Ante un abismo chamado “madurez”

El Ideal Gallego-2011-07-27-017-67853f31 galería 9the13 “punto de fuga”

O artista Miguel Cuba presenta hoxe, ás oito e media, na galería 9the13 a exposición “Punto de fuga”, que vén a ser un anticipo do tebeo que sairá á venda nos vindeiros días e que fai protagonista a un rapaz que se asoma ao abismo da madurez. A historieta está escrita en clave de humor e é tan realista que ata os escenarios non son inventados. Existen.

Reportaxe de marta garcía márquez

A punto de saír o seu primeiro tebeo do forno, Miguel Cuba fai un anticipo do que virá na galería 9the13 coa exposición “Punto de fuga”, na que se poderán ver a partir desta noite catorce das pranchas orixinais e catro cadros máis dunha historia que ten tanto de real que os escenarios non son inventados. Existen. Cuba recolle retallos de cafeterías dispersas entre a pedra santiaguesa e edificios de sobra vistos por todos para situar as inquedanzas dun mozo de nome Mateo no momento en que se ten que asomar a ese abismo chamado madurez. Con todo o que isto implica.
O personaxe principal é deses protagonistas moi protagonistas, advirte, e aínda que se arrodea doutros que están coma él e que lle aconsellan que o futuro non é tan negro, terá que ser o propio rapaz con todas as malas experiencias que agrupa nas viñetas o que se dea conta de que todo é posible.

Salón do cómic > A nova historieta sairá ao mercado nos vindeiros días da man de Demo Editorial e disposta a darlle unha bocanada de esperanza a todos aqueles que están no mesmo caso de Mateo. Ademais, está previsto que se presente no salón do cómic “Viñetas desde o Atlántico”, que terá lugar na cidade do 8 ao 14 de agosto.
Miguel Cuba sinala que trazou os debuxos precisamente coa intención de representar a esa xeración de persoas cunha boa formación académica que non ven demasiado claro o que lles espera. A novela gráfica non deixa de ser un diario do que lle acontece. O autor reflicte nela unha serie de feitos que fan que Mateo madure de vez. Espabile. É así como dun agobio inicial, o protagonista pasa a asimilar a súa situación convencido de que hai unha luz amarela ao final do túnel. O personaxe principal da historia cambia a súa perspectiva. Ten que tocar fondo para dar un chimpo no tempo e comprobar que aínda que non o pareza, hai xente que se atopa en peores condicións e sen traballo.
O debuxante admite que aínda que o guión ten tintes dramáticos, está tratado en clave de humor. “Punto de fuga” pretende reflexar o que está a pasar na sociedade, sobre todo, nese sector de poboación que se está a erguer para protestar contra un sistema que os fai más febles ante o mundo.
Son moitas as arquitecturas plasmadas con detalle polo lápiz deste lucense, que vive desde hai anos en A Coruña. Moitas as cafeterías que aparecen no conto tal e como son. Plaxiadas ao milímetro co fin de que “Punto de fuga” sexa realista ao máximo.
É concretamente nestes lugares de ocio onde se trama a conversión do personaxe, que ten que escoitar moitas recomendacións e protagonizar o seu propio despido para que a historia dé un xiro inesperado. Deste xeito, a nova publicación colle forza e verte toda unha moralexa que ben pode ser recollida polos outros Mateos con residencia en Galicia. O autor quere agradecer á galería 9the 13 que volva contar con obra súa para encher as paredes de ilustracións, dentro do apartado que o centro está a adicar ao mundo do cómic e que enlazará perfectamente con todo o programa que se celebrará con motivo de Viñetas dentro de dúas semanas.
A mostra, que se inaugura hoxe ás oito e media da tarde, será un aperitivo do que presentará Demo Editorial, á que lle dá as grazas por confiar nel para plasmar o primeiro dos retos en modo viñetas, deste artista gráfico que promete. Palabra de Manel Cráneo.

Ante un abismo chamado “madurez”

Te puede interesar