As bibliotecas municipais reforzan as actividades en torno aos libros

El Ideal Gallego-2011-04-26-017-8dee6ded

  m.g.m. > a coruña

A Concellería de Cultura debuxa un corazón no medio dunha nova campaña de fomento da lectura, que se inicia esta semana coa repartición de libros nas estacións de buses e de trens. Será mañá, de 11.00 a 19.00 horas, cando os viaxeiros poderán coller en prestado historias atrapadas entre tapas de cartón en calquera dos dous puntos.
Ademais, as bibliotecas municipais amplían o seu abano de actividades nestes meses e “Eu quero ler” traducirase no Fórum, o xoves, coa posta en escena de Estíbaliz Espinosa para saír á rúa do 13 ao 17 de maio cunha feira do libro, organizada polos libreiros coruñeses en Méndez Núñez, onde Cultura disporá dun consultorio sentimental e médico no que se analizará a relación de cada coruñés coa literatura.

Talleres > As páxinas de ficción tornarán en talleres, que profundizarán no cine na biblioteca de Los Rosales con “Érase unha vez o cine...”, ata o 11 de xuño, ou nos distintos clubes organizados nos centros, nos que os participantes poderán falar das sensacións que lles aporta a lectura dun determinado título.  
Por outra parte, os máis cativos terán un espazo importante dentro da programación cunha serie de actividades para eles nas bebetecas do Fórum e Los Rosales e  a montaxe de Caramuxo Teatro “Glub, glub”, para pequenos de seis meses a tres anos, onde a amizade aparecerá representada nun barquiño de papel afundido no fondo do mar. O espectáculo terá lugar o 11 de maio, en Los Rosales.
Para os mozos maiores de 14 anos, na biblioteca Infantil e Xuvenil poderán participar nun taller de escritura creativa, os luns de maio. Los Rosales acollerá o 5 de maio o acto “Xuntos por Xapón”, no que os participantes farán grúas de papel en solidariedade co pobo nipón para ofrecer o 31 de maio unha visita guiada pola mostra “Frecuencias”, que está no Macuf.
O centro do novo barrio convoca tamén a terceira edición do concurso de contos, cunha entrega de premios, que terá lugar o 30 de maio. En cada unha das casas do libro sucederanse as merendas con contos, nos que o Fuco Ratapón e a súa familia deleitarán ao público cunha historia chea de ingredientes divertidos.
En canto a mostras, os coruñeses poderán achegararse, en María Pita, ata unha cidade berce da modernidade nos oitenta, en “O Desembarco dos 80”cun Lois Pereiro como símbolo dun movemento que tiña á rúa como protagonista. Paula Gómez del Valle expón en Durán Loriga fotografías con textos en “Elos” e Coleccionan presenta o 14 “De libros e de artistas”.
En materia teatral, Nuria Espert estará esta fin de semana con “La violación de Lucrecia” e o Fórum será o escenario de “A verdadeira historia dos tres porquiños e o lobo feroz”, a cargo de Teatro del Andamio.

“Ver un libro” > Cultura convoca o certame fotográfico “Ver un libro”, para o que as propostas deberán reflectir unha recreación, impresión ou escenificación dun libro ou dun fragmento de ficción e terán que presentarse do 1 de maio ao 5 de xuño. A publicación das persoas gañadoras farase do 13 ao 19 de xuño e a entrega, do 20 ao 25.


 

As bibliotecas municipais reforzan as actividades en torno aos libros

Te puede interesar