Lino Braxe leva o venres á escena “Esquema de farsa” sobre un escrito de Seoane

Lino Braxe leva o venres á escena “Esquema de farsa” sobre un escrito de Seoane
Manuela Varela é unha das actrices que participarán na obra

Lino Braxe rescata o que Luís Seoane recolleu nunha libreta nun “real clube” coruñés no que se repartiron medallas en medio da fame e que está publicado nos cadernos da Escola Dramática. O dramaturgo entendeu que a farsa que o intelectual se inventou despois de ser partícipe daquel espectáculo dantesco tiña que ser representada.

A Fundación Seoane será pois o venres ás 20.00 horas escenario para “Esquema de farsa”, unha lectura dramatizada de todo o que bateu Seoane na cabeza e que transcurre ao longo dunha cea na que todos comen e beben. No escrito, están os discursos reais que xa de por si son moi bos e representativos, e que Seoane completa coa posta en escena imaxinaria de Castelao e Rosalía e das viuvas do mar, entte outros.

Braxe dá conta deles para situalos nun programa de radio en directo, que conecta con ese real clube, “cun xornalista que fai entrevistas e move todo”.

Posta en escena
Tamén haberá un músico en directo no estudo. O profesional falará coa xente que está alí, arredor nunha mesa a modo de banquete real entre cuñas de radio do momento nunha homenaxe ao medio e á publicidade que se facía: “Ata aparece Matías Prats 15 segundos”, nun total de 40 minutos que se serven a golpe de “pim, pam, pum”. O coruñés sinala que é moi dinámica con moitas sorpresas e cánticos cando “os caldos galaicos soben á cabeza e saen a bailar pasodobres totalmente desinhibidos”.

Ao final, acaban lendo os discursos e no medio “aparece un home que foi emigrante e que non quere morrer alá”. Entón, a obra dá un xiro, vólvese sensible e dramática”. A francachela tórnase en tristura, grazas a un Seoane, que critica como pode ser que despois do vivido, “dos que emigraron nos anos 20 e 30, da Guerra Civil, do ano 1941 coñecido como o da fame, e do exilio, se celebre unha entrega de medallas polo Día do Emigrante Galego con toda a pompa: “Os que interveñen falan de hermanar a virxe do Pilar e a Colón”.

Así que nesa última cea que repensa Lino, as palabras daqueles teñen se cabe máis simboloxía do que representan realmente, “só elas teñen valor” porque fará que moita xente reflexione sobre a época pero tamén sobre o feito de “que non temos cambiado”. Sen fusilamentos e mortes polo medio, no tempo presente, fala Laxe, continúa habendo moita desa xentiña con discursos de plástico. Dez actores e un música farán que no museo que leva o seu nome, Luís Seoane estea máis vivo ca nunca cunha peza que une pasado e presente e fai “toc toc” no espectador. l

Lino Braxe leva o venres á escena “Esquema de farsa” sobre un escrito de Seoane

Te puede interesar