O bergondés Xabier López consegue o XXX Torrente Ballester en galego pola novela “900”

O bergondés Xabier López consegue o XXX Torrente Ballester en galego pola novela “900”
El Ideal Gallego-2018-11-08-036-ef3b4425

O escritor Xabier López gañou onte coa novela “900” o XXX Premio Torrente Ballester en galego da Deputación, un galardón dotado de 25.000 euros que inclúe a publicación dunha obra que, segundo o xurado, percorre a historia do país desde o século XIX até a posguerra de mediados do pasado século.

Unha gran novela río que pasará ás vitrinas da distinción con máis euros das convocadas polo organismo. Con preto de 500 páxinas, os especialistas elixírona como a mellor das propostas. Co lema Casa Tomada e o título “900” o autor suma un trofeo máis a unha traxectoria xa consolidada cunha ampla obra que recibiu condecoracións en distintos certames literarios.

A escritora Marica Campo, a investigadora e profesora da Universidade de Vigo, Ana Luna, e os escritores Carlos Negro, Suso de Toro e Antonio Piñeiro, gañador da anterior edición do premio con “A través do fume”, coa vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei como presidenta e a xefa de servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat, como secretaria formaron parte dun xurado que destacou a “alta calidade das obras finalistas do certame, con novelas moi audaces e arriscadas”.

De “900”, destacaron que se trata dunha “novela río dunha saga familiar narrada con intelixencia, ironía e mesmo humor”. Define tamén a través do fallo a obra presentada por Xabier López como unha “novela sagaz, cervantina que percorre a historia de Galiza e Europa desde o século XIX até mediados até a posguerra de mediados do pasado século”.

Xabier López convértese así en gañador do XXX Premio Torrente Ballester de narrativa da Deputación na terceira edición en que se convoca para modalidade en galego e en castelán separadas. Nas anteriores edicións Eli Ríos con “Luns” (Xerais) e Antonio Piñeiro con “A través do fume” (Galaxia) fixéronse co galardón nas dúas convocatorias anteriores.

O escritor Xabier López naceu en Bergondo (1974) e reside no concello de Betanzos. Licenciado en Dereito, conta cunha ampla e recoñecida carreira nas letras centrada de maneira especial na novela aínda que tamén visitou o relato e o conto infantil.

Case 20 títulos compoñen a súa bibliografía que se inicia en 1997 coa obra “Biff, Bang, pow!” (novela case negra). Escribiu “Doutor Deus”, “O caderno”, “O mono no espello”, “A estraña estrela”, “A vida que nos mata”, “Trinta e dous dentes”, “Os libros prestados” ou “Cadeas”, entre outros. O que xa foi finalista en 2007 engrosa co premio unha lista na que se atopan o Risco de Literatura Fantástica, o Manuel Lueiro Rey de novela curta, o Premio Xerais de Novela, o Frei Martín Sarmiento, ou o Fervenzas Literarias.

O bergondés Xabier López consegue o XXX Torrente Ballester en galego pola novela “900”

Te puede interesar