A época da Transición como signo de cambio para a sociedade e as artes coruñesas

A época da Transición como signo de cambio para a sociedade e  as artes coruñesas
El Ideal Gallego-2019-06-16-013-5ba302f3

“Nos dominios da urxencia. Arte e sociedade na Coruña da Transición (1973-1986)” céntrase nas figuras dos colectivos artísticos da nosa cidade durante a época da Transición, e trata de mostrar as diferencias e evolución sociocultural da cidade herculina.

Esta exposición, que se pode visitar na fundación Luis Seoane ate o próximo día 30, céntrase nos colectivos coruñeses Sisga, A Carón, Galga, Novos Fotógrafos Coruñeses e Gruporzán.

Na mostra pódense ver cartas, carteis ou demais documentos dos diferentes colectivos, así como unha pequena representación da súa obra, a través dos seus cadros, esculturas, fotografías e bocetos.

Ademais hai unha serie de 28 entrevistas, feitas por Belén Montero e Juan Lesta, con algún dos creadores, e que foron realizadas no ano 2007, cando se comezou a artellar esta exposición.

“Nos dominios da urxencia” conta cun Súper 8 feito por Manuel Abad sobre as performances do grupo A Carón, un dos cinco aos que se adica a mostra.

Hai incluso obras que falan da perda patrimonial da cidade herculina nos finais dos 70.

As agrupacións 
O comisario da exposición da Luis Seoane, Xurxo Taxes, explica como naceron e a que se dedicaban as agrupacións ás que dedica o espazo da mostra.

O grupo Sisga de artes plásticas, naceu en 1973 arredor do pintor Fernando García Varela. Deste grupo tamén formaron parte outros artistas como Xosé Espona o a pintora Bea Rey. “Era un grupo que defendía as correntes da nova figuración, unha arte comprometida, posicionada e que tamén tentaba popularizar a arte das vangardas”, explica Taxes.

A Carón nace en 1976 capitaneado polo pintor Alberto Carpo. “Este foi un grupo pioneiro en Galicia no que se chamaba os “happeninng” e que eles chamaban accións en grupo”, di Taxes. Sobre estas performances, na mostra pódese ver unha reportaxe, da TVE, sobre elas, que foi recuperada para a ocasión, segundo conta Taxes, grazas a un artigo sobre arte publicado hai anos neste diario, polo xornalista e crítico de arte Gabriel Plaza.

O grupo que máis “se conserva na nosa memoria” é Galga, tamén multidisciplinar, que nace en 1977, da man de Mon Vasco. Uniríanse máis tarde outros artistas gráficos, e incluso escritores como Manuel Rivas. Tiña un “espírito máis provocador” manifestándose no plano obxectual, a través da figuración e da abstracción, e tamén no plano conceptual, con performances e montaxes, algunha das cales se poden ver na mostra da Luis Seoane.

Os Novos Fotógrafos Coruñeses, como ben di o seu nome, só se dedicaban a unha disciplina, ao contrario do resto de agrupacións. “Era un grupo de fotógrafos que loitan polo recoñecemento social e artístico da fotografía”, explica Taxes. Naceu á beira da primeira corporación democrática e artellaron diversas exposicións nas salas da cidade nos primeiros anos 80. Participaban desta agrupación fotógrafos como Xosé Abad ou Xurxo Lobato, que se movían moito no experimentalismo fotográfico.

O último grupo tratado na mostra, que se move en orden cronolóxico, foi o Gruporzán, que foi unha galería de arte ou espazo cultural que se abriu no ano 1985 na rúa do Orzán. Tiñan “unha estratexia de mercado, pero ao mesmo tempo de divulgación” e, ademáis de exposicións, tamén artellaban obradoiros artísticos.

Conta Taxes que, aínda que esta exposición é bastante local como para levala a outras cidades, si que sería "interesante" facer algo similar; recoller, rescatar e mostrar a obra das agrupacións artísticas da Galicia durante os anos da Transición.

A época da Transición como signo de cambio para a sociedade e as artes coruñesas

Te puede interesar