As bibliotecas municipais programan un mes de maio dedicado ao Día das Letras Galegas

O Concello da Coruña organizará este mes distintas actividades con motivo da celebración do Día das Letras Galegas o 17 de maio, unha efeméride que este ano se dedica ao escritor Carlos Casares.

As Bibliotecas Municipais promoverán distintas actividades enfocadas a dar a coñecer a obra do autor homenaxeado e das mulleres escritoras da cidade, así como para afondar no papel que xogan as pequenas editoras galegas no fomento da lingua galega.

Así, o próximo venres terá lugar no Centro Ágora a xornada “Ramalletes literarios”, unha iniciativa que ten como obxectivo poñer en valor as letras galegas e o traballo que fan as pequenas casas editoriais á hora de promover contidos alternativos en galego para o gran público, á vez que abren as portas ás primeiras creacións de autores emerxentes.
A actividade, aberta ao público, comezará ás 09.30 horas cunha visita ao centro, para dar a continuación ás 10.30 horas a unha charla na que participarán as editoras Apiario, Patas de Peixe e Chan de Pólvora. Tras unha pausa para o café, Cristina Montero presentará a súa proposta de danza contemporánea “Calvario” e ás 12.30 horas o grupo desprazarase até o lugar da editora Apiario, onde haberá unha visita guiada.

Esta iniciativa de apoio ás letras galegas, na que se pretende “poñer en valor o idioma como valor de futuro e emprendemento”, explican, trasládase tamén ás redes sociais. As bibliotecas convidan á cidadanía a subir unha fotografía dun libro en galego, acompañado dun elemento natural como unha flor ou ramallete, e os cancelos #ramalletesbmc e #letrasgalegas2017.

Roteiro literario en feminino
Outra das actividades que terán lugar esta semana, e cuxo prazo de inscrición xa está aberto, é o “Roteiro literario: En feminino”, unha proposta na que a escritora Mercedes Queixas percorrerá coa veciñanza as diferentes rúas da Coruña que levan nome de muller, co fin de visibilizar o seu peso na historia da cidade e difundir o seu papel na historia.

O paseo, que comezará ás 18.30 horas e terá unha duración de hora e media, iniciarase na rúa María Wonenburger, na zona do parque de Vioño, e rematará na biblioteca municipal de Durán Loriga. Durante o traxecto, os asistentes poderán coñecer a obra de mulleres coma Mariana Pineda, Sofía Casanova, Emilia Pardo Bazán ou Modesta Goicouría.

O luns 8 ás 19.30 horas o Fórum Metropolitano acollerá un concerto de Xardín Desordenado, cuxo programa incluirá cancións con textos de Carlos Casares e dous días máis tarde, o mércores 10, a agrupación repetirá esta homenaxe ao escritor na biblioteca de Estudos Locais. Tamén comezará ás 19.30 horas.

As bibliotecas municipais programan un mes de maio dedicado ao Día das Letras Galegas

Te puede interesar