Ferrín informará sobre a súa decisión definitiva “no seu debido tempo”

Ferrín informará sobre a súa decisión definitiva “no seu debido tempo”
méndez ferrín esquivou as preguntas relacionadas coa decisión de dimitir tomada o luns pasado quintana

Dicía o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, que onte non tocaba falar sobre se ía repensar ou non a súa postura despois de presentar o pasado luns a súa dimisión formal da entidade. Tampouco vía oportuno Ferrín tratar os contidos da próxima sesión plenaria. Nin sequera poñer data á cita. E moito menos aventurar o destino que levarían os orzamentos este ano.

O presidente da RAG presentaba onte na
sede un diccionario sobre gastronomía

O responsable sinalaba que sobre todas esas cuestións informaría “no seu debido tempo”. Aínda así, a polémica marcha do ourensán da sede da rúa de Tabernas suscitaba o apoio de moitas personalidades da cultura e da política incluido a do presidente da Xunta, Núñez Feijóo, que loaba o traballo feito polo poeta na entidade xunto co conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, que lamentaba a renuncia e agradecía o esforzo de quen di agora que abandona o barco.

Cun “non insistan”, o presidente daba boa conta do seu saber gastronómico para presentar “Diccionario de alimentación e restauración”, unha publicación que colleu forma grazas ao servizo Termigal e que foi coordinado por Manuel González. O volume con preto de 3.000 conceptos relacionados coas materias de cociña, alimentación, bebidas, pratos e procesos culinarios supón unha ferramenta para combater a desgaleguización que desde o poder se pretendeu anos atrás, tal e como dicía Ferrín.

Estas malas prácticas, engadía, fixeron que na época do seu pai a palabra “pescada” desaparecera da fala a prol de “merluza”. O mesmo ocorreu en menor medida coa “robaliza”, un peixe ao que lle puxeron “frac” ao cambiar a súa denominación por “lubina”, algo que na parte de Fisterra xustifican por aquelo de que así nos restaurantes poden cobrar máis.

O presidente criticaba tamén a pouca conciencia das grandes conserveiras que etiquetan ás que en A Coruña son “parrochas” e no sur “xoubas” como “sardinillas”.

Pola súa parte, Manuel González pedíalle á Asociación Provincial de Hostelería de A Coruña que adoptaran o galego como lingua de partida nos seus establecementos e que ofreceran a carta no idioma. En definitiva, que chamaran as cousas como aparecen no libro. Dicíao o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen explicaba que os termos poden consultarse tamén na rede, a través das páxinas da RAG, a do centro Ramón Piñeiro e a Xunta.

Explicaba Manuel González que de non arbitrar este tipo de medidas, o diccionario non tería sentido. Sería unha ferramenta sen uso. Nun país que está “moi lonxe de acadar un nivel de xeneralidade propio dun territorio con lingua de seu”.

Ferrín informará sobre a súa decisión definitiva “no seu debido tempo”

Te puede interesar