Cando xa non respira ningún ser sobre a Terra e só quedan anacos do que foi

Cando xa non respira ningún ser sobre  a Terra e só quedan anacos do que foi
gustavo pernas e anxela abalo son o protagonista e a directora da peza teatral “snakizados” javier alborés

“Eu son os anacos que se deben recompoñer”. O actor Gustavo Pernas fala da deconstrución do ser humano na obra “Snakizados” cando xa non existe ningún sobre a Terra e ao planeta dáselle por parir un novo ser. El interpretará o papel dunha criatura estraña chamada Nonhé, mestura de león, loba, lercha, simio e cable eléctrico. Para ser o transmisor de todas as mensaxes que lle van chegando como se fora unha centraliña.

Anxela Abalo é a nai desta creación e a que dirixe unha posta en escena arriscada, que vén a ser a terceira dunha triloxía titulada “Tres Logomonos”, na que Ancora Produccións falou de “Pisados” e “Colgados”. Agora están “Snakizados” para construír un monólogo que, en realidade, é un diálogo, un tuiteo constante do personaxe único e principal cando titubea. Dubida de se nacer ou non. E concentra as arelas de cada unha das especies que leva dentro.

Conta Anxela que cando algo se destrúe, sempre quedan os anacos. Por iso é imposible extinguir de pronto o estado do benestar e os trozos daquelo perviven. Neste caso, os cachos son unha fusión entre persoa, animal e pedra. E facelo comprensible para o espectador foi todo un reto para a compañía.

Abalo pinta as inquietudes nun suxeito. Para que as expulse en forma de palabras. E deixa que sexa a butaca quen lle busque un sentido na súa cabeza.

O propio Pernas di ser o terceiro ollo nun escenario no que ten que escupir unha gran cantidade de rexistros nunha hora e cuarto. O actor será varias persoas á vez desde un inocente até un mono con ansias de chegar ao mundo.

Pola contra, o público poderá desfrutar nunha mesma peza de poesía, parodia, contos populares, drama e risas para sacar de todo isto unha lectura completamente distinta da que fará o que está sentado ao lado. Froito dun texto cruzado que se enderezará unha vez a interioricen os espectadores.

A compañía estrea mañá, ás 20.30 horas, a obra no teatro Rosalía onde leva representando desde hai moitos anos, para repetila o venres á mesma hora. Programada dentro da Rede Galega de Auditorios e Teatros, a historia situará aos presentes xusto no día despois á gran deflagración cando non hai argumentos posibles e só quedan anacos. De distintos seres e da memoria que aínda latexa. En medio do cableado eléctrico que agora xa non conecta con nada. Entre interferencias e enerxías que deambulan. Zombis. n

Cando xa non respira ningún ser sobre a Terra e só quedan anacos do que foi

Te puede interesar