Freixanes presidirá a RAG nunha liña continuista ao equipo anterior

Freixanes presidirá a RAG nunha liña continuista ao equipo anterior
O novo presidente recibiu o voto positivo de 18 dos 19 que votaron no pleno pedro puig

Víctor Fernández Freixanes foi elexido onte presidente da Real Academia Galega nun plenario no que de 28, 18 votaron a favor da súa proposta, un fíxoo en negativo, seis ausentáronse e tres escusaron de non estar ocupando cadeira. O escritor aposta por darlle continuidade ao equipo de Alonso Montero, do que destacou o seu traballo enérxico, de talento e xenerosidade, para colocar a Henrique Monteagudo como secretario, Andrés Torres, de vicesecretario; Marilar Aleixandre, como tesoreira; e Final Casalderrey, no arquivo.

Aínda que lle gustaría que a parte crítica estivese onte na sede “para opinar que non están dacordo”, chamou a todos a traballar, aos presentes e os que non participaron, aos correspondentes e os de honra, “porque eles tamén son academia”. Dixo comprender as posicións distintas “porque forman parte da democracia” e afirmou que no seo da institución non hai unha situación complicada.

No discurso co que estreou a presidencia falou da súa principal obsesión que é a comunicación e as novas xeracións. Porque o futuro é posible sempre que se implique á sociedade civil e ao mundo da economía e a industria, conquistalo depende do traballo e da ilusión. Por iso, gabou o feito polos anteriores na web co “portal das palabras”, o diccionario e o léxico. Con toda esa base, a nova directiva tratará de crear espazos comúns de afecto como o que lle permitiu cultivar a el o galego despois de medrar en castelán: “O 90% dos meus alumnos de Xornalismo falan comigo en galego, por que despois non?”, indicou para afirmar que os medios públicos están desaproveitados e traballar tamén nos privados porque como comunicador que é, sabe que a xente é moi receptiva.

A lingua é de todos os galegos, “é un activo incluso económico” do que moi poucos países poden presumir. Con 2,8 millóns de galegos máis os que viven fóra, “e aos que hai que prestar atención”, Freixanes insistiu na necesidade de visibilizar o que se fai, de implicar aos mozos na estima, uso e na causa do idioma, algo que a RAG pode facer en harmonía con outras entidades para “sacar o máximo rendemento”.

O novo responsable atenderá ao Día das Letras Galegas como primeiro obxectivo dado que Carlos Casares arrastra moitas adhesións e vontades. Esixe moito esforzo. Traballará asemade na comunicación e na gramática e na aprobación dos orzamentos xa que como academia científica e privada, necesita de recursos.
Fronte as críticas que recibiu ao non presentar un programa, Freixanes sinalou que as intencións nunca se fixeron públicas antes do pleno e que “coñecémonos todos, todos estamos moi vistos entre nós, non son as eleccións á Casa Branca, aquí os 28 que teñen que tomar unha decisión levan dándolle voltas desde hai meses por non dicir anos”. Nese conxunto de leiras que semella ser o grupo, Víctor dixo que tratou de facer a maior concentración parcelaria posible: “Non é a ideal, porque a ideal era que estivesen todos”. Aínda así, asegurou que ía poñer o corazón no ente que creou Murguía.

Freixanes presidirá a RAG nunha liña continuista ao equipo anterior

Te puede interesar