domingo 20/9/20

José Manuel Sande | “A cultura radical e autónoma non foi un votante directo para o bipartidismo”

Sande asegura que a cultura xa non depende dun concelleiro no despacho decidindo, senón ­dunha cidade activa, desas ausencias que hoxe se teñen en conta na programación

Sande cre que Marea pasará á historia como un goberno honesto e transparente | j. alborés
Sande cre que Marea pasará á historia como un goberno honesto e transparente | j. alborés

Sande asegura que a cultura xa non depende dun concelleiro no despacho decidindo, senón ­dunha cidade activa, desas ausencias que hoxe se teñen en conta na programación baseadas nnha relación de iguais que estableceron. Eliminando privilexios.

Con que non contaba á hora de asumir o cargo?
Todos os cambios nunha planificación interna son difíciles porque o ser humano tende á inercia. Un atopa fórmulas que non coinciden coas premisas que ten á hora de abordar algo. En xeral, a Marea desde o principio si que ten unha perspectiva de incidencia nesa organización interna, e o que se falou desde sempre da vontade de honestidade e transparencia están presentes nas súas diferentes políticas, pero instalalo ten a súa complexidade. O difícil é establecer os pasos, ás veces as resistencias non son tanto nas relacións internas cos equipos senón no tipo de relación que historicamente se estableceu co que está fóra, que ten que ser bidireccional. Marea supón unha quebra con ese sistema anterior no que creo que houbo moitas prebendas, un funcionamento unidireccional, unha idea do Concello –non vou dicir como unha banca–, pero si como un lugar no que buscar cousas concretas, e creo que todo iso ten que ter outra formalización, por iso fixemos fincapé na concorrencia, nas axudas en cultura e deportes, en tratar de establecer outros procedementos que axudasen a esa organización interna.

Conseguírono?
Creo que si, que progresivamente ese rigor se vai entendendo no sentido que aquel que tivese prebendas ou privilexios entendeu que non os ía ter con todas as dificultades porque nestes tres anos tardáronse en aprobar os orzamentos e foron botadas moitas cousas en contra, gobernamos en minoría... Eu sempre penso que o 50 ou o 60% das dificultades que temos no día a día seguramente que nun goberno en maioría se evitarían, pero tamén é unha parte do reto.

De que se sente máis orgulloso?
Creo que podemos sentirnos orgullosos de desterrar moitos tópicos do sectarismo á paralise. Calquera que analiza as políticas de goberno ve que iso está aí e se cumpre, e por outro, hai unha parte de guerras culturais relacionadas coas prebendas e privilexios, con convenios de servilleta, que sucederon en gobernos anteriores caendo na facilidade, no aburguesamento, na traizón ás premisas coas que viñan e nós non estábamos dispostos a iso. Creo que se deixa claro desde o principio e foi o que fixemos para que a xente soubese as relacións que se ían establecer.

Como cre que pasarán á historia?
Como un goberno honesto, transparente, que incentivou a participación, que era inclusivo e non paternalista, que non trataba de impoñer e que chegou nun momento de quebra cun sistema que se estaba descompoñendo. A todas luces era fallido porque había unha crise moito máis gorda que a económica, era tamén política e ideolóxica. O bipartidismo non podía ir máis lonxe, e creo que aínda hoxe non aprenderon a lección, é terrible, pero os resultados de 2015 teñen que ver cun desexo de rexeneración da sociedade e tamén cun fracaso dese sistema. Nese sentido, foron anos fructíferos porque se foi afianzando algo que parecía minoritario a través de prácticas políticas reais.

Non pensan o mesmo a maioría de asociacións veciñais, que falan de que esa participación da que presumen non é real.
A participación require un proceso de transformación, non xorde dun día para o outro, se un non está participando no sistema non asiste inmediatamente. Abríronse novas canles de contacto, algo que ten ver co tecido veciñal que no pasado estivo influído politicamente. Marea non ten ningunha intención de influír nel no sentido invasivo, de dirixismo dese tecido, senón que ten unha relación de igual e iso non foi un intento de deslixitimar ás asociacións veciñais, todo o contrario, de feito creo que un dos resumos máis negativos do vazquismo foi que aniquilou parte do tecido veciñal. Por esa liña, a participación é gradual, fixéronse avances e agora estamos co cárcere, coas naves de Metrosidero, estamos en procesos con novos modelos de xestión.
Que tipo de infraestruturas se crearán no Cidea para a mocidade?
Crearase un proxecto que non existe na cidade, no que introducir actividades que afectan á cultura urbana nada usuais, e que teñen prácticas autónomas no sentido precario, o parkour, skate ou o rocódromo, prácticas con problemas de falta de instalacións. É necesario que un concello se modernice e hai lugares onde non chegou a administración. Para pensar as infraestruturas que acollerá o Cidea é tan fácil como mirar as ausencias que hai na cidade e que non foron atendidas nunca. Os sectores que non interesaban electoralmente non foron atendidos. É dicir, a cultura urbana máis radical e a autónoma non foi un votante directo para o bipartidismo.

Haberá sitio alí para os grafiteiros?
Pode haber moitos máis espazos para iso. É un tema que se está traballando, hai unha escolma feita con espazos e lugares destinados a murais, grafitis e expresión urbana. Son investimentos necesarios. O relevante nas naves é que se experimenta con novos modelos de xestión. Temos o cárcere como unha primeira tentativa e aquí traballamos nun proceso diferente con moitas entidades co fin de desenvolvelo entre todos. Un dos erros dos anteriores son os proxectos paternalistas, de “eu sei o que é mellor para ti” e pasamos a unha relación de iguais, onde o cidadán define os usos. Xa levado á parte de cultura e deportes, as axudas, residencias e coproducións, todo ten que ver con ese modelo onde o concelleiro non decide no despacho, son os axentes artísticos e culturais quenes deciden e os proxectos son valorados por comisións especializadas.

Proxecto Cárcere comezará cun espazo moi reducido. Para cando estará dispoñible o resto que incluía a reforma inicialmente?
Iso ten que definirse de varias maneiras. É necesario que o Ministerio comprenda que o Concello quede como administrador, que a cesión sexa definitiva, e despois hai unha parte de edificación e de estudos técnicos, na que calquera operación ten que ver con condicionantes de seguridade e na que nos gustaría que se ampliasen os usos pero dependen dese respecto á legalidade.

Os comerciantes critican a pouca marxe que hai desde que se presentan as festas ata que son para atraer turismo e visitas.
Pódese mirar na hemeroteca e sempre estamos falando de mediados, entre o 15 e o 20, por non falar das dificultades que representa argallar un auténtico monstro en magnitude que son as festas de María Pita. A duración é desmesurada, un mes completo que supón todo unha carga de programación e de traballo e de esforzo inxente. Nestes anos foi difícil pola incertidume orzamentaria e modificativos que non se sabían se ían aprobarse.

Mantéñense as cifras do ano pasado?
Si, máis ou menos. Hai unha lixeira subida asociada ao Noroeste e á propia contribución de Estrella e o crecemento do festival, e despois son costes similares.

Dificultou o proceso a marcha dun asesor? Que pasou con Xulio Vázquez?
Que pasou? Que os equipos se reestruturan e hai cambios como hai cambios en todos os traballos, pero foise desenvolvendo igualmente neste tempo, e agora corresponde outra etapa con outra persoa na concellería.

É posible afianzarse no mapa picassiano sen obra do xenio?
Moi difícil, creo que nesa idea de ter algún sinal de comparación con Barcelona e Málaga é que teña outros usos. Se non Picasso, pode estar o seu espírito e vincular o edificio a residencias artísticas e procesos de produción, e logo hai todo un compoñente de investigación que podería facer que a casa museo fose complementaria a Barcelona e Málaga l

Comentarios