Os “Apuntes” de xuventude de Pardo Bazán estarán en formato dixital antes do final de ano

Os “Apuntes” de xuventude de Pardo Bazán estarán en formato dixital antes do final de ano
Casares, Alonso Montero e González Herrán, na presentación quintana

Son 138 páxinas e 40.500 palabras vertidas en apuntamentos que Pardo Bazán colleu para si cando non chegaba aos 22 anos e emprendía unha viaxe desde Ourense a Xenebra xunto a seus pais, esposo e un tío. Era o primeiro día de 1873 cando a familia partía para abrazarse na capital suiza coas causas carlistas que defendía.
Esas follas nas que a intelectual foi destilando o que pensaba daqueles personaxes e lugares cos que se atopou no camiño quedarían na sombra até que unha filla doou o manuscrito autógrafo orixinal á Real Academia Galega. En 1996, o profesor José Manuel González Herrán daba conta da existencia dese texto inédito e desde ese instante, un equipo liderado polo catedrático poñíase a traballar sobre o que tería que ser cronoloxicamente o primeiro libro da escritora.
Por unha cuestión de cartos, nunca se puido editar a obra. Contaba o experto que “Apuntes de un viaje. De España a Ginebra (1873)” pedía a impresión do texto orixinal xunto ás transcricións e isto supoñía un maior desembolso económico.
Anos despois e tras a publicación de contos, obras de teatro e artigos dos fondos que garda a academia, a entidade e a Universidade de Santiago comprométense a agrupar a peza nunha edición dixital de libre descarga que estará dispoñible antes de que remate 2013 e que posiblemente será a antesala dun volume con tapas unha vez que a situación mellore.
Deste xeito, o presidente Xesús Alonso Montero e o reitor Juan José Casares asinaban un convenio para darlle luz verde. O profesor encargado de editalo comentaba na sede da rúa Tabernas a importancia de dar a coñecer uns papeis claves da que pasou dous meses en París e paseou por Milán, Verona e Trieste antes de chegar á fin do percorrido. A boa caligrafía do manuscrito permite a súa lectura polo que será incluido xunto ás anotacións que Ferrán foi analizando.
O libro electrónico virá introducido por un estudio do catedrático cántabro, que elexiu o castelán para chegar a máis lectores e porque foi o idioma empregado por Pardo Bazán na maioría dos seus títulos. O primeiro ademán da muller de escribir contén comentarios políticos, económicos e artísticos do que se encontraba nos sitios que visitaba.
Aínda que algúns fragmentos xa se deron a coñecer polo equipo de investigadores en congresos e encontros literarios, será a primeira vez que se lea a peza completa. O reitor da Universidade de Santiago cuestionaba en alto como unha muller foi capaz de darlle forma a máis de 3.000 artigos xornalísticos e vivir a vida tan intensamente.
Pola súa parte, o académico e colaborador, Xosé Ramón Barreiro, destacaba que o contido fala das emocións de Pardo Bazán xa que a escritora conta o que sentiu, por exemplo, cando tivo nas súas mans ao fillo de Carlos VII e como pensou que, en realidade, estaba sostendo ao futuro rei de España. O especialista sinalaba que o traballo era moi importante para a cultura galega e de fácil acceso xa que se poderá chegar a el desde o Servizo de Publicacións da USC e na web da Academia.

Os “Apuntes” de xuventude de Pardo Bazán estarán en formato dixital antes do final de ano

Te puede interesar