A festividade pasa por ser xogo, lectura, poesía, cóctel, concerto e moita literatura

A festividade pasa por ser xogo, lectura, poesía, cóctel, concerto e moita literatura
El Ideal Gallego-2014-05-18-001-0c125ab1

O Día das Letras Galegas celebrouse onte cunha serie de actos que foron máis alá do de sempre. A figura do poeta Xosé María Díaz Castro foi lembrada en A Rincadeira cun cóctel que levaba o nome da mellor obra do escritor de Guitiriz. “Nimbos” sabía a albariño e a mestura do viño con outros produtos do país. 
A Deputación erguía en Méndez Núñez unha “Casa dos xogos”, na que os nenos se achegaron a moitos dos divertimentos cos que pasaron o tempo os seus avós. Ningún entendía de botóns táctiles e os pequenos foron felices entre pezas de madeira. Xa pola tarde, foron espectadores da obra “A nena e o grilo nun barquiño”, de Magín Blanco con música de Ghazafelhos. 
A festividade foi contacontos e presentación de publicacións na librería Suevia; microfest-a de música na Casa Tomada onde os grupos The Lost Omelette-makers, Esquíos, Machina e Rebeliom do Inframundo falaron con acordes nun lugar normal dun país corrente. La Tuerka 27 encheuse de “tuerkeros” cativos, que protagonizaron un recital onde a poesía foi en galego. Eles elexiron os versos e con eles amosaron ao resto o seu amor pola lectura. 
Pola súa parte, o PSOE aproveitaba a efeméride para facer unha lectura compartida e fallar o premio Narrabreve na Casa do Pobo. Nunha xornada, na que o himno se escoitou en varios puntos da cidade. Nun deles, decenas de coruñeses berraron “Queremos galego”. Baixo o lema de “Un paso adiante, e outro Adiante, Galiza! Defendamos o noso idioma”, os que se congregaron á carón do teatro Rosalía estiveron atentos ás verbas de Xurxo Souto nas que o intelectual dicía que o 17 de maio desgraciadamente tiña que seguir sendo unha data de reivindicación, “dados os ataques que en materia de ensino, administración, medios de comunicación, está a sufrir o noso idioma”, sinalaba Souto no seu discurso. 
Alí, no lugar no que se venera a unha grande cada día que toca función, o artista lembraba que ademais de levar o nome da poetisa, “está situado no mesmo predio do Teatro Principal, lugar onde en 1904 Curros Enríquez foi coroado como poeta polo pobo coruñés”. 
Foi así como se culminou unha semana, a do Día das Letras Galegas, que pasou por ser concerto, recital e videopoesía no CGAI, que foi charla na escola Pablo Picasso e agasallo na biblioteca da Deputación, que condecorou a aqueles que levaron literatura galega cunha recompensa. Entre entidades e organismos públicos, as letras estiveron máis vivas ca nunca nunha serie de citas que aínda proseguen na xornada de hoxe cun directo. O da Banda Municipal, ás 20.00 horas. O escenario non podía ser outro, o Rosalía será testemuña da voz de Susana de Lorenzo interpretando temas coma “A Rosalía” e “Unha noite na eira do trigo”, do gran Curros ou “Negra Sombra”, de Rosalía. Dirixido por José Luis Represas, o percorrido pola canción do país poñerá a última das notas. n

A festividade pasa por ser xogo, lectura, poesía, cóctel, concerto e moita literatura

Te puede interesar