sábado 5/12/20

Carmen Pomar | “Estamos moi por riba dalgunhas comunidades en ciencias ou tecnoloxía e ó nivel de países de referencia”

Conselleira de Educación

Destaca a calidade do ensino en Galicia, analiza a presenza das novas tecnoloxías nas aulas e os retos que se deben afrontar no futuro 

Carmen Pomar, conselleira | quintana
Carmen Pomar, conselleira | quintana

A Conselleira de Educación destaca a boa saúde da súa área na comunidade, a adaptación á modernización da sociedade e o nivel do profesorado. 

Como está a educación na Coruña e na comarca?

A educación aquí ten unha boa saúde, ó igual que en Galicia. Están saíndo moi bos resultados en todas as avaliacións externas que se nos están a facer e cando falamos de educación hai que falar por unha banda da calidade pedagóxica, é dicir, se os nosos alumnos teñen bos resultados e están preparados para os retos que supón este século XXI, complexo e esixente para todos. A nivel de competencias temos un alumnado moi ben formado, un profesorado moi implicado e esa é a parte máis pedagóxica do sistema. Despois temos unha parte que ten que ver coa comodidade dos centros educativos e coa adaptación das infraestruturas ás necesidades destes tempos. Galicia ten unha realidade demográfica e xeográfica moi complexa con provincias como Ourense ou Lugo onde fan falta nenos e outras como Coruña e Pontevedra onde este problema non chegou.

Cales son as necesidades principais nesta comarca? 

No ano 2019 acometéronse obras en arredor de cen centros educativos cun investimento de 19 millóns de euros. Logo sempre están as pequenas obras que facilitan a conservación dos edificios e pequenas demandas por cousas máis imprevistas. Tamén están as necesidades de persoal, cada curso académico teñen que readaptarse á situación das necesidades educativas que xorden nos centros. 

No inicio deste curso houbo polémica por falta de persoal especializado. Hai forma de adiantarse ós desaxustes que se producen?

A garantía cen por cen nunca é posible, pero é certo que canta máis coordinación e información se devolva desde os centros e as inspeccións educativas á xefatura territorial, máis fluído vai a ser ese proceso. Ás veces eses axustes aparecen a principios de curso, hai moitísimo alumnado de nova admisión que chega co curso iniciado. Algúns teñen necesidades especiais, polo dominio da lingua e pola integración social na aula. Temos en mente facer a finais de curso unha xuntanza para deixar determinadas esas necesidades con máis concreción e evitar eses comezos de curso máis conflitivos. Este ano estivo en boca de todos unha polémica bastante infundada sobre os recortes en atención á diversidade. Galicia é unha das comunidades que máis inviste nisto e que máis profesionais ten ó servizo dos alumnos con necesidades especiais.

Este ano estivo en boca de todos unha polémica bastante infundada sobre os recortes en atención á diversidade, Galicia é das que máis inviste neste aspecto

O avance da sociedade require unha adaptación do profesorado. Están os docentes á altura? 

Na formación docente hai dúas liñas moi claras. A primeira é a inicial, todo o que ten que ver cos plans de estudo e que se desenvolven nas universidades galegas e tamén ofrecen o mestrado de formación do profesorado para aqueles que queren adicarse á docencia e presentarse a unha oferta pública de emprego. Galicia ten unha das maiores redes de formación permanente de profesorado, son moitas as liñas que se ofrecen e cada ano mudan e se reestruturan polas demandas das que estabamos a falar, en función de novas problemáticas, realidades ou casuísticas que poden aparecer nas aulas galegas. Arco 2020 é un programa que permitirá a algúns centros ter dous docentes nunha aula, é importante para aqueles que teñen máis alumnos repetidores ou con máis dificultades. Hai outra liña que é o reforzo nos departamentos de orientación. 

Pasando ós estudantes, como é a evolución nas cifras de estudantado na cidade?

Os números que se manexan neste curso son moi similares ós do pasado. Na provincia estamos cunha matrícula duns 135.000 alumnos e na cidade de 32.000. Non hai diferenzas significativas cos datos cuantitativos do ano pasado, polo que parece que a situación demográfica por agora está estable. 

Un debate recorrente é o das aulas superpoboadas. Hai casos na cidade ou na comarca?

Galicia é unha das comunidades que ten unha ratio máis baixa de alumnos por profesor. Iso nótase nos resultados relacionados cos ránkings internacionais e nacionais en competencias, rendemento académico e abandono escolar. Cando se supera unha ratio é por unha razón moi determinada e non é sinxelo facelo porque por detrás hai unha inspección educativa e un análise pormenorizado do caso. Programas como Arco 2020 ou Refórzate queren que os alumnos que están repetindo curso ou que se engaden á ratio poidan estar mellor atendidos. 

Como son as aulas galegas atendendo á diversidade?

É unha aula que está ó nivel de Alemaña ou Finlandia, así o di o informe PISA. Galicia pode sentirse orgullosa do seu profesorado e do seu alumnado. Estamos moi por riba dalgunhas comunidades autónomas en competencias relacionadas con ciencias, matemáticas ou tecnoloxía e ó nivel de países que moitas veces serven de referencia. Esta falsa modestia que leva a pensar que o de fóra é mellor que o noso lévanos a crer que estamos moi por debaixo do que deberíamos. Temos moitas posibilidades relacionadas coa dixitalización das aulas e unha realidade plurilingüe que nos fai pensar que imos polo bo camiño. E temos coas tres universidades un novo mapa de titulacións correspondido cos novos tempos.

As obras do colexio de primaria de Novo Mesoiro van a bo ritmo, así que o centro abrirá as súas portas en setembro para iniciar as clases no novo curso

A dixitalización ten un límite?

Se nos referimos ó límite cuantitativo, hai que loitar por engadir centros cada ano. Neste momento hai 347 centros en Galicia que desfrutan de Disgal, isto implica a 27.000 alumnos. Outro tema é o uso das novas tecnoloxías na aula, sempre son un recurso, unha ferramenta de aprendizaxe e teñen que estar absolutamente regulado no seu uso, polo que é importante a formación paralela do profesorado. O regulamento do uso dos móbiles nas aulas está a dar moi bos resultados, o uso é puntual sempre e cando sexa o docente quen o recomende, pero por defecto non se utilizan. Na última enquisa de convivencia falábase de que hai menos problemas co acoso coas novas tecnoloxías. 

Pola súa presenza na sociedade parece difícil que non haxa unha parte importante da educación coas novas tecnoloxías.

Si, pero hai que distinguir ser usuario de aprender coas novas tecnoloxías. Todos os nenos que están a nacer en Galicia son nativos dixitais e parece que veñen co ordenador debaixo do brazo e nas casas son os que mellor controlan todos os aparatos electrónicos, pero iso non lles acehga as competencias cognitivas e emocionais para saber usar as novas tecnoloxías. O sistema educativo debe achegar esas ferramentas, que teñen que ver coa selección da información, como a buscamos e como a asimilamos. 

Nisto tamén influirá ó que se ensine nos fogares.

Iso sempre, o principal axente educativo é a familia e o centro educativo debe estar coordinado. As competencias, os valores e as actitudes que desenvolven os máis novos teñen moito que ver co colexio ou o instituto.

O CEIP de Novo Mesoiro está en obras. Estará listo para o próximo curso e hai previsión dun centro de Secundaria na zona?

Temos que ir por partes, unha bola de cristal non a temos na administración. Neste momento a realidade e a demanda que está aí é a creación dese CEIP. As obras van a bo ritmo e vai estar activo para o curso 2020/21, abrirá as súas portas en setembro. A demanda actual das familias de novo asentamento con nenos pequenos vai estar resolta, eses nenos nun futuro terán que estudar Secundaria pero con certa previsión será no tempo en que pensaremos se hai máis necesidades educativas de infraestruturas a ese nivel. 

Ese é novo, pero a maioría dos centros da cidade son vellos e os directores denuncian falta de comunicación e coordinación entre a Xunta e o Concello.

O do mantemento e das obras está regulado, nos CEIP corresponde ós concellos e sábeno perfectamente e nos de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, á consellería. Moitas veces se utiliza esa expresión de mantemento cun carácter moi subxectivo pero para iso están as xefaturas territoriais, que son as primeiras canles de comunicación. Na cidade hai xuntanzas periódicas entre a xefatura territorial e a Concellería de Educación e o que está claro é que con boa actitude e vontade sempre se pode chegar a puntos de acordo. A consellería non pode afrontar todas as actuacións que se lle piden, non só por orzamento, tamén por capacidade das empresas construtoras. Intentamos analizar as prioridades, as urxencias e ir respostando con boa vontade.

Na comarca hai queixas por suprimir o Bacharelato na Laboral e cos problemas nos Vales Villamarín de Betanzos, que vai pasar?

O tema de Culleredo non xurde por un capricho da administración, temos que escoitar as inquedanzas e preocupacións da comunidade educativa. Xurde por unha maior demanda do alumnado da zona para facer ESO e no Rego de Trabe non hai ampliación posible do edificio. Son decisións marcadas por unha demanda real e a administración trata de dar a mellor solución posible. O ser humano é moi reticente ós cambios e ante un necesitamos un período de adaptación e despois a xente empeza a estar encantada. O que se fai é un movemento na zona, non falamos de quilómetros á redonda. Sobre as pingueiras do Vales Villamarín estamos á espera dunha análise que diga se este problema puntual é un fallo estrutural ou solventable con algún tipo de actuación.

Non podemos falar de polémica co pin parental porque é un debate artificial

Pomar opina sobre o pin parental, os problemas de convivencia nas escolas e a aposta polo ensino en valores como a igualdade.

Nestas datas está de actualidade o pin parental. Que lle parece esta proposta?

Eu síntome moi reconfortada por ter un sistema educativo en Galicia que non ten conflitos a ese nivel. Nós temos regulamentado todo o que son actividades complementarias nos centros educativos, actividades que cando se desenvolven fóra do centro teñen que ser permitidas ou autorizadas polas familias e isto ten que ver coa propia integridade física dos rapaces. Temos un sistema educativo cunha rede de direccións de centro e de inspectores que velan por esa seguridade e integridade. Confiamos no bo facer dos equipos directivos e calquera contido curricular está establecido e normativizado e, en calquera caso, se hai actividades que se fan nos centros educativos para reforzar o contido curricular supoñemos que entran no que é a formación do alumnado. Non podemos falar de polémica porque en Galicia non hai ningún tipo de debate aberto e cremos que ese debate é artificial e se está levando ao terreo político. 

Cre que é algo innecesario entón?

En Galicia non está creada ningunha necesidade dese tipo.

Como está a situación en temas de acoso escolar e igualdade?

Sempre hai casos, sería absurdo negalo, a convivencia en xeral entre os seres humanos non é doada e cando estamos a falar de centros educativos hai moitas variables que están implicadas. Nas aulas respírase un clima bastante tranquilo, bastante pacífico e as actuacións que se están a poñer en marcha están a dar os seus froitos. Nos últimos anos reforzouse moitísimo o que ten que ver coa convivencia e a diversidade, a integración de alumnos con necesidades especiais e os que teñen que ver coa igualdade, sobre todo a de xénero. Hai un pacto de Estado pola igualdade no que estamos absolutamente implicados e con investimentos feitos por máis de 3 millóns de euros para mellorar o clima educativo e loitar contra a violencia de xénero, unha lacra que tódolos días chama ás nosas portas. Hai cousas que mellorar, pero os resultados dinnos que estamos no bo camiño. Por destacar algún dato, a maior proactividade do alumnado nos temas de conflito e de acoso, unha das dificultades máis complicadas é a dos espectadores pasivos. É importante que os alumnos tomen conciencia aínda que non estean de parte de ninguén, que sexan proactivos, isto está mellorando e con rapidez. Unha das tarefas pendentes é tamén a maior implicación das familias nesta problemática.

Nos últimos anos faise máis fincapé na educación en valores?

Si, porque curricularmente está contemplado e temos materias de libre configuración de temas de igualdade de xénero. A valentía é importante no sistema educativo e non hai mellor cousa que chamarlle ás cousas polo seu nome e poñelas de cara ó alumnado para que se dean conta dos problemas ou conflitos que teñen que ver coa intolerancia, a falta de respecto ou a ofensa ós iguais. Tanto a nivel de materias optativas como transversal se van engadindo estes contidos ó currículum escolar. Son unha firme defensora de que todo o que ten que ver coa convivencia ou a intelixencia e a educación emocional debe estar presente en tódolos contidos curriculares. É importante contemplar en todo o horario escolar o que ten que ver coa convivencia e a igualdade.

Comentarios