“Botamos man dese imaxinario nese estilo galego, no que non faltará a retranca”

“Botamos man dese imaxinario nese estilo galego, no que non faltará a retranca”

Quico Cadaval e Paula Carballeira levan 25 anos xuntos na escena, Cándido algo menos, pero os tres coñécense de sobra como para artimañar unha nova entrega de “Contos na lareira” cunha posta en común previa que terá por fin toque feminino: “Tradicionalmente o ámbito da muller era a casa e os labores do campo que se lle reservaban a elas, agora estamos por todas partes”. 
Así é que a cociña con enganche para o pote concentrounas arredor do lume como aos homes para trebellar contos que Paula collerá de Maniños, en Fene: “Xa que ten certa cor local, aproveito porque aquí si saben onde está o meu pobo”. 
Carballeira sempre fai unha introdución do seu porque, aínda que a función de hoxe ás 21.00 horas no Colón sexa a primeira baixo este formato, ela ten botado contos moitas veces para despois ir por un lado o polo outro dependendo de por onde tiren os outros dous: “Había tempo que non cadrábamos e paréceme xenial”. Farano nun espazo no que a televisión non tiña cabida e no que “tamén se falaban de contos dos novos e está moi relacionada coas noites de inverno”. 
Di que “o bo de contar con Cadaval e Pazó é que temos cadaquen un repertorio”. Por iso, depende do día caen unhas historias ou outras: “É raro que haxa dous espectáculos iguais”. A primeira vez que se topou co de Ribeira enriba das táboas foi hai un cuarto de século. 
Para ver o de Vigo tivo que pasar algún tempo máis, pero asegura que ten tanta confianza que a súa estrea a pesar de ir rebozada de nervios, tamén parte da comodidade que teñen os tres. 
A liña de saída conta con ese apego e tamén co feito de que cada un ten un imaxinario moi amplo e diferente “do que botamos man nese estilo galego, no que non faltará a retranca, ten que habela”, xunto á tradición “de onde vimos e como tratamos aos personaxes con cariño e esa volta que lles damos”. 
Os seus puntos de vista por todo o que acontece fóra desa lareira terán moito de Ferrolterra, Barbanza e O Berbés para navegar polas diferentes costas que bañan Galicia e coller da xente os recortes que a fan única e que os converten en inmortais desde que os tres os recordan. 
A tradición oral, os contos e lendas, as de aquí e as de outras procedencias terán un oco esta noite no teatro Colón coa premisa de que todo o que salte nese pote terá a mesma maxia que aquelas noites sentados en bancos afiando a arte de contar. 
A nova produción dos creadores de “Noites de Retranca” mestura o de sempre co moderno, facendo do teatro unha gran lareira a carón da que se relatará un cacho de patrimonio oral bañado de saudade, retranca, humor e tenrura.

“Botamos man dese imaxinario nese estilo galego, no que non faltará a retranca”

Te puede interesar