A soprano coruñesa Paula Rey aportará frescura na nova etapa de Luar na Lubre

El Ideal Gallego-2011-11-04-015-6a6b2c2e

 marta garcía márquez > a coruña
  Quizais foi a forma de comportarse no escenario das probas o que fixo que Luar na Lubre conte hoxe entre as súas filas cunha voz que vén da lírica para quedarse no folk durante anos e cantar na lingua do país. Algo ao que non está afeita pero que foi capaz de adaptarse en cuestión de días. Chámase Paula Rey e móvese coa mesma enerxía que capacidade vocal ten.

Ela foi a elexida entre as doce que viñeron a probar nas últimas semanas, unha escolla que, segundo o líder da banda, foi moi complicada porque todas tiñan unha calidade moi alta.
Romero destacaba que o feito de vela bailando ao mesmo que entoaba unha canción como se non pasara nada cando nestes casos  o máis normal é que a un se lle agarrote o corpo foi en parte decisivo para convencelos. Ela moviase onte do mesmo xeito interpretando “A  Carolina” para confesar, máis tarde, que aínda que procede dun mundo totalmente distinto sempre pensou que, en realidade, a súa forma de ser no escenario encaixaba máis nun perfil como ao que vai ter que afacerse a partir de agora. Aos seus trinta anos.
Ser a nova voz de Luar na Lubre, dicía, supón entrar a formar parte dun barco ao que se subiu co apoio dos seus novos compañeiros desde o primeiro momento ata nos ensaios da última semana nos que traballaron os tres temas que tocaban onte para os medios de comunicación.
Pola súa parte, a formación dará un paso adiante e ofrecerá coa coruñesa algo diferente, que se verá reflectido nun primero concerto que calculan para o Nadal e un novo proxecto discográfico, que teñen pensado sacar antes do verán de 2012.

Antes e despois > Neste aspecto, os coruñeses seguirán a liña que comezaron con “Solsticio” para seguir rascando na lírica medieval. Neste caso, acudirán ao pobo irlándes para musicar pasaxes do “Libro das Invasións” (Leabhar Gabhála Érenn), en concreto, as que falan de A Coruña e dos galegos e mencionan a unha torre que chaman de Breogán para establecer vínculos con este país celta e seguir medrando.
De momento, o proxecto atópase nunha fase embrionaria pero será unha carta de presentación deste novo reto que significa a posta en escena dunha cuarta voz, despois de Ana Espinosa, Rosa Cedrón e Sara Vidal, á que onte recordaban.
Romero aclaraba que a marcha da portuguesa tivo que ver con motivos persoais ao ser incompatible vivir en Lisboa e participar nun proxecto musical como o de Luar na Lubre. Sinalaba que a intérprete estaba estresada e que un accidente que sufriu nunha destas viaxes fíxolle reflexionar sobre o tema ata que decidiu deixar a formación. O líder agradecíalle a súa fidelidade como persoa e amiga nun tempo no que participou en catro traballos discográficos.
Ademais dunha ruptura do grupo co que habitualmente viñan facendo e tirar agora polo medievo e o galaico portugués, a incorporación de Paula Rey supón contar cunha voz academicamente moi ben formada, que Romero calificaba de virtuosa e diferente. Versátil porque foi quen de facerse co repertorio máis coñecido de Luar na Lubre en días, e fantástica.
A cantante engadía que interpretar música do país era unha oportunidade para que a súa voz medre lonxe do ambiente formativo e nun campo virxe para o que se prepara con “moita ilusión” por ser de A Coruña e ter á banda sempre como un referente e para facer bailar a todos. Porque Paula é distinta, sinalaba o músico e creador de Luar na Lubre.

 

A soprano coruñesa Paula Rey aportará frescura na nova etapa de Luar na Lubre

Te puede interesar