As institucións eluden actuar fronte a desprotección dos murais de Lugrís

Son palabras comodíns. Verbos que as institucións empregan para alongar no tempo parte dese compromiso que adquiren xusto no momento en que son elexidos para coidar da cultura viva do país. Do patrimonio galego. “Inventariar”, “catalogar” ou “estudiar” serven as máis das veces de acubillo aos políticos para paralizar procesos naturais como é o caso dos murais espallados por Lugrís na cidade, que na actualidade non contan con protección algunha até o punto de que os seus propietarios teñen absoluta potestade sobre eles.

A día de hoxe, os donos dese patrimonio poden facer e desfacer nel o que queiran. Desde a existencia destes Lugrises, son poucas as iniciativas gubernamentais que se levaron a cabo coa intención de salvalos.

Poucas foron as iniciativas dos gobernos para salvar este patrimonio

Conta o museólogo Felipe Senén que se ben a Deputación estivo a piques de trasladar o plan decorativo que Lugrís trazou na rúa de Olmos 27, os cambios políticos no organismo provincial impediron que se materializara a medida adoptada. Unha solución a seguir que impediría o deterioro e a destrución que viría despois. Cando o último restaurante que arrendou o baixo decidiu botar por terra unha posta en escena que só se podía entender na súa inmensidade e na que Urbano plasmaba a súa idea de paraíso terreal.

Para Senén, esta é a actitude correcta e a que seguen todos os países desenvolvidos co seu legado cultural xa que permite manter intactas as pezas orixinais nunha sala coas condicións requeridas e suplantar no lugar de orixe as verdadeiras por outras falsas que fagan perdurar a impronta do artista no sitio.

Do mesmo xeito, o ex ministro de Cultura, César Antonio Molina, non tivo tempo de culminar a intención que tiña de conservar todo este legado. Pola súa parte, o ex conselleiro de Cultura, Roberto Varela, comprometíase en 2009 a facer un estudo técnico co fin de catalogar os murais como elemento patrimonial protexido e no anterior bipartito, o departamento de Cultura, daquela dirixido por María Xosé Bravo, amosaba interese por recuperar os murais cando o estudio Mas de arquitectura presentaba hai tres anos un plan de rehabilitación para o que actualmente está na cafetería Vecchio.

Aínda que o proxecto valorado en 50.000 euros contou coa aprobación dos organismos, ninguén moveu ficha finalmente e todo quedou en nada. Neste aspecto, Senén asegura que non se trata de tecer unha catalogación porque as obras están máis que rexistradas e son moitos os inventarios que se fixeron delas. A cuestión está en aprobar unhas normas mínimas de coidado que atinxan aos donos particulares e aos concellos: “Isto implica a todo o mundo”.

 

As institucións eluden actuar fronte a desprotección dos murais de Lugrís

Te puede interesar