Entre o verde Monforte e o mar do Orzán

El Ideal Gallego-2011-05-17-015-fa477191

día das letras galegas actividades e homenaxes

O Día das Letras Galegas celébrase hoxe con actividades e actos nos que os coruñeses bailarán coas culpables de ter unha lingua de seu. As letras. Elas hilvanaron onte o discurso do alcalde para tildar a Pereiro de arquitecto e elas construíron os versos dun monfortino que fixo nacer tantas iniciativas como posibilidades tivo a súa escrita.

Reportaxe de marta garcía márquez

O calendario convida hoxe a bailar coas letras que aparecen sen máis na sede da Fundación Caixa Galicia en libros que seguen a nova moda do “bookcrossing” e están calados esperando a que alguén lles bote unha man.
As historias locais e universais de Rivas e os versos duros de Méndez Ferrín andan á espreita dun lector que os mova de sitio mentres que no Centro Ágora, os actores Roi Fernández, Laura Fandiño, Olaia Tesouro e Estevo González danzarán esta tarde con aquelas que un día escribiu na libreta Lois Pereiro. Farano a modo de dramatización e performance. O edificio cavilará sobre o que o monfortino quixo expresar ás 20.00 horas cun espectáculo maquinado por Carlos Neira e Antía Otero.
Así é como Xacarandaina bailará coas “xes” e as “eñes” no Sporting Club Casino, nun acto que comeza ás 20.00 e onde a lingua acadará unha dimensión polifónica coa actuación da coral da propia entidade para voltar a ser poesía coa lectura de Berta Baltar, Marisa González e Olga Patiño. Elas lerán en alto unha escolma de Pereiro. Non podía ser menos.
Diante do Kiosco Alfonso, o baile farase a través de imaxes e acordes dunha parella de ases formada por Fran Amil e Xurxo Souto, que estarán, ás 20.00, con “Declaración audiovisual: Lois Pereiro”. Por parte da Universidade, a xornada vinculará a literatura que respirou entre o verde Monforte e o mar do Orzán co patrimonio que ten que ver coa toponimia galega, visiblemente afectada polos que decidiron no seu día que simplemente molestaba.
A facultade de Ciencias da Educación proxecta de continuo e ata o 27 de maio toda un selección de materiais audiovisuais nas pantallas do centro e presenta a mostra “Topónimos castelanizados: unha experiencia innovadora no IES Puga Ramón”, que recolle un traballo de investigación daqueles nomes propios que sofriron as gadoupas do castelán. Ademais, expertos no idioma falarán o xoves, ás 10.30, da mala transformación dos topónimos.
Se na biblioteca de Estudos Locais, un pode facerse cunha guía de lectura sobre Lois Pereiro, El Corte Inglés dálle protagonismo aos alumnos do seu taller de poesía e ofrecerá o xoves un recital, ás 20.00 horas. A publicación do centro bibliotecario segmenta ao autor segundo as datas máis importantes e, en definitiva, o que foi capaz de levar a corrente punk á literatura e recobrou parte da vitalidade que sempre tivo A Coruña pero que estaba adormecida polo réxime está sendo lembrado a través dos múltiples soportes, de forma espontánea e bailando coas letras, tal e como a el lle gustaría que fose este día. Unha festa. Diferente.

Acto na Seoane >
O alcalde explicaba onte no acto oficial do Días das Letras Galegas na Fundación Seoane que o que Pereiro fixo sentir naqueles anos de redescubrimento tiña que ver co que Borges definiu como “tempos interesantes”.
Losada chamoulle arquitecto polo feito de tecer a cultura que se bateu coma o mar polo asfalto de quenes quixeron cambiar aos protagonistas de lugar. O mesmo pobo foi capaz de suprimir o protocolo e comezou a elexir o que quería degustar e a cultura á que lle quería meter o dente. Foi libre.
Por iso, é o pobo quen responde agora con improntas sobre a súa figura. Precisamente o alcalde subliñaba a inmensa creatividade que emerxeu en torno ao homenaxeado: “Nunca antes se viu unha iniciativa por parte da sociedade civil tan forte como no caso de Lois. Compañeiros de xeración, xente nova que conectou coa súa poesía rompedora, centros educativos, institucións...”. O alcalde sinalaba que todos quixeron achegar o seu interese e a súa percepción do Mundo Lois, “desa marea que deu en chamar Vento Lois”.
Ademais, afirmou que Pereiro está en plena vixencia porque de estar vivo, conectaría cos movementos sociais que se están a producir: “Teño a impresión de que nestas datas que nos toca vivir, ao dedicarlle o Día das Letras Galegas a Lois Pereiro tomamos a substitución daquelo que dicía nun dos seus ensaios: ‘Sempre haberá novas vías para resistir, para opornos e non ser sumisos”.


Entre o verde Monforte e o mar do Orzán

Te puede interesar