Diego Conde acada o premio Manuel Murguía cun ensaio sobre a gandería

Diego Conde acada o premio Manuel Murguía cun ensaio sobre a gandería
O ensaio inclúe documentación sobre a presenza gandeira noutrora

O ourensán Diego Conde facíase onte co noveno premio de ensaio Manuel Murguía, que organiza a Deputación, cun traballo que ademais da historia, toca a economía e todo o manto verde que envolve o país. “Canto val unha vaca? Da cuestión agraria á cuestión pecuaria en Galicia” convencía ao xurado porque na proposta o veterinario prescinde de todo tecnicismo. Depura a linguaxe e fai máis clara a mensaxe de SOS. O experto trata de facer ver a necesidade de apoiar á gandería como motor de innovación económica galega agora que outros modelos resultaron ser un fiasco e o sector pide a berros que se lle dea a importancia que ten.
Diego Conde asegura que a situación actual dista moito daquela frase de Castelao na que prognosticaba que as moedas galegas non levarían a imaxe de ningún rei, senón o emblema dunha vaca. Por falta de apoios da Administración e por ser un traballo moi sacrificado, o gandeiro é hoxe en día unha especie de heroe nun mundo no que non se lle ten en conta. Explica Conde que o eido rural está menos protexido e ten menos presenza na sociedade.
Isto fai que os que levan adicándose ao gando desde sempre abandonen e miren polas súas comodidades: “Non hai relevo xeracional porque non se apoia ese relevo”. O autor contextualiza a actualidade con todo o que vén detrás, despois de analizar en profundo na súa tese doutoral a historia da gandería galega. No ensaio, do que os especialistas valoran tamén a documentación gráfica, están os pasos que deron desde o rural para mellorar o sector. Eles son os culpables, sinala o ourensán, de encamiñar a gandería por bo termo: “Había unha serie de propostas teóricas e técnicas, pero eles foron os que melloraron a raza rubia galega”. Fixérona máis robusta e déronlle unha ganancia de peso. Como? Pois elexindo os exemplares máis logrados.
Despois está a recuperación doutras variedades autóctonas como a cachena ou a vaca limiá, “pequenos vestixios”, que axudaron a conservar e que hoxe falan pastando de historia. Conta o veterinario que a tendencia é a de que desapareza a gandería de subsistencia e medren as grandes explotacións por iso de que o esforzo non compensa.
Na súa proposta, Conde tira das orellas ao Goberno para que apoie o primario como modelo de produción e de conservación do rural. Como unha solución para que o verde siga sendo tan verde e para evitar os incendios do verán.
A súa análise destacou por riba de 24 exemplares presentados, o dobre que os que probaron sorte en 2010, e gratificou aos membros dun xurado, que aseguraban que Conde ofrece unha información completa sobre o papel que cumpre a vaca en Galicia. Acompañada ela dunha estruturación e un rigor metodolóxico que a levan máis que nunca a ocupar o centro da bandeira celeste.

Diego Conde acada o premio Manuel Murguía cun ensaio sobre a gandería

Te puede interesar