Feijóo valora na Academia o sentido da clarividencia de Valentín Paz-Andrade

Feijóo valora na Academia o sentido da clarividencia de Valentín Paz-Andrade
Carlos Negreira, Alberto Núñez Feijóo e Xosé Luís Méndez Ferrín eloxiaron ao intelectual vigués susy suárez

  A Real Academia Galega acollía onte a presentación do libro “Valentín Paz-Andrade. Xornalista para un país”, de Tucho Calvo e Xosé Luís Axeitos, que definía a laboura xornalística do vigués como a propia dun salmón que ten que atender a distintas correntes ao longo da súa vida e loitar a cotío por sobrevivir: “Mantívose facendo un traballo non de acuario nin de augas tranquilas”.

Por iso, a necesidade de honralo porque “nos dignificou como país”. O coautor falaba de cando o intelectual xuntou os méritos para ingresar na RAG en sustitución de Vázquez Saco. Corría o ano 1963 e un Otero Pedrayo apoiaba o nomeamento do escritor por ese afán construtivo que fixo de el un espléndido poeta, político e xornalista. Ademais de experto en economía.

Neste aspecto, o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, sinalaba a súa teima por enfrontarse coa economía, algo necesario “se non queremos deixar de ser protagonistas do noso propio destino” porque “esquecer a realidade económica ou subtituíla por quimeras conduce inexorablemente a unha perda de autonomía”. Para o responsable do Goberno autonómico, esta mensaxe podería ser aplicada perfectamente a estas alturas do século XXI.

Por outra parte, Feijóo detíñase a valorar as reflexións que Paz-Andrade vertía como advertencia do que ía vir. Non erraba. Súas foron as palabras nas que alertaba da importancia económica do turismo, sector que se convertería na máxima potencia do país anos despois. Tamén foi seu o prognóstico sobre a trascendencia das infraestruturas portuarias para Galicia e tamén o que tiña que ver cun problema demográfico nos sesenta que vén arrastrando Galicia desde aquela para preocuparse polo destino do aforro galego ou a internacionalización do idioma no mundo da lusofonía.

O presidente recalcaba entre o herdado de Paz-Andrade a magnífica cabeceira “Galicia”, no que Valentín foi un cultivador de futuro e non se limitou a remover o pasado e insistir nas mesmas cousas. Foi máis alá. Deste xeito, o xornalista foi quen de fabricar un día de corenta horas. Dicíao Carlos Negreira: “Para xerar opinión, criterio e debate”. Da súa personalidade o alcalde quedábase co carisma, a formación e a capacidade innata para despuntar en todo. Para el, Paz-Andrade foi un exemplo de que esta terra é de grandes emprendedores.

Por outro lado, Negreira despregaba o programa co que o Concello celebrará o Día das Letras Galegas. Se ben os actos principais terán lugar en Vigo, cidade natal do homenaxeado, A Coruña festexará que o idioma está vivo cun concerto extraordinario mañá, ás 12.15, no Rosalía protagonizado por Cántigas da Terra.

 

Actos > Ao longo do mes, haberá charlas o 23 e o 24 no centro Ágora para pasar a un espectáculo multimedia, o día 25, na biblioteca do Castrillón baixo o título de “Poetic Dj” e un taller poético no mesmo espazo, o 31, impartido por Estíbaliz Espinosa. As bibliotecas municipais serán hoxe partícipes da festividade cunha lectura pública no Ágora, ás 18.00, e un recital poético na Infantil e Xuvenil, ás 20.00 horas. En resumo, todos os centros bibliotecarios estarán ás sete da tarde lendo en alto os versos de Paz-Andrade dentro da actividade “Poesías Compartidas”. Aquí tamén participarán membros da corporación local, da RAG, e personalidades da cultura.

Os mercados municipais uniranse á festa o sábado coa lectura na praza de Lugo, San Agustín, As Conchiñas, Elviña e Monte Alto de textos de Valentín para que o intelectual volva simbolicamente a un sector, o pesqueiro, polo que tamén traballou. Para completar a acción con contacontos e talleres de maquillaxe e malabares nas tres primeiras e cunha mostra de arte urbano inspirada nas caixas de froita en Elviña e Monte Alto.

Feijóo valora na Academia o sentido da clarividencia de Valentín Paz-Andrade

Te puede interesar