo porque nós fixemos unha proposta para inicio de mandato para logo volver poñerse metas e temos que ir xa cumprindo para ir pasando ás seguintes fases. 

A porta a unha futura entrada no Goberno segue aberta pero o que nos importa é que se plasmen políticas públicas. O modelo de relación pasa a un segundo plano

Pode servir de modelo para España, entón? 

Creo que as forzas progresistas están abocadas a cooperar. Hai moitos modelos. Hai que promover un entendemento e non caer nas pautas que vimos nós, por exemplo, no anterior mandato. Realmente foi moi difícil ter ese entendemento e moitas veces houbo unha estratexia de bloqueo que rematou pagando a cidadanía. Nós non queremos facer iso, queremos ser responsables e ao mesmo tempo esixentes. 

Que lle di a todos aqueles que califican o Goberno municipal actual de “marioneta”? 

Cada un ten a súa liña discursiva. O que creo que é importante é que a cidade avance e o faga na dirección correcta, que para nós é a da humanización da cidade, das políticas públicas e protección da cidadanía, da loita contra o cambio climático, da mobilidade sostible… Creo que iso é o importante, logo cada partido que elabore o discurso que queira. 

Cando presentaron ese “pacto á coruñesa” non pecharon a porta a unha futura entrada no Goberno. Segue aberta? 

Segue aberta. A nós o que nos interesa de maneira efectiva é que se plasmen políticas públicas e que se executen. Logo o modelo de relación entre os partidos pois pasa a un segundo plano e hai que ver como evoluciona no futuro. De entrada temos políticas enriba da mesa, acordos que se asinaron en xullo e aí temos posto o foco.

A outra cara da moeda son proxectos da anterior etapa pero que se están a manter en marcha, como a demolición do viaducto da ronda de Nelle, a reforma dos mercados, o impulso á constitución da área metropolitana… Agradecen a continuidade? 

Esa é a paradoxa, que agora estemos aprobando cousas desde a oposición que non conseguimos aprobar en catro anos dende o Goberno. Evidentemente, hai un motivo de satisfacción pero as cousas teñen que avanzar. Seguimos sen área metropolitana. Nós temos moi claro que temos que estar permanentemente enriba destes asuntos para que non caian no olvido.

Vai haber orzamentos próximamente? 

Nós manifestamos en todo momento que tiñamos total disposición de aprobar uns orzamentos progresistas. Cremos que a cidade necesita uns orzamentos, ampliar por fin a capacidade de investimento que dalgunha maneira se nos negou durante os catro anos de mandato.

No anterior mandato foi moi difícil ter entendemento. Nós non queremos facer unha estratexia de bloqueo, queremos ser responsables e do mesmo xeito esixentes

Lamenta a herdanza deixada co contrato de Nostián e o de recollida de lixo? Desde o propio Goberno local acusan a Marea de falta de xestión. 

Non podo estar máis en desacordo. Na licitación da planta de Nostián empezamos a traballar a inicios de 2018 e dame un pouco de mágoa que non se recollera ese testigo. Eu creo que fixemos un traspaso moi leal con un montón de información e documentación e nos puxemos a disposición en todo momento do que necesitaran. Teñen que avanzar na licitación. 

O problema non se podería ter atallado antes entón? 

Se podería ter atallado si. Nós deixamos os pregos de contratación moi avanzados despois de ter feito o anteproxecto, o estudo de viabilidade, o convenio de contratación conxunta e incluso toda unha batería de cláusulas sociais que blindan o emprego porque cremos que os traballadores das contratas municipais teñen que ser un exemplo de calidade no emprego e ademais evitas a chantaxe.

O Partido Popular levou a pleno unha moción para a posta en marcha do prometido plan de choque e vostedes votaron a favor, algo que algúns califican dunha situación irónica. 

Nós simplemente o que pedíamos era que cumpliran unha promesa electoral. Consideramos que realmente se facía bandeira dun tema que non viamos de maneira tan catastrófica. Evidentemente sempre se poden mellorar as medidas de limpeza e por iso o contrato que sacamos a licitación incrementa moito os recursos.

O PSOE dixo que ía manter os orzamentos participativos pero porque “a roda xa estaba inventada”.

Ninguén inventou a roda pero hai un montón de medidas de democracia directa que puxemos nós en marcha no Concello. Temos a sensación de que non lles gustan porque en canto asumiron a xestión xa recortaron prazos e segue sen haber avances de maneira moi inexplicable e están propoñendo reducir a contía… 

Falando estes meses co tecido asociativo, empresarial e mesmo coa Xunta dicían que agora a relación co Concello é máis fluida. Botando a vista atrás, hai algún tipo de arrepentimento?

A interlución sempre é boa e se pode ampliar. Nós tentamos ter un contacto directo cos diferentes sectores e moitas veces se lles convocaron para consultas específicas sobre proxectos, cousa que antes non se facía desa maneira… Sempre se pode facer autocrítica e hai que facela pero creo que a interlocución estivo aí.

Bótase de menos a Xulio Ferreiro na primeira liña do pazo de María Pita? 

Claro que se lle bota moito de menos! Creo que foi un excelente alcalde por moitos motivos. Por suposto que se lle bota de menos no Concello pero por sorte contamos con el.

Preocúpanos o do centro Abeiro, vemos que a Concellería de Benestar Social está colapsada

No que vai de mandato, son varios e de gran calado os asuntos que ten enriba da mesa o Concello sen vislumbrarse moito o seu futuro, a pesar dos pequenos avances. A portavoz da Marea analiza algúns deles

Centro Abeiro. 

É un asunto que nos preocupa. Vemos a Concellería de Benestar Social colapsada e nin sequera lle puideron dar para adiante a vías de actuación que nós iniciamos. O do centro nos parece realmente preocupante porque se elimina un equipamento básico e con información que consideramos que non é veraz porque non houbo unha orde de peche por parte da Xunta. Por iso nos gustaría saber que medidas ten previstas o Goberno para volver dar resposta a unha problemática que todos e todas coñecemos.

Cidade das TIC. 

De momento poucos avances. Para nós e un proxecto fundamental, xa non só para contrarrestar ese desmantelamento preocupante que estamos tendo da industria na área da Coruña e por ser un proxecto innovador que estableza outros modelos de negocio. Pero tamén na súa relación cos barrios circundantes. Cremos que temos aí unha oportundiade de responder a demandas históricas. As cousas teñen que avanzar e a ver se hai un Goberno en Madrid que deixe de estar en funcións.
 
Intermodal. 

Sobre a Marea caerán as culpas dos retrasos pero o certo é que o único que avanzou foi o traballo que deixou feito o Concello. Eu lembro esa entrevista despois das eleccións do delegado do Goberno coa alcaldesa anunciando a licitación da parte do Adif e aínda non sabemos nada. Da Xunta, para que vou falar. 385.000 euros nos seus orzamentos que son de risa cando noutras estacións intermodais de Galicia está habendo uns orzamentos moitísimo maiores. Creo que realmente adecuar o proxecto á realidade dunha cidade non ten por que ser motivo de que se retrasen as actuacións e que incluso se entable unha loita dialéctica entre administracións cando o que debería haber é unha cooperación. 

Alvedro. 

Nós fixemos aí un traballo moi activo para manter as conexións clave cos “hubs” e con puntos chave. Á luz están os resultados do incremento de pasaxeiros mantendo certas liñas e incluso diminuindo o gasto do Concello para manter determinadas conexións. É un traballo activo que hai que facer desde o Concello e logo Fomento ten que facer o plan director e as melloras necesarias. 

Illas de San Pedro. 

Faime moita gracia cando lle botan en cara da parálise do Goberno da Coruña á Marea. A min gustaríame sacar a lista de proxectos que dependían doutras administracións, e a declaración de Espazo Natural de Interese Local deste lugar é un deles pero moitas veces o que ten que ver con patrimonio histórico, a intermodal, o transporte metropolitano... E resulta que logo os responsables da parálise somos os que estamos cubrindo os furados do que non fai a administración autonómica. 

Mobilidade.

Creo que aquí fan falla políticas ambiciosas e que non se parchee. Nós vimos que xa simplemente coas medidas que se puxeron en marcha no anterior mandato, como a rebaixa dos billetes de bus e a gratuidade para determinados tramos de idade, se incrementou moitísimo o número de usuarios. A cuestión da mobilidade é absolutamente prioritaria con transporte público, bicicleta e accesibilidade peonil.

Comentarios