Julio Abalde | “Xa está cambiando radicalmente a forma de ver a Universidade e temos que transmitilo”

Julio Abalde | “Xa está cambiando radicalmente a forma de ver a Universidade  e temos que transmitilo”
Copia de El Ideal Gallego-9999-99-99-999-76e7337a

Julio Abalde superou hai poucas datas o ecuador do seu mandato como reitor da Universidade e amósase satisfeito co cambio de imaxe da institución e destaca o importante traballo de especialización en marcha.

Que balance xeral fai tras pasar o ecuador do mandato?
Un balance positivo, sobre todo tendo en conta que era a primeira vez que moitos do equipo de goberno facían labores de xestión e necesita un tempo de aprendizaxe, pero é un equipo magnífico que enseguida colleu as rendas da institución. Os pasos que avanzamos son para estar satisfeitos como institución.

O que experimentou nestes dous anos era o que esperaba do cargo ou houbo moitas sorpresas?
Levaba catro anos como vicerreitor e xa sabes un pouco a dinámica interna pero sempre é diferente. Non é o mesmo ter unha función executiva de vicerreitor que tes unha área moi concreta de traballo. Como reitor estás de coordinación e atento a todas as áreas, con unha visión máis de conxunto, iso é un pouco máis diferente pero non moito do que esperaba. Tes moitos máis temas de representación, sobre todo tendo en conta que queremos que a Universidade se abra á sociedade, iso supón moita participación e visibilidade.

De que está máis orgulloso?
Hai tres feitos que son de resaltar nestes dous anos. Por un lado, a revisión do mapa de titulacións, o acordo que se fixo coas tres universidades pero basicamente que a da Coruña puxo enriba da mesa as súas propostas e o plan de financiamento é máis favorable, ou polo menos non tan perxudicial como o anterior. Outro é a mobilización da Universidade en xeral para establecer as liñas de especialización que estamos facendo toda a comunidade universitaria. Outra é o deseño da nova oferta de títulos para o futuro, que cara 2020 é unha oferta ambiciosa que pode poñer á Universidade nunha situación importante. Ademais de seguir na liña de mellora da internacionalización e da calidade tanto da docencia como da potenciación da investigación.

E algo que aínda non é realidade?
Moito. A Administración ás veces nalgunhas cuestións é lenta e leva máis tempo. O importante é que a institución sexa consciente de cara onde quere ir, que todos arrimemos o ombreiro para tirar cara ese lado e tardaremos máis ou menos, pero se temos claro cara onde queremos ir, acabaremos indo. Hai proxectos que van máis lentos que outros, pero haberá que facer máis fincapé nuns que noutros.

Coa Administración pouco se pode facer para que vaia máis rápido.
Si, a Administración ten os seus tempos, pero sempre digo que é lenta pero segura. A Universidade que tiñamos hai cinco ou seis anos non se parece nada á que temos agora. A dixitalización do traballo da Universidade e da administración electrónica vai máis lento do que me gustaría, pero é un proceso imparable e non se parece nada a como facíamos a xestión hai dous anos e agora. Son cambios que coa rutina non es consciente.

E os retos para esta metade?
Consolidar os proxectos. O que estamos sentando son as bases para que despois a Universidade poida dar un salto moito maior dende o punto de vista da docencia, investigación, internacionalización, percepción social e colaboración co noso entorno, tanto empresarial como institucional. Agardo que nos próximos dous anos todos eses proxectos cristalicen e se obteñan resultados porque moitas veces son procesos que os resultados se acadan no final da lexislatura.

No Día da Universidade mencionaba a internacionalización e a calidade como dous dos bases sobre as que traballar.
Basicamente. A calidade da docencia ten que ser un elemento básico porque a calidade da nosa formación se ve nos nosos egresados, temos que ser capaces de formar cada vez mellores titulados. Estamos traballando niso, seguimos traballando cunha estrutura de grupos que favorece a interacción profesor-estudante, estamos con procesos de innovación docente, poñemos ferramentas novidosas dende o punto de vista de tecnoloxías para aplicar dentro da docencia e o profesorado está participando cada vez máis. Sacamos un programa de innovación docente no que hai infinidade de propostas do profesorado para facer e algunhas xa se están implementando. Todo iso vai xerar un ambiente de innovación, mellora e propostas de traballo conxunto que redundará na mellora de formación dos nosos titulados. Os datos laborais así o confirman, somos das universidades cunha inserción laboral máis alta, en abandono somos a que menos ten do sistema galego e case dez puntos por debaixo da media. Estes datos confirman que a Universidade vai pola senda da mellora continua, o fin e ao cabo a calidade é facer as cousas cada vez un pouquiño mellor.

Eses datos refrendan que se fan ben as cousas.
Iso é o que temos que ser capaces de transmitir á sociedade, estamos mellorando a imaxe da Coruña, sobre todo porque están empezando a saír datos que din que somos unha universidade cunha calidade docente importante, que os titulados teñen unha boa inserción no mercado laboral e que temos grupos de investigación punteiros nalgunhas áreas. Somos atractivos á hora de captar titulados e profesores e se ve co programa Intalent coa cantidade de xente disposta a vir. Xa está cambiando radicalmente a forma de ver a Universidade de Coruña, temos que ser capaces de transmitilo a nivel estatal e internacional.

Que aportarán os novos graos e másteres?
Unha maior especialización da formación. Ademais os graos van a ir a sectores profesionais ou nichos de formación que ata agora debido ó avance tecnolóxico eran lugares aínda non explorados dende o punto de vista da formación, aí temos o grao de paisaxe, o de xestión de moda, o que se vai poñer en marcha de xestión de datos ou o de contidos dixitais. Son sectores importantes dentro da comunidade autónoma e que ata agora non tiñan formación específica universitaria para formar profesionais e tamén coñecemento que favoreza o desenvolvemento e a innovación deses sectores. Os mestrados son cara especializacións necesarias neste momento, son moi tecnolóxicos, coma a Universidade, pero o que nos distingue é o peso tecnolóxico. Por exemplo a Facultade de Informática é unha referencia tanto a nivel nacional como internacional.

Dicía que o financiamento está mellor, pero aínda queda camiño.
Cremos que se mellorou na parte de financiamento estrutural, a do reparto interno. Manteño que o problema do financiamento non é tanto a parte que nos corresponde a cada universidade como o peso que ten sobre o PIB galego. Aí seguimos nunhas posicións moi retrasadas con respecto ó resto de comunidades. Melloramos a porcentaxe na parte estrutural e queda por mellorar na parte de resultados, nos que melloramos continuamente, pero os indicadores que se utilizan son moi perxudiciais para a Universidade, aí debemos traballar. Ten que ser sempre en base a convencemento, diálogo e cooperación co sistema e con outras universidades.

A Universidade está nun momento de inflexión cara a especialización ou xa está de pleno?
Xa estaba, o que estamos facendo agora e visibilizala. Aproveitamos as fortalezas que tiñamos para que actúen como tractores do resto da Universidade. Son fortalezas para que a Universidade sexa consciente de que esas cousas son a nosa especialización e que niso queremos ser referentes. É máis un tema de coordinación, visibilización, establecemento dunha forma de traballo dentro da Universidade que aproveite sinerxías e colaboración entre os distintos centros e grupos e polo tanto iso é o que estamos a facer. O que me interesa é que estamos mobilizando a todo o persoal da Universidade, que está participando neste proceso aportando as súas ideas e se está integrando no proceso. l

Julio Abalde | “Xa está cambiando radicalmente a forma de ver a Universidade e temos que transmitilo”

Te puede interesar