Editores e autores confirman que hoxe en día non existe a literatura infantil

Editores e autores confirman que hoxe en día non existe a literatura infantil

A literatura infantil é hoxe en día literatura en maiúsculas. Sen máis. Proba disto é que son poucas as editoriais que acotan as idades dos seus lectores e menos os libros que reducen o seu desfrute a persoas dun tempo específico. Os máis atenden a todos os públicos porque se igual os cativos non son capaces de asimilar certas partes do guión que os maiores si, poden quedarse cos debuxos e a explicación a posteriori do que lles está a relatar o conto. É así como a escritora Paula Carballeira sitúa aos pequenos en “O principio” (Kalandraka) nun ambiente de posguerra, un lugar feito rescoldos onde os habitantes comezan a emerxer pouco a pouco.

A propia autora, que pasaba onte pola Feira do Libro para compartir unha historia cos rapaces e asinar exemplares do álbum, explicaba que despois dunha época de superprotección aos nenos, o mundo editorial tende agora a ampliar o abano de temas de forma que a morte ou as guerras poden ser incluidas no guión. Trátase por tanto dun traballo en conxunto entre o escritor e o encargado de ler o libro.

As temáticas xa non teñen límites e os álbumes atenden a todas as idades polo texto ou os debuxos

Pola súa parte, a ilustradora Marina Seoane leva 34 anos poñéndolle cara aos personaxes de historias en papel. Tempo suficiente para decatarse de que o sector evolucionou até profundizar sobre temáticas peliagudas que antes eran intocables. Ela postula que, en realidade, esta actitude non era a correcta porque os cativos teñen que ir aprendendo da vida e non se lles pode poñer unha venda nos ollos.

Desta maneira, os pícaros teñen a súa disposición unha literatura selecta e global que coida máis ca nunca a calidade na edición. É o caso da firma de Marina, Editorial Edimáter, que traía onte á feira tres novidades: “¡Vamos a viajar! 2”, de Fátima Fernández, protagonizado por un avión e un tren con ollos e boca; “La lluvia mágica”, de María Domínguez; e “¡Brujas!”, de Carmen Gil. Neles, o traballo da ilustradora varía porque quere para cada álbum unha personalidade distinta. Por iso, pule aos protagonistas no ordenador e mestura distintas texturas. Introduce teas, trozos de madeira e ata líquenes para escanealos despois e obter imaxes orixinais. Coma se foran collages. Marina di que é algo así como unha “cocinillas” da ilustración.

Neste aspecto, conta que a imaxe mudou de estilo e que os personaxes de antes están mal vistos a non ser que formen parte dunha reedición. Entón o retro vale. Pola contra, a estética vén marcada polas modas e o que se ve na televisión. Nas súas creacións, Seoane opta por darlle forza aos macacos. As súas meigas teñen vasoiras de caña e pelo de algodón e aínda que en Edimáter seguen editando para idades concretas, Marina afirma que na actualidade hai libros que parecen infantís pero que máis ben son para maiores polos textos. Pero que gustan aos nenos polos debuxos e as cores arriscadas. Asegura que os ilustradores crean auténticos cadros modernos que cada un pode interpretar a súa maneira.

 

programación

O programa da Feira do Libro continúa hoxe con xogos para nenos, ás 12.30, da man de Pablo Díaz e Olga Kirk, e a presentación de María Canosa e Noemí López de “Xiana, a nena pirata”, ás 18.45.

Ás 19.00 horas, Quinito López Mourelle estará con “Orquesta Voland. Oito pezas europeas”, e ás 19.30, Luis Anguita asinará exemplares de “Siempre habrá un lugar para soñar”. Xabier P. DoCampo presentará “Mans” ás 20.00 e Juan Mariñas collerá o boli á mesma hora para asinar “Piel de salitre”. A xornada rematará, ás 21.00, coa introdución do poemario “Versos del agua”, de Luís Maquieira, e a presenza de Eva Veiga e Olga Patiño. n

 

Editores e autores confirman que hoxe en día non existe a literatura infantil

Te puede interesar