“O que buscamos desde a sanidade pública é o benestar social”

“O que buscamos desde a sanidade pública é o benestar social”
A presidenta de Afiseco conta con convocar unha asamblea xeral o mes que vén para trazar as liñas de actuación javier alborés

Silvia colócase á fronte de Afiseco, a primeira asociación de fisioterapeutas do Sergas que atenderá ás necesidades dos compañeiros da área sanitaria da Coruña, co obxectivo de loitar pola calidade asistencial porque o que teñen claro os que se enfundan unha capa “bata” de forma vocacional é que se deben aos que están na camilla. Para o seu benestar, pensan que é clave a especialización con postos estables que repercutan no traballador e tamén no paciente, que pasará menos tempo ingresado. Isto tradúcese en aforro para o sistema. Cando as pezas do puzzle encaixan.

Son a primeira asociación de fisioterapeutas que se forma na Coruña. Non hai un sentido de colectivo?
O problema é que en Primaria estamos esparcidos polos tres centros, a Casa do Mar, O Ventorrillo e San José e acabas falando cos do teu turno porque temos un único despacho e tes que marchar para deixar oco aos que veñen. Vas adiantando papeleo e consultas. Temos que entendernos á hora de traballar porque compartimos cabinas, espacio físico, pizarras, pero, como te comunicas con outros centros ou do centro co hospital?

Como está o tema precisamente nos hospitais?
Aquí, no de Oza, está o groso do persoal pero tamén hai no Chuac e no Materno Infantil, onde atendemos a pacientes con problemas respiratorios, traumatoloxías e queimaduras. En Traumatoloxía e Queimados, hai un solo fisio que ten que facer todo. Andamos como o que mete o lume e os que fan respiratorio teñen atendido en certos días ata 30 pacientes nunha xornada. Ese traballo asistencial non figura. Dentro do programa Ianus, non hai casilla reservada para o fisioterapeuta, haino para enfermería e fas anotacións no historial do paciente, pero se tes a 30 ou estás atendendo ou escribindo e nós decantámonos polo labor asistencial. Preferimos estar ao pé da camilla.

Pero a carga de traballo repercute na calidade desa atención, ¿non cre?
Si, o persoal é insuficiente para o volume de traballo que hai e para un hospital das dimensións do Chuac. Os de respiratorio atenden tamén os de neuroloxía que están ingresados. Por iso, intentamos conseguir unha especialización, que teñas a fisios formados e ocupando postos estables. Que non esteamos dun lado para o outro. Canto mellor esteas no traballo, máis vas a producir. Suporía un aforro no tempo de ingreso do enfermo, aforro para o hospital e melloría para o paciente. O que buscamos desde a sanidade pública é o benestar social.

Desde cando ocorre isto?
Agudizouse coa crise porque as substitucións se foron reducindo. Isto nótase máis na Atención Primaria, no hospital non tanto. Pero eu estiven catro anos en Primaria e cando as compañeiras se poñían de baixa, non se substituían e mandaban aos pacientes para casa até que voltasen, o que xeraba máis listas de espera. Ademais, os tratamentos non eran tan eficientes como debían ao interromperse. Despois a fin de semana non facían contratos, o luns e o martes, un novo; e o mércores e o xoves, outro. Déronse casos de dez días de tratamento con catro fisioterapeutas distintos.

E o tratamento alongarase no tempo até que cada un saiba como tratar a esa persoa.
Claro, porque o primeiro día que chegas non sabes como respira o paciente. Non se trata de axustar un parafuso, temos que saber adaptarnos á diversidade do enfermo e por iso que non poidamos atender catro a unha mesma persoa.

Nótase algunha melloría desde que estoupou a crise?
Desde o ano pasado, empezáronse a cubrir días soltos, a facer máis contratos. O que ocorre é que o número de prazas de fisios non se aumentou, en cambio a derivación ao noso servizo por parte de moitas especializacións si. Por exemplo, veñen de ciruxía infantil que antes non os enviaban pero agora si porque ven que non acaban de quedar ben. Isto reflíctese na lista de espera. Fanse peonadas, isto é, horas extra e nós estamos conectados con Trauma, así que se opera a xente nestas peonadas para poñer próteses de xeonllos ou ciruxías de ombros e o rehabilitador pauta un número de sesións e chegan a nós. Normalmente contan as peonadas dos traumatólogos e os rehabilitadores, pero non as dos fisios. Como traballamos a axenda completa, necesitamos reforzar o persoal porque se van acumulando pacientes.

Hai máis unidades con esta falta de fisios ou fisios compartidos?
Si, hai cousas que non se entenden como que abran unha unidade de ictus e non teñan un fisio específico. Desde o noso punto de vista é imprescindible e en Queimados igual, o de Queimados fai Traumatoloxía tamén. Temos moitos frontes abertos e un déficit de persoal. Cremos que o futuro está na especialización.

Canto é o tempo medio de espera do paciente polo servizo dun fisio?
En Atención Primaria depende dos centros de saúde e o ratio de poboación que teñen, pero podemos chegar a seis meses de espera ou ás veces a máis. Non é algo estático, depende de moitos factores. No caso dos enfermos preferentes, intentamos que non estean agardando máis dun mes porque un fracturado por exemplo, o ideal é que sexa atendido de inmediato e co membro inmobilizado, pero falta xente. Na unidade de Linfedema, que é a acumulación de líquido de proteínas no brazo e que soe saír despois dunha operación de cáncer de mama porque cando se extraen ganglios, o sistema linfático non funciona igual, está unha persoa. Pola mañá, tamén vén atender un dos profesores da Universidade durante cinco horas aproxidamente. É unha xornada e pouco máis na atención de linfedemas e, en definitiva, estanse abrindo unidades que nos derivan a pacientes pero nós somos os mesmos.

“O que buscamos desde a sanidade pública é o benestar social”

Te puede interesar