Comeza a 40 edición da Feira do Libro con boas expectativas de vendas e de público

El Ideal Gallego-2011-08-02-015-8662b8e4

 maRTA GARCÍA MÁRQUEZ > A CORUÑA
  Dicía Negreira que a Feira do Libro está instalada na memoria do coruñés ata o punto de que se trata dunha desas citas que dan conta da estación na que un vive. E o verán leva implícito a imaxe de Méndez Núñez con casetas. Elas son as encargadas de anunciar que agosto abre a veda para o paseante con ansia de levar unhas letras para a casa.
O evento cumpre corenta anos coa presenza de 38 casetas, seis menos que na edición anterior, e as expectativas de conseguir boas cifras de vendas e de público. No longo pasillo ateigado de novidades e clásicos da literatura, o curioso pode mercar historias en miniatura, as chamadas de “bolsillo” ou edicións elaboradas con papel de alta calidade e  un tamaño importante e que comparten espazo con librerías especializadas.
Na feira atópase a firma para nenos Kalandraka, que ofrece aos máis cativos “Artur”, no que se describe o nacemento dun pitiño que peteira no ovo ou poesía para dentes de leite con “La hora de los relojes”. Quizais a temática máis latente nesta edición teña que ver co sentimento de desacordo que sente parte da poboación. A mesma Kalandraka pasa ao galego “1984”, onde un xa finado George Orwell fala dunha sociedade que vive nunha mentira permanente, na que se lle impón ata a forma de vestir e onde un ministro que leva a carteira de “Verdade” trata de destapar toda a farsa.
Nesta liña, o visitante recibe misivas de Stéphane Hessel. O francés do que tomaron apuntes os do movemento 15M acada un primeiro plano en moitos dos postos que lucen “¡Indignaos!” e “¡Comprometeos!” e que levan á reflexión sobre o abismo que separa á clase política dos máis mozos. Dentro das curiosidades, sae ao mercado unha nova publicación sobre o “Prestige”. Titúlase “La mancha negra” e nela, Manuel Sánchez recorda a unha das vítimas da traxedia, Man, o alemán de Camelle, que morreu en medio da marea negra.
Dos oito tomos que compoñen “La codorniz” a un mapa do antigo Reino de Galicia, da memoria máis fresca de Neira Vilas en “Penúltimo dietario” aos cómics manga, cine de dedos e o último de John Verdon, o visitante ten nove días por diante para facer máis grande a súa imaxinación.

Cooperación >
O alcalde destacaba a importancia da colaboración das entidades para facer posible esta cita que permite que un “poda viaxar sen maletas e soñe estando desperto”, a través de polo menos os oitenta mundos que sumaba Cortázar, e que provocan que o home teña unha maior capacidade para decidir. Pola súa parte, o pregoneiro da festa, o editor  e profesor Alfonso García Sanmartín, salientaba no seu discurso a relación da cidade co libro, despois de ser receptora de historias que atracaban no porto e de medrar entre bestas que falaban dun pasado labrego e mariñeiro.
O presidente do Clúster lembraba a súa nenez nunha atalaia chamada Monte Alto onde se medía o calendario segundo fora época de xogar á billarda ou de recoller calabazas para celebrar o Samaín. García Sanmartín aseguraba que xa daquela se levaba o “dous por un” cando os rapaces facían negocios dos tebeos que tiñan lidos e imperaba o do “cómprocho” ou “préstocho”. Afirmaba que A Coruña foi decisiva na segunda década do século pasado, sendo pioneira das feiras adicadas ao libro grazas a un equipo encabezado por Manuel Arenas.
A cidade erguía por primeira vez no mundo un cacho de pedra en honra deste elemento, dicía García Sanmartín, e creaba unha rede de bibliotecas que se equipara hoxe en día ás dos países con máis tradición lectora de Europa. Mais toda esta maquinaria, advertía, viña xa de vello. O editor lembraba ás Irmandades da Fala, aos talleres de impresión e ás revistas que lle deron a Galicia aires de modernidade e que fan que agora, o sector vaia afrontando a crise con ilusión, que é a única exenta de ser roubada.

Comeza a 40 edición da Feira do Libro con boas expectativas de vendas e de público

Te puede interesar