López Valcárcel escribe para os nenos a historia sonora dun pitiño revolucionario

López Valcárcel escribe para os nenos a historia sonora dun pitiño revolucionario

Xulio López Valcárcel cambia a poesía pola literatura para rapaces. Formalmente, porque o libro “O pitiño revolucionario” é todo ritmo e música. Os párrafos parecen estribillos dun conto que transcorre entre o millo. Na noite e a bordo de barquiños de papel. E así como afastados do fume da cidade, os cativos alíanse cun pitiño que non está disposto a ser funcionario. El quere ser distinto e non atarse as normas acatadas porque si.

Por iso, non pía coma os outros pitos. Ilustrado por Ángela Gavilán, o protagonista da publicación flota entre pequenos universos nunha dimensión plástica que mestura debuxo e fotos como collages da natureza na que os pícaros se poden familiarizar cos ourizos e os gabiáns.

Pola súa parte, o colaborador desde xornal traza unha historia que non ten máis intención que a de entreter e achegar de paso a tradición musical galega a través de fragmentos que definen o que é unha pandeirada ou un alalá. Textos que de lelos en alto, seguen un compás como cando un acompaña un tema cun trozo de coiro ben estirado.

Deste xeito e sen sabelo, os rapaces aproxímanse aos ritmos que mecen o país desde hai moito tempo para contar a vida do pitiño revolucionario que se fai amigo dun pato e os dous crean un grupo de música. Isto serve para regar as páxinas co valor da amizade e da liberdade que está no volume desde o principio ata o final.

Ademais da edición impresa, Galebook saca un DVD coa versión electrónica do pitiño que se completa coa narración a modo de contacontos de Vanessa Yebra. Neste aspecto, López Valcárcel fala de que non se estaba traballando moito este formato en Galicia e que ten importancia de cara a organizar actividades en bibliotecas e colexios.

Por outro lado, aínda que a súa incursión na literatura infantil é puntual, o poeta asegura que escribiu sobre o pitiño con moito rigor e seriedade “como se fora un libro para adultos”. Apunta que traballou co protagonista do conto coa mesma intensidade porque “os nenos son pequenos pero non son tontos”.

“O pitiño revolucionario” está dirixido a rapaces entre tres e nove anos. Escrito para ser lido en alto, son os adultos os que teñen nas súas mans o reto de entoar un libro que soa. Sen a necesidade de botóns e accesorios. Simplemente coas palabras. n

 

López Valcárcel escribe para os nenos a historia sonora dun pitiño revolucionario

Te puede interesar