miércoles 21/10/20

Alberto Lema | “A Asociación de Hostelaría se autoexcluíu da elaboración do Plan de Turismo e foi un erro grave”

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, leva case tres anos á fronte dun dos departamentos que máis temas abarca dentro do Goberno

Lema afirma que varias medidas turísticas dependen dos Eidus | patricia g. fraga
Lema afirma que varias medidas turísticas dependen dos Eidus | patricia g. fraga

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, leva case tres anos á fronte dun dos departamentos que máis temas abarca dentro do Goberno municipal da Marea. Iso fai que non sexa difícil que existan moitas frontes abertas e agora son a hostelaría e o comercio os que protestan pola súa xestión.

Está a piques de sumar tres anos á fronte do departamento. Que balance fai das políticas postas en marcha neste tempo?
A concellaría é bastante ampla e ten bastantes responsabilidades. Por destacar un fito relevante en cada unha das áreas diría que en Mercados foi o concurso de postos baleiros e tamén a posta en marcha da nova páxina web. En Comercio creo que os mercadillos urbanos son unha proposta que resultou moi atractiva para o sector e que funcionou moi ben. Tamén falaría do cambio de modelo no reparto de subvencións pasando de ser nominativas a ser por concorrencia. Malia que isto fai máis complexo o reparto dos fondos, se fai de xeito máis xusto e máis ponderado.

Como ve as áreas de emprego e promoción económica que dan nome ao departamento?
Na cuestión da Promoción Económica para nós era un reto que o Papagaio estivese cheo e conseguimos que estea nunha boa situación. Tamén fomos capaces de introducir un discurso e unhas prácticas relevantes na economía social e no cooperativismo, buscando fórmulas económicas que non son únicamente as regulares: que teñen outros principios e valores. No servizo de Emprego estou moi contento co resultado do Coruña Emprega que nos deu a oportunidade de crear un equipo especializado nunha forma de inserción laboral personalizada. Tivemos unhas 160 persoas reinsertadas laboralmente durante o 2017 e agora estamos nun proceso de levar os equipos de emprego aos barrios, aos centros cívicos. Tamén estou particularmente orgulloso dalgún dos cursos de formación específicos como o de creación de videoxogos.

Tamén leva turismo...
Eu diría que un dos fitos máis importantes nestes tres anos foi o Camiño Inglés. Entendo que é un feito de xustiza que A Coruña recupere isto porque fumos o porto dos peregrinos que chegaban por mar. Isto nos da tamén un banderín para lucir en mercados que son moi atractivos como o anglosaxón. Despois destacaría o Plan Estratéxico de Turismo. Tivo a capacidade de poñer dacordo ao sector público e privado á hora de establecer unha folla de ruta para a promoción turística da cidade a medio prazo.

Cal é o grao de cumplimento dese documento case un ano despois?
O plan recolle unha serie de cuestións algunas das cales non teñen vinculación exclusiva con Turismo senón con moitas áreas como Cultura, Urbanismo, Mobilidade... Recolle unhas 120 medidas e hai que dividilo, cando menos, en dúas partes. Entre as cuestións que con maior ou menor fortuna se puxeron en marcha está a renovación da imaxe turística co eslogan “Sempre aberta”. Hai cuestións que están en marcha que teñen que ver coa sinalización turística e coa renovación da páxina web que están vinculadas cos fondos Eidus, co cal unha vez máis se complica un pouco máis a xestión. O esforzo no mercado inglés tamén é significativo.

Avanzouse no cambio que se propoñía para a figura do Consorcio?
Eu creo que as cuestións que teñen que ver coa gobernanza son centrais. O Consorcio require un cambio na súa tipoloxía de ente xestor. O que propón o plan é a creación dunha empresa pública e creo que é necesario que afrontemos este reto. Esto depende dun aspecto político e é máis complexo pero a metamorfose suporía unha maior axilidade administrativa e cuestións que agora son moi difíciles de facer como facturar por venda de merchandising ou paquetes turísticos.

Unha das claves era presumir da gastronomía, como vai a tarefa?
Había que darlle un reforzo ou aumentar a visibilidade daquela cociña que reúna mellor os valores que queremos transmitir coa palabra atlántico pero tamén coa innovación. Creo que aí fixemos un traballo moi bo co Boucatisse, as Lacónicas e o Bo en Boca. Agora entendemos que o SAL debería ser ese último escaparate que buscabamos

Malia esa pretensión topáronse con varios concursos do festival desertos?
Penso que vai a ir realmente moi ben a pesares de que, efectivamente, as cuestións de trámite administrativo foron difíciles.
Cal pensa que puido ser a razón?
Foi concebido a finais do ano pasado pero procedemos ás licitacións despois do 8 de marzo e topámonos coa nova lei de contratos, que aínda hoxe está a supoñer unha novidade na normativa de difícil dixestión para os concellos. O Consorcio licitou baixo as novas condicións normativas en tempo récord pero houbo algo que non estaba previsto que foron as consecuencias da entrada en funcionamento da plataforma estatal de contratación. Aí quedaron solapadas ou invisibilizadas as nosas ofertas. Hai un problema evidente de accesibilidade e no capítulo de autocrítica tiñamos que ter reforzado máis a comunicación pública desas ofertas.

Afectou o feito de que agora se lle reclame diñeiro dunha subvención á FUCC polo medo das empresas a impagos?
Non. O cómputo do plazo de pago a proveedores do Consorcio é negativo: pagamos en menos días dos que prescribe a lei. O ano pasado estabamos algo así como en menos cinco. O Consorcio ten unha fama ben gañada de bo pagador. Non penso que iso teña nada que ver: hai desertos todos os días e, ás veces, hai que analizar por que. Pode ser porque a oferta vai moi axustada de prezo ou por falta de visibilidade.

A Asociación de Hostelaría foi moi crítica con non ser incluida na organización do certame culinario e, en xeral, sinte que non se conta con ela. Hai algún enfrontamento entre o sector e o Concello?
Desde emprego estamos concedéndolle todos os anos, porque gañan os concursos evidentemente, unha morea de cursos por riba dos 100.000 euros anuais. Ese feito evidencia que o trato a nivel institucional é normal. No seu momento lamentamos, e moito, que se autoexcluíra da elaboración do Plan Estratéxico de Turismo. Creo que foi un erro grave pola súa parte: hai que ter coidado á hora de saber diferenciar á institución das afinidades políticas de cada quen. Nós somos sempre absolutamente rigosos e coidadosos tratando de non excluír a ninguén e é una mágoa que polo outro lado non recibamos moitas veces o mesmo trato.

No SAL non se lles abriu a porta?
Vémolo como un festival gastronómico no que o queremos dalgunha maneira é visibilizar non tanto ou non únicamente ao sector hostaleiro senón as virtudes da cociña coruñesa. Temos certa vinculación co outro grupo de hostaleiros local, Coruña Cociña, co que estamos vinculados á hora de promocionar A Coruña como destino gastronómico. Pero a posibilidade de participar no evento está aberta non únicamente a Coruña Cociña ou á Asociación de Hostelaría senón a calquera que presentase un proxecto cunhas tapas para poder participar.

O outro sector que máis emprego sostén tamén está descontento coa xestión das subvencións. Por que se lle reclaman agora máis de 30.000 euros á Federación Unión Comercial Coruñesa (FUCC)?
O que di o expediente é que a auditoría que se fixo amosa que parte do gasto está mal xustificado e xa está. Hai algo na cultura política deste país e desta cidade que é a non delimitación do ámbito político e administrativo. Dende fóra pénsase que o político decide de xeito discrecional á súa vontade ou que interpreta a norma ao seu gusto. Eu como político son moi coidadoso manténdome afastado dos expedientes administrativos: nunca estiven nin vou a estar nos comités de valoración de contratos ou subvencións por unha cuestión de hixiene democrática. Si eu, como político, forzase ou tentase desatascar unha subvención que está mal xustificada para que a otorgasen aos beneficiarios estaría incurrindo nun delito de prevaricación.

Se lle solicitaron requerimentos ao resto de asociacións polas axudas de 2017...
O único expediente no que se detectou este gasto sin xustificar ou mal xustificado foi o da subvención da FUCC do 2016. A cuestión de requerimento de documentación para a xustificación do gasto do resto de subvencións é completamente normal.

Pero entende que neste contexto de atrancos, o comercio non se sinta apoiado polo Concello?
Eu o que estou vendo é que hai unhas asociacións que teñen un xeito de traballar moi profesional, que xustifican completamente ben e en prazo todos os gastos e, polo tanto, se lles pode pagar sen ningún problema. Logo existe outro tipo de asociacións nas cales a xestión non é tan fluída e profesional e da lugar a problemas.

Cando se coñecerán as subvencións deste exercicio?
Están aprobadas e procede levalas á Xunta de Goberno canto antes. Van a ser moi semellantes ás do ano pasado con un par de pequenas correccións. l

Comentarios