A Feira do Libro aglutinará 34 postos e 96 actividades do 1 ao 10 de agosto

A Feira do Libro aglutinará 34 postos e 96 actividades do 1 ao 10 de agosto
José Manuel Sande presentou con Anxo Lorenzo e Antón Pedreira a programación da feira patricia g. fraga

Serán en total 34 casetas postas ao servizo do libro e o fomento da lectura. En dez días, a Feira do Libro que chega a súa 44 edición congregará en Méndez Núñez a máis de 150 escritores do país. Levará as letras por 96 actividades, entre coloquios, presentacións e sinaturas, e acollerá a futuros lectores, os nenos, nunha carpa ateigada de ocio no que as historias terán patas e bailarán ao son da música e a tradición oral. O concelleiro de Cultura, José Manuel Sande, presentou onte unha cita que tildou de tradicional nun perímetro aderezado para a creación local, que é xa un símbolo. Do verán e da cidade que terá unha primeira entrega do 1 ao 10 de agosto co novo libro para mergullarse na segunda quincena no antigo e nos volumes de ocasión. 
Por outra banda, o cómic terá acubillo tamén atendendo ao público que acuda ao salón Viñetas desde o Atlántico e aos que queiran poñer un pé no xénero que se alimenta de bocadillos de papel. Sande lembraba que despois destas citas, virán outras como a presentación dun plan para as bibliotecas e a celebración do centenario de Irmandades da Fala en 2016. Pola súa parte, Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, falaba de que a feira coruñesa tiña un pouso importante sendo “unha das principais de Galicia e do estado”. 
A actividade comezará o sábado ás 12.30 horas tras un acto inaugural, no que tocará a Banda Municipal como a primeira das colaboracións do Concello e no que a escritora Mercedes Queixas lerá un pregón, interpretado na linguaxe de signos como o resto de intervencións que terán lugar nos xardíns. 
A partir da tarde e ata o día 10, Méndez Núñez recibirá a escritores da talla de Manuel Rivas, Elena Gallego, César Antonio Molina, Xerardo Quintiá, María Solar, Xavier Alcalá, José Mejuto, Fran P. Lorenzo, Ledicia Costas, Manuel Blanco Desar, Antonio Reigosa, Alfredo Conde, Elena Galván e Suso Lista, entre outros. O propio Pedreira destacaba o coloquio que protagonizarán o editor Manuel Bragado e Fran Lorenzo sobre a vida do libro. 
Tratarase tamén de fomentar o hábito a ler. Por iso, estará presente a biblioteca González Garcés e haberá un desconto do dez por cento, ademais dun sorteo diarios dun lote de libros e unha estancia en Caldaria na xornada do sábado. O secretario xeral da Consellería de Cultura, Anxo Lorenzo, manifestaba a súa intención de colaborar co actual Concello e agradecía o feito de seren recibidos xa que en outras localidades, “en actos de difusión pública desaparecen do mapa”. 
Tampouco faltarán actividades para lles achegar aos máis novos o libro e a lectura. O espectáculo de maxia cómica “Leo Leíño”, a cargo de Leonor Rodríguez; o contacontos de Miguel Ángel Alonso, a presentación do libro disco “Sira e o robot. Adventures on Titan”, “A gramola gominola”, de Galaxia; o contacontos e actividade de ilustración con María Lado sobre o seu libro “Porque Cuqui non quere ir á lavadora’ ou ‘Gatuxo”, con Magín Blanco, serán algunhas das propostas para o público infantil.

A Feira do Libro aglutinará 34 postos e 96 actividades do 1 ao 10 de agosto

Te puede interesar