“Os datos do paro non son bós, pero somos é a cidade galega que máis emprego crea”

“Os datos do paro non son bós, pero somos é a cidade galega que máis emprego crea”
El Ideal Gallego-9999-99-99-999-8c522cf4

Alberto Lema é o concelleiro de Emprego e Economía Social. Segundo a EPA, os parados subiron un 14% no primeiro trimestre na Coruña, que é a única das sete grandes cidades galegas na que aumenta o paro en abril.

Como valora os datos e que medidas concretas do Plan de Emprego se efectuarán este ano para loitar contra o paro?
Non podemos estar satisfeitos, non son bos datos. Pero, mirando a EPA, na cidade a poboación activa aumentou en 4.000 persoas. A población ocupada pasa de 96,9 a 98,6 mil persoas, os parados de 16,2 a 18,5 mil. O primeiro é o peor dos trimestres do ano, tras a fin da campaña de Nadal. A Coruña é a cidade galega que máis traballo xera, na que máis medra a población activa, aínda que parte dos que entran no mercado de traballo non atopan emprego. Vigo perde 3.000 postos de traballo e tamén perde desempregados. ¿Por qué? Porque a xente marcha da cidade. 

Cales serán entón as medidas contra o desemprego?
Temos que empezar falando do que xa se fixo. As partidas orzamentarias de emprego de 2014 executáronse nun 48%. No 2015, no que só estivemos un semestre, pasamos ao 60%. Tamén é a primeira vez que este concello se dota dunha ferramenta como o Plan de Emprego, que prevé a maior inversión tanto en porcentaxe como en absolutos do histórico do Concello: 2,7 millónes de euros. Ten dúas patas: unha dirixida ás persoas desempregadas, e outra dirixida á oferta de emprego, que quedou moi tocada e sufriu rebaixas sustanciais no trámite de negociación, ou de non negociación, orzamentaria. Para as persoas que demandan emprego, estamos facendo cursos de formación para desempregados e itinerarios personalizados de inserción. Dotámolos de máis recursos que os que viñan tendo.

De cantos recursos máis?
O ano pasado eran 700.000 euros, este van ser uns 125.000 máis. Hai unha terceira liña de traballo, con subvencións a entidades como Cruz Roja, Cáritas, ou os sindicatos, aos que se lles encargan actividades formativas. Temos que facer unha labor de intermediación entre ofertantes e demandantes, localizar os sectores que teñen demanda de emprego e os que están quedando atrás na competencia polo emprego. E incidir nos que teñen máis dificultades para incorporarse ao mercado laboral: parados de longa duración, mulleres maiores de 45 anos e os de entre 18 e 30 anos, que a veces non tiveron emprego. E facer unha aposta decidida polos sectores que teñen maior valor engadido, potenciando a innovación e a calidade.

O BNG e os sindicatos reclaman un plan de industrialización. A Coruña perde peso relativo de emprego nos sectores primario e secundario, en favor dos servizos.
O sector primario nunha cidade sempre é residual. Hai que atender aos outros dous sectores. Esta é unha cidade na que maior parte do emprego se xera no sector servizos. No industrial hai unha perda histórica que xa ven de lonxe, tanto en producción como en emprego. Aínda así, temos empresas tractoras, como Alcoa, Repsol, ou o Porto, e temos que pelexar pola súa continuidade. Na Fábrica de Armas, o Concello non pode asumir responsabilidades que non son súas, pero temos que reclamar que se lle dea unha viabilidade. Temos que orientar os nosos recursos cara a sectores onde podemos ter unha incidencia directa, que teñan un gran contido de valor engadido.

Cales son na Coruña? 
A cidade ten algunhas das empresas referentes en Galicia no ámbito das novas tecnoloxías, algunha das cales ten saído de viveiros nosos. Temos que apostar por ese tipo de sector, onde podemos ter unha incidencia coas limitacións que nos impoñen as normas e os nosos recursos. As ferramentas son os investimentos en formación. Ata agora só se daban cursos de formación de empresas que estaban en fase de incubación, e agora estamos implementando o “mentoring”, formación para empresas que xa están constituidas.
Os hosteleiros denuncian que non houbo cursos de formación para o seu sector este ano.
Na última tanda de cursos hai dous que teñen que ver coa hostelería directamente e dous secundariamente. E temos unha aposta moi clara pola promoción da Coruña como destino turístico, como unha cidade que ten unha gastronomía moi atractiva. 

A Deputación ofrece 200.000 euros para celebrar o Fórum Gastronómico de 2017, e pídelle ao Concello que comprometa unha suma semellante.
Todos chegamos a un consenso ao redor desta cuestión, tras os malentendidos. O sector non ten posición unánime sobre o Fórum; hai quen pensa que é un investimento demasiado elevado. Pero outra parte do sector, nomeadamente os cociñeiros, manifestaron a súa vontade de que se mantivera.

Vanse poñer os cartos seguro?
Si, si, claro. Espero que haxa a suficiente madurez política por parte dos grupos do pleno para facer un acordo de consenso sobre a dotación orzamentaria necesaria. Cun recorte como o que nos acaban de meter, de 450.000 euros, o ano que vén non haberá Forum.

Tamén hai queixas sobre a tardanza das licencias de terrazas, aínda que non compete só á súa concellería. 
Alégrome moito de que a este Goberno lle pidan que solucione nun ano unha cuestión que leva sen solucionar 20. Estamos seguros de que seremos capaces de racionalizar o uso do espazo público. No 2014, da previsión inicial que tiña o PP de cobro de terrazas, recaudou algo menos do 5%. O listón do PP é fácil de superar.

Fixeron declaracións de apoio ao mantemento de Alcoa, pero, non hai medidas concretas. Teñen as mans atadas?
A cuestión que máis compromete o seu futuro é a subasta eléctrica, un dos efectos perversos da liberalización do sector. Debera ser regulado a través do público. Non é o noso modelo, pero non temos capacidade para mudalo.

“Os datos do paro non son bós, pero somos é a cidade galega que máis emprego crea”

Te puede interesar