Cando non todo está perdido

Cando non todo está perdido
O equipo da película daba onte unha conferencia na asociación Alexandre Bóveda pedro puig

Porque os carteis e os trailers son fríos de máis, o equipo da película “Vilamor” optou por coller unha caravana para facer un vis a vis co consumidor de cine e falarlle de paso á canteira das dificultades que supón rodar arredor de folerpas e nun terreo cuberto por un metro de neve. Aló en A Fonsagrada. Onde se materializou o novo proxecto de Ignacia Vilar, producido por Vía Lactea, que opta por definilo como unha historia de amor nunha comuna hippy dos setenta. A que se estableceu en Vilar (Negueira de Muñiz) para provocar un “game over” ao sistema de xogo establecido. E comezar de cero.

Coa natureza do seu lado, un grupo de xente ben formada asentou a súa morada nunha aldea restaurada co fin de alonxarse da represión e dun mundo no que as mulleres tiñan que pedirlle permiso aos seus homes para abriren unha conta corrente. Afastados de todo iso, esta poboación de hippies protagonizou sobre o verde pequenas conquistas sociais das que a longametraxe dá boa conta.

Deste xeito, o director acompañado dos actores Xoel Yáñez, Sabela Arán e Rubén Riós explican estes días na cidade as vicisitudes de ter que ir cos focos ás costas para chegar a Vilar despois de dous kilómetros a pé para rodar unha secuencia. Eles pisan asociacións de veciños e deportivas. Centros escolares e canchas de fútbol.Entre os ouvintes, conta o director, están futuros cineastas que se achegan ao mundillo entre preguntas e anécdotas e os que so viron o resultado na gran pantalla e nada saben do proceso.

Vilar e os seus rapaces levan cruzando o mapa de Galicia dunha punta a outra con fin que non quede unha vila sen que a caravana faga acto de presenza para falar dun fenómeno que se deu hai preto de cincuenta anos pero do que aíndan quedan redutos. Herdeiros daqueles hippies que participaron na produción do filme en corpo e alma, transmitindo o que alí aconteceu.

Neste aspecto, Vilar conta que a cinta pretendeu ser un reflexo da comuna pese a ficción que se desenvolve nela cun idilio amoroso como base do pastel. Prodúcese entre Sonia e Breixo cando este último vén do seminario e atópase con que un conxunto de persoas funcionan doutra forma. Entre elas, unha rapaza que resulta ser máis culta ca el. Algo case paranormal nesa época. E mételle na cabeza ideas que daquela non estaban mal vistas. Contrarias á propiedade privada e defensoras do amor libre.

Comentaba o director que o xerme da historia foi a raíz de ver a toda a xente do 15-M manifestándose en Sol e en Oriente Medio. Foi entón cando pensou nese núcleo de persoas que xa advertía hai tempo da desnaturalización do ser humano.

Esta mensaxe tamén vai implícita na promoción directa que xa pasou polo derbi entre o Celta e o Deportivo, botou co Breogán de baloncesto e foi charla en colexios de A Coruña.

Os de “Vilamor” visitaban onte tres institutos e a asociación Alexandre Bóveda, na que vertían unha serie de curiosidades para crear o clímax propicio co obxectivo de que o venres estean todos nos Filmax na estrea dun proxecto que ademais de instruír, presume das lindezas da terra e fai que os que saen da sala comparen a paisaxe con eses planos das pelis americanas. “Pero se o tedes a cincuenta kilómetros”, di Ignacio Vilar. Cando non todo está perdido.

Cando non todo está perdido

Te puede interesar