Da condición humana de fabular

Da condición humana de fabular

Franz Kafka falará en valenciano, catalán, euskera e tamén en galego, da man da compañía de teatro Eme2, que seguindo a teima do goberno de aunar en recursos, universalizará unha historia de tintes reais que situará á butaca nun parque de Berlín.

Aínda que o conto está dirixido a pequenos a partir dos sete anos, a experiencia dos que xa a representaron en Valencia e Euskadi di que os maiores saen igual de emocionados dunha posta en escena de “Kafka e a boneca viaxeira” na que se recrea un dos últimos episodios do escritor checo cando se atopou de paseo cunha nena que perdera a súa boneca.

Rapidamente, o xenio da reflexión buscou acubillo na súa mesa de escritura para borrar a tristura da cativa cunha carta na que Kafka situaba ao xoguete nun país inventado. Foi así como mantivo unha correspondencia de tres semanas coa rapaza que fixo que a súa boneca de trapo coñecera Picadilly Circus e bailara tango en Bos Aires.

Aínda que non se puideron recuperar as cartas que lle mandou á pequena, foi a súa compañeira Dora Dymant quen contou a anécdota e isto serviulle ao escritor Jordi Sierra i Fabra para montar un texto no que as misivas están inventadas pero no que a esencia é a mesma. O libro saiu da imprenta cun Premio Nacional de Literatura debaixo do brazo e foi fonte de inspiración para unha versión adaptada á interpretación por parte de Jordi Graell.

Eme2 estrea a peza no Fórum Metropolitano mañá en sesións escolares ás 10.00 e ás 12.00 para pasar a un público familiar, o sábado ás 19.00, e o domingo, ás 17.30 horas.

Será entón cando Xosé Manuel Olveira “Pico” se converterá no xenio checo e Lucía Regueira será a súa parella de baile cun violín colgado do ombro, que lle poñerá banda sonora á historia. Pola súa parte, Rocío González será a criatura que foi quen de borrar de golpe as bágoas da súa faciana grazas ás palabras máxicas de Kafka. Ao mesmo tempo, as compañías Tanttaka Teatroa e Albena Teatre representarán a versión valenciana e vasca dun guión que ten moito de poético e fai que os adultos que a viron en Valga, nun pase que Eme2 deu en aberto para todos os públicos, saíran do teatro chorando. Conta a produtora Mercedes que o xogo que emprende o escritor coa nena fai que acabe por empaparse da inocencia da cativa.

Queda contaxiado pola súa enerxía e isto provoca que a boneca siga dando tumbos por Europa. Pasee por Rusia e pise Inglaterra, sendo Kafka o seu mensaxeiro particular. Din que da nena nada máis se soubo. Tampouco das cartas pero o seu misterio engorda a traxectoria dun maestro que tiña a habilidade de transformar a realidade nunha ficción xenial. Fala da capacidade de fabular e imaxinar que é o sustento polo que a alma segue estando viva.

Trátase por tanto dunha peza real, centrada nunha pasaxe que mitificou máis se cabe ao autor de “La metamorfosis” que escribiu en estado febril as cartas da pequena, segundo contou Dora, como fixo co resto da súa obra. Nin máis nin menos.

Da condición humana de fabular

Te puede interesar