martes 1/12/20

Julio Abalde | “A sociedade ten que entender que cando se está investindo en ensino superior, faise en futuro”

A Universidade abre mañá un novo curso no que apostará pola internacionalización e a especialización como liñas mestras. O reitor, Julio Abalde, solicita maior financiamento para o ensino superior xa que é fundamental para a investigación e o desenvolvemento

Julio Abalde ocupa el cargo de rector desde comienzos del año pasado | javier alborés
Julio Abalde ocupa el cargo de rector desde comienzos del año pasado | javier alborés

A Universidade abre mañá un novo curso no que apostará pola internacionalización e a especialización como liñas mestras. O reitor, Julio Abalde, solicita maior financiamento para o ensino superior xa que é fundamental para a investigación e o desenvolvemento tanto na cidade coma na comunidade ao tempo que traballa co obxectivo de reducir a carga administrativa do mestrado.

Como se presenta o novo curso?
Con normalidade. Estamos nunha fase na que se produciron as matriculacións e con todo preparado tanto para recibir os novos alumnos como os que continúan os seus estudos.

Cales serán as principais novidades neste ano?
É un ano de consolidación da oferta que tiñamos e de transición porque o ano que vén temos previsto poñer en marcha un número importante de novos títulos e neste ano estamos preparando todos os procesos de verificación. Estamos cada día avanzando máis en perfilar a nosa oferta e imos no bo camiño.

Será este un ano máis tranquilo respecto ao próximo?
Respecto a temas de especialización do campus estamos comezando os traballos dos plans estratéxicos e este ano estaremos traballando no deseño do que queremos que sexa a Universidade no futuro, vai ser un ano intenso de traballo en colaboración cos grupos de investigación para poñer a Universidade na senda desa especialización necesaria.

A especialización é unha das principais liñas a seguir?
Si, é unha aposta xa decidida no anterior equipo de goberno pero que agora é o momento de abordar este proceso. Estamos detectando cales son as nosas fortalezas e imos polo tema da innovación dixital en todos os eidos e da sustentabilidade, creo que son os que poden coordinar a oferta e facer realmente representativa a Universidade da Coruña a nivel nacional e internacional.

O obxectivo ten que ser converterse nun referente?
Claro, o que pretendemos é que esas liñas actúen como elementos tractores para que a Universidade poida aproveitar eses puntos fortes para pular da totalidade da entidade.

Dentro dese obxectivo de ser referente tamén será importante a internacionalización.
Nese aspecto estamos traballando moito en poñer en marcha títulos conxuntos con universidades estranxeiras. Xa temos un número importante de mestrados, oito, que son internacionais, pero tamén dispoñemos de dous graos que están realizándose conxuntamente con universidades estranxeiras, polo que os estudantes teñen a posibilidade de acabar cun grao internacional e tamén incrementando a nosa oferta de títulos con itinerario en inglés. Esas son vías necesarias para este obxectivo e que os nosos estudantes poidan intercambiarse de maneira fluída e que sexamos elementos de atracción para estudantes estranxeiros.

Hai prevista algunha nova colaboración con universidades estranxeiras?
Esta semana veu unha delegación de universidades colombianas e en outubro vou a Santo Domingo. Temos vías de colaboración con institucións mexicanas, uruguaias, arxentinas, australianas, inglesas, alemás...

Hai outras liñas mestras de cara a evolución da institución?
Estamos facendo un auténtico esforzo por mellorar o que sempre se queixan os profesores e con razón, que é a carga administrativa e burocrática que é tan importante neste momento. Temos que buscar ferramentas a través da administración electrónica que nos permitan alixeirar esa carga porque está claro que en moitos casos os procedementos que nos veñen impostos de fóra, por esa vía non lograremos a xestión, pero si poñer en marcha ferramentas internas. Temos unha aposta decidida por transformar a xestión dentro da universidade por unha que sexa administración electrónica, este ano daremos pasos moi importantes nese camiño. Son temas que moitas veces no se ven, pero que aí están, como a renovación da rede wifi. Permiten que o traballo cotián académico e administrativo sexa máis sinxelo.
Como está funcionando a reestruturación de centros e departamentos?
Sen problemas, que é o mellor que se pode dicir dunha reestruturación deste tipo. Os departamentos que tiveron o cambio máis drástico realizaron o seu POD con normalidade o curso pasado e neste momento están adaptándose á nova situación e elaborando os seus regulamentos de réxime interno pero o que destacaría é que, excepto situacións puntuais dalgunha cuestión que hai que ir axustando, o funcionamento é absolutamente normal. É a axenda na que están case todas as universidades españolas e tomamos a decisión.

Como se recibiu a compensación da Xunta referente ao plan de financiamento?
Con satisfacción, non tanto pola contía, que por suposto é importante, senón sobre todo porque é o recoñecemento de que o que dicía a Universidade era o certo. Estábase a facer unha interpretación do plan que non se correspondía coa situación inicial e que estaba perxudicando á Universidade. Iso supón que segundo os cálculos feitos pola Xunta tiñamos unha infrafinanciamento aproximadamente de dous millóns de euros. Case é máis importante dicir que nós cando protestabamos non era porque non estiveramos de acordo, senón porque pensabamos que tiñamos razón, iso é o máis importante, de recoñecemento de labor do anterior equipo de goberno e do reitor e vicerreitora de asuntos económicos anteriores que tiveron que lidiar con esta situación. E por suposto o diñeiro tampouco ven mal.

Estades de acordo co financiamento da Xunta de cara aos próximos anos?
Si, na última comisión de seguimento revisouse o funcionamento do plan e agora está funcionando mellor que no principio. A estrutura e a idea do plan están ben, había que corrixir determinadas cuestións e na parte do fondo estrutural creo que xa se está facendo. Na parte de resultados habería que realizar unha pequena corrección, sobre todo de determinados indicadores, pero creo que o plan é o que é. O problema non é tanto como repartimos os fondos entre as distintas universidades, senón cal é a magnitude do fondo. É unha cuestión que temos que ver a nivel de comunidade autónoma, se o que estamos gastando en educación superior se corresponde ou o que despois queremos que as universidades respondan. Se queremos que estean nun lugar importante ou relevante, que teñan un papel fundamental dentro do Estado español, hai que poñer un financiamento adecuado. Ese é o debate, non tanto como repartimos a contía, senón o nivel da mesma. Temos que ver que o peso da educación superior, canto supón respecto ao PIB galego e se está de acordo cos estándares cos que nos queremos comparar. Temos que saber que esa variable de financiamento é un fundamental.

A Xunta é receptiva a esa visión de que é necesario ampliar o financiamento?
É receptiva no sentido de que sabe cal é esa situación. É consciente delo e está tomando as medidas adecuadas para lograr un nivel homologable das tres universidades. Respecto á contía, entendo a Xunta. Se quere incrementar o PIB, dalgún lado terá que sacalo, pero iso pasa por que a sociedade entenda que cando se está investindo en educación superior faise en futuro, non se está gastando, e a sociedade veríao con mellores ollos. Agora non é sempre así, non é tanto un problema de comunidade autónoma a hora de facer os orzamentos, senón de que a sociedade se conciencie de que para ter futuro hai que inverter en investigación e desenvolvemento e as universidades fan o 70% en Galicia, é un elemento importante. Se non temos un sistema ben financiado, dificilmente teremos empresas competitivas ou innovadoras, que son o núcleo para o desenvolvemento sostible da economía e socialmente responsable. l

Comentarios