A rodaxe de “Todo é silencio” comezará o 29 de agosto entre Muros e Betanzos

09-1

  redacción>a Coruña

  A versión cinematográfica da novela “Todo é silencio”, de Manuel Rivas, comezará a andar o vindeiro 29 de agosto cando as cámaras chanten os seus trípodes entre a ría de Muros e a de Betanzos. Porque Brétema (que se chamará Noitiá na longametraxe) se construirá entre as rúas destas dúas localidades coruñesas aínda que as gadoupas do poder arrasarán tamén outros sitios, lugares como a antiga sala de festas de O Seixal o a igrexa románica de Santa María de Cambre.
Case todo será galego neste filme, que contará cun elenco de secundarios da terra. Os papeis principais serán interpretados por Miguel Ángel Silvestre, coñecido polo seu papel do Duque na serie “Sin tetas no hay paraíso”, Quim Gutiérrez e Juan Diego, que fará do temido Mariscal na película, un personaxe que segundo Manuel Rivas, reencarna á perfección o vello caciquismo reconvertido ao capitalismo máxico.
Neste aspecto, o autor do libro fala de que o rostro de Juan Diego foi un dos primeiros que lle veu á cabeza para solventar a interesante papeleta. Por outra parte, as mulleres que noutrora romperon ese silencio do que fala Rivas para denunciar o que estaba a pasar nas Rías Baixas co tema do narcotráfico estarán representadas no papel de Celia Freijeiro.
Ademais, Xulio Abonjo, Fernardo Morán, Irene Peña, María Vázquez, César Cambeiro, Miguel de Lora, Luis Zahera ou Xosé Manuel Olveira “Pico” completan unha posta en escena que contará tamén con nenos galegos facendo de extras.
O escritor conta que este proxecto é un desafío persoal despois de escribir un guión hai tempo do que quedou insatisfeito: “Cando acabei de facelo, era unha enorme sábana” e “dinme conta de que necesitaba as atmósferas, os monólogos interiores e as descricións que non teñen sentido sen un guión”. Dicía que esas mesmas sensacións as tiveran outros anteriormente. Tal é o caso de Graham Greene, guionista de “O terceiro home”, que aseguraba que detrás dun argumento, había sempre un relato acabado. Foi así como ante unha segunda proposta para facer cine dos seus textos, Rivas atopou o climax adecuado.
O director José Luis Cuerda e máis el foron dándolle forma ao corpo que trascende o tema das drogas para falar co que pasa cos seres humanos. Rivas define “Todo é silencio” como unha historia humana de pasións moi forte, “onde a droga principal é a do poder e a pulsión de dominio aos demais”. A cobiza que arrastran os capos non se quedará nas riquezas, nas posesións e nos coches.
O coruñés explica que aínda que os novos terán tamén protagonismo no filme, o Mariscal e o seu ascenso social simbolizará toda unha época na que as planeadoras engulliron as palabras das altas esferas, que ficaron quedas.
Rivas destaca o tratamento que se fará na película destes acontecementos cun sentido do humor que tirará do esperpéntico. Será un tanto punzante. O escritor engade que despois de relatar o conto, prefire tomar unha certa distancia para que sexan os especialistas do audiovisual os que poñan o resto, sabedores do que vai quedar mellor e peor.
Rivas agradece a José Luis Cuerda que elexira a súa historia para seguir facendo arte. Fala de que o director ten unha gran sensibilidade e unha ollada poética, algo que escasea nestes tempos e que incluso ata pode dar carraxe en certos sectores.
Despois de levar á gran pantalla “A lingua das bolboretas” e “Primeiro amor”, unha curtametraxe “fermosísima e delicada”, define o autor, Cuerda permítese a licencia de introducirse nun caldo que se coceu non hai moito nun sitio que volveu a demostrar que sabía saír do abismo. Soíño.


 

A rodaxe de “Todo é silencio” comezará o 29 de agosto entre Muros e Betanzos

Te puede interesar