Antonio Leonardo | “Para que todo saia adiante poñemos facilidades e gustaríanos tamén recibilas das administracións”

Antonio Leonardo | “Para que todo saia adiante poñemos facilidades e gustaríanos tamén recibilas das administracións”
el ideal gallego-9999-99-99-999-4755db85

Antonio Leonardo, presidente da Asociación de directores de colexios públicos pide melloras no mantemento e reclama unha maior flexibilidade e optimización de recursos por parte das administracións.

Como leva a presidencia da Asociación de directores?

Levo pouco tempo pero a experiencia é positiva. Os directores temos un bo ambiente, de axudarnos uns ós outros nos problemas que poden xurdir no día a día, ese é o fin primordial. Estou moi contento coa achega dos compañeiros, eu son a cara visible, pero a labor é de todos.

En que traballan agora?

Un obxectivo é a actualización, a educación evoluciona e nós temos que ir con ela. Estamos nun seminario de traballo e está o 75% dos directores da Coruña. Resolvemos problemas que xorden e é unha asociación que nos permite estar en contacto uns con outros ademais de estar encerrados no despacho e ter unha relación co Concello e coa Xunta.

Cales son as principais necesidades dos colexios?

No curso temos varios períodos. Cando empezan os cursos están as matrículas, o alumnado, a diversidade ou o persoal. Unha vez que o curso está iniciado os problemas son máis ben de infraestruturas. Os edificios teñen uns anos, son antigos, teñen unhas calidades que non é o mesmo o cemento que se fai agora que o que se facía fai 50 anos. Os edificios teñen un desgaste e vai rápido. O mantemento, agora que ven o inverno, é un problema.

Pedín ós directores que me cubrisen unha lista de problemas e a palabra que máis se repite é pingueira, o problema é que os contratos non están actualizados, non son reais

A maioría dos directores sinalan que os centros son vellos. Cal é a solución?

Pedín ós directores que me cubrisen unha lista de problemas e a palabra que máis se repite é pingueira. Os tellados teñen falta de mantemento, os canlóns hai que limpalos e hai goteiras nalgúns centros. O maior problema é que os contratos que fan non están actualizados, non son reais, polo tanto o mantemento cubre unhas facetas, pero hai aspectos nos centros que teñen que facerse como colocar un encerado ou mover un moble dun sitio a outro do edificio que non están contemplados pero é unha necesidade real para os centros. Cando chegan cadeiras, mesas ou armarios da consellería, o director e o secretario coa nosa boa vontade temos que movelos, remangarnos e subir as cousas. Iso non debería ser así, tería que haber unha certa flexibilidade. Esta semana había un mitin no colexio e estaba pechado, a conserxe non estaba localizable e chamáronme a min. Non é a miña función, pero para que todo saia adiante o fixen e poño facilidades, pero esas facilidades gustaríanos recibila por parte das administracións.

Coido que estes aspectos foron trasladados ó concelleiro de Educación. Tiveron resposta?

Son unha persoa máis partidaria do reforzo positivo que da crítica destrutiva. Coido que se está traballando nisto, eles recollen as nosas demandas, as estudan, as valoran e o que si é que as cousas da administración van lentas, non tan rápidas como nos gustaría. Están atendendo as incidencias, esta semana tiven a mantemento arranxándome unha pingeuira. Enviei o aviso fai unha semana e non no momento, pero se está facendo, leva un tempo arranxar todo isto. Cando temos unha avaría ou algo non se fai ao momento porque hai problemas en moitos centros e todo o mesmo tempo non se pode arranxar. Que cae nun saco roto? Non. Fan por arranxar e atender as nosas necesidades. É certo que cando fan un contrato de mantemento cunha empresa, non estaría mal que nos pediran información sobre as necesidades reais que temos. Logo que se poidan poñer os puntos ou non nun contrato, é outra cousa, pero se lles damos media ducia de puntos e se poden poñer dous, gañan os alumnos.

No Curros Enríquez temos capacidade para máis alumnado e outro centro enfronte ten algunhas aulas con 28 alumnos, esa situación 
non ten moito senso

O feito de que o concelleiro fora director dun colexio e o seu predecesor é un punto a favor?

Para nós o concelleiro aínda segue sendo un compañeiro noso, o vemos coma un compañeiro. Temos postas nel moitas esperanzas porque ao ser exdirector sabe as vivencias dun centro, das nosas necesidades, e sabe como é a vida dun centro, iso é positivo. Temos moitas expectativas postas.

Xa lles prometeu algunha cousa?

Tanto coma promesa non, todavía tivemos poucas reunións de contacto, a finais de mes teremos outra que cun matiz máis formal e nos presentará algúns dos plans que teñen pensados para o ano.

A cidade sufre unha crise demográfica e cada vez hai menos nenos, necesítanse novos colexios?

Hai centros que necesitan dun aumento de aulas como o Eusebio da Guarda, San Franciso Javier ou Fernández Latorre, que teñen algunha aula con algún neno máis da ratio, o que dificulta a labor. Non é o mesmo unha aula de 20 ou 25 alumnos que unha de 27 e cun neno que non fala galego nin castelán, non é a mesma tesitura. Esas aulas hai que dotalas de persoal específico e de máis atención. No Curros Enríquez solo temos dúas aulas que chegamos a 25, nese aspecto estamos ben porque podemos adicar unha atención máis directa, pero non é o caso da maioría dos centros.

Temos moitas esperanzas no concelleiro de Educación porque o vemos coma un compañeiro, sabe as vivencias dun centro, das nosas necesidades, iso é positivo

Entón hai que ampliar os centros ou crear outros novos?

Para crear un centro a maiores sería necesario un estudo da zona onde se vai poñer. Está o novo centro en Mesoiro, unha zona con matrimonios xoves que teñen fillos e supoño que é unha boa idea un centro de Primaria. Aquí, por exemplo, temos varios centros públicos na mesma zona e quizais non cabería a posibilidade de facer un centro novo senón poñer os alumnos nestes centros. Nós temos capacidade para máis alumnado e outro enfronte con aulas con 28 alumnos, non ten moito senso.

En canto ao profesorado, como están os centros públicos coruñeses. Está todo cuberto?

Os centros públicos teñen todo o persoal cuberto, ben cuberto, non temos necesidades. Ó principio do curso houbo un pequeno desaxuste que é froito da mobilidade do alumnado. Temos alumnado que chega ó centro recentemente, en setembro están chegando nenos con contagotas. Agora xa non hai familias nacionais como fai 30 anos que teñen tres ou catro fillos, agora teñen menos. Estamos tendo moita afluencia de nenos do estranxeiro e veñen a outro nivel educativo do noso, é unha realidade. Iso produce un certo desaxuste nos profesores de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, pero a nivel xeral está todo solucionado e os centros teñen o persoal que necesita. Non esquezamos que temos que optimizar os recursos,non é lóxico que un profesor estea traballando no Curros Enríquez dous días e o colexio de abaixo, o necesite tres, e non poida ir a 100 metros a traballar. Non pode ser que por un posto de traballo se paguen dúas nóminas, hai que optimizar recursos e iso é labor de todos. Hai persoal que é compartido, aquí deuse o caso dunha coidadora o ano pasado que estaba a tempo completo e atendía a unha nena que este ano ten a escolaridade compartida. Entón está tres días está no Curros e dous días no CEE Nuestra Señora del Rosario, non é lóxico que esa coidadora estea cinco días aquí e dous non teña a ningún neno que atender. Se abaixo hai un neno ó que atender, o lóxico é que poida ir ó centro de Zalaeta.

Comenta que hai unha maior chegada de nenos estranxeiros. Cales son as súas países de orixe?

Estamos tendo moitos nenos de Sudamérica, Venezuela especialmente, e tamén de Europa do Leste, de Romanía veñen moitos. Hai unha afluencia maior destas nacionalidades e a súa integración é boa, pero demandan dunha atención específica, sobre todo co idioma. Cando un neno chega e non sabe castelán nin galego, é un problema para un profesor que ten que atender a toda unha aula de 25 alumnos e un que non fala eses idiomas. Iso é unha tarefa complicada, hai que apoialo con profesorado extra e traballamos para iso, temos solicitado un programa que se chama “Contratos-programa” da consellería. Hai recursos, veñen nenos pero temos recursos e temos que apoiarnos neles e adquirimos máis persoal e dotación económica para comprar o que sexa necesario para que estes nenos saian adiante.

Antonio Leonardo | “Para que todo saia adiante poñemos facilidades e gustaríanos tamén recibilas das administracións”

Te puede interesar