María Xosé Silvar asegura “bo rollo” no concerto desta noite no teatro Rosalía

El Ideal Gallego-2011-07-21-012-48316189 m.g.m. > a coruña
  María Xosé Silvar é Sés esta noite, a partir das nove, no teatro Rosalía, para facer algo máis que rock e folk. Algo máis que ská. A cantante presentará as cancións do traballo “Admirando a condición”, para o que contou coa colaboración de músicos “de primeira categoría” e dos coros de Aixa Romay, Lucía Souto e Carla Álvarez.
Os contidos do disco son un berro compartido que “ás veces sae porque estamos fartas, abraiadas, anoxadas” e outras, asegura a artista, “porque estamos ledas ou temos un día gharboso”.
O director do Rosalía, Xosé Paulo Rodríguez, aseguraba que as cancións deste traballo eran cen por cen galegas e femininas, nun concerto que vén a ser a única nota musical do programa de verán do teatro, que rematará este sábado co espectáculo de Pavlovsky titulado “Angelhada”.
Pola súa parte, Luis Gestal, da produtora Airapro, explicaba que hoxe vai ser un día de alegría e un paso adiante na xeración de contidos feitos en Galicia. O representante sostiña que se a empresa nacera un 30 de abril, o día 1 de maio contactaron con María Xosé Silvar para iniciar unha relación conxunta. Gestal tildaba o resultado de sublime dunha artista que tamén é sublime na voz e nas letras. Sés agradecíalle á firma a súa confianza depositada porque raras veces as produtoras dan liberdade aos artistas e a cantante asegura que, neste caso, lle deixaron facer o que quixo. Ademais, destacaba o labor desenvolvido por David Paz para poñer bonitas as cancións e impregnalas do bo rollo necesario para que o espectador desfrute.
Sés dicía que tivera a sorte de ter eses músicos detrás, de colocarse diante do batería Miguel Queixas, do guitarrista Tito José Calviño, do baixo Octavio Vargas, do saxo David Paz, do tamén saxo José Rodríguez, do trompetista Moncho Ces e do pianista Christian Leggiero. Son, en total, dez músicos cun puñado de temas orixinais en galego e unha vocalista disposta a canalizar toda esa enerxía.
María Xosé Silvar formouse en música e baile tradicional, ademais de ser profesora. En 2007 creaba xunto a tres amigos Chámalle Xis!, un dos grupos revelación dese mesmo ano e un dos gañadores do concurso Acoruña Son, apadrinado por Santiago Auserón.

María Xosé Silvar asegura “bo rollo” no concerto desta noite no teatro Rosalía

Te puede interesar