O grupo Chotokoeu despedirase o 29 de decembro cun concerto no Garufa Club

O grupo Chotokoeu despedirase o 29 de decembro cun concerto no Garufa Club

O grupo coruñés con residencia en Uxes anunciou onte nas redes sociais a súa disolución tras un década levando acordes festeiros aquí e acolá. Contan que o próximo ano, cada un dos que integran a banda seguirá o seu propio rumbo, rematando así unha “fermosa etapa chea de música, aventuras e emocións”. Despois de todo este tempo no que cruzaron Europa en varias ocasións, din non ter palabras para describir “o incrible que foi esta experiencia e o orgullo que sentimos por facer posible co noso esforzo e o voso apoio, un proxecto tan utópico e marabilloso como Chotokoeu”.
O segredo de sobrevivir dez anos foi para eles o feito se manterse sempre independentes, asamblearios e, sobre todo, de seren persoas “por riba de calquera obxectivo”. Lonxe dos divorcios e das rupturas conflitivas, a formación chega a este punto dun xeito consensuado sen problemas nin discusións que emborronen todo o vivido. Por iso, a familia seguirá unida, coas portas abertas para o que faga falta e co desexo de que “chotoko” volva a soar pronto.


Como despedida, tocarán o 29 de decembro na sala Garufa Club. A xira “Ata sempre”, que rematará na casa, terá antes outras citas como a deste sábado en O Bierzo, onde participarán no Magosto Celta de Balboa. Ademais, estarán o 10 no Castañazo Rock de Chantada e o 18 en Oviedo. En Galicia darán un concerto o 19 no Aturuxo, de Bueu, para tocar o seu último repertorio na sala Caracol de Madrid o 24, e na Tararí de Ponferrada, o 25. O 1 de decembro participarán nun directo solidario en Pontecaldelas e o 7 actuarán no Clavicémbalo de Lugo.
Todas elas serán unha oportunidade para gozar desa variedade de estilos que destilan, un abano tan amplo como o idioma que elixen para transmitir cousas ao público. Contaba o batería Rubén a este xornal que o idioma flúe. Depende do momento, as cancións falan en castelán, galego e incluso en italiano. Por outro lado, o seu traballo reflicte a súa filosofía, cando oito amigos se xuntan para facer festa alí por onde pisan. Deste xeito, os holandeses e belgas aos que visitaron cada ano non necesitaban entender as letras. Bastáballes con compartir os ritmos festeiros. Tiveron para todos, rebozados dun estilo elástico como un chicle: “Cada tema é para analizar”, dicía Rubén.

O grupo Chotokoeu despedirase o 29 de decembro cun concerto no Garufa Club

Te puede interesar