A RAG fará balance sobre o dito no ano Pereiro coa celebración dun congreso

El Ideal Gallego-2011-12-14-014-38dcd71a

 m.G.M. > A CORUÑA
 Comeza hoxe na Cidade da Cultura o Congreso Lois Pereiro organizado pola Real Academia Galega, e no que colaboran a Consellería de Cultura e a Universidade como colofón a un ano Lois Pereiro que serviu para “socializar” ao autor homenaxeado no Día das Letras Galegas.
Dicía Xosé Luís Méndez Ferrín que o poeta espertou tanta simpatía e curiosidade entre a sociedade que fixo que a súa obra fora recoñecida como o que realmente é, “magnífica”, despois de que os galegos traballaran sobre ela dun xeito inaudito. Nunca antes un escritor tivo unha repercusión tal en todos os ámbitos desde o literario ao audiovisual. O presidente da RAG explicaba que Pereiro xustificaba máis aínda o sentido dunha celebración como a festa das letras en galego, que pasaron de ter unha semana de reivindicación a un ano enteiro, que remata agora nunha actividade que pretende recompilar o dito sobre o monfortino, “falar do que se ten discutido para aprendermos as claves secretas de Pereiro e facer balance”.
Ferrín destacaba a presenza dos escritores Pere Gimferrer e Chus Pato, que serán os encargados de abrir e pechar unha actividade que comeza mañá, ás 13.00 horas, coa lección inaugural de Gimferrer sobre Pereiro como poeta europeo e que dará paso ás intervencións de Antón Lopo, María do Cebreiro, Luís Cochón e Arturo Casas.

Autobús > A organización porá a disposición dos participantes un autobús que os desprazará ata Santiago. Para iso, terán que estar ás 09.30 na Porta Real, regresando da Cidade da Cultura, ás 18.45 horas. A actividade continuará o venres e o sábado na sede da Real Academia Galega.
Alí, Daniel Salgado falará sobre a sede que deixou Pereiro nos lectores, xunto a Anxo Angueira, nunha posta en escena que analizará ao poeta desde a perspectiva da lírica. Ademais, tamén participarán María Xesús Nogueira, Miguel Mato, Olivia Rodríguez, José Luís Calvo Vidal, Xabier Cordal, Carlos Gegúndez e Antón Patiño. A derradeira xornada terá a Manuel Rivas no estrado falando de Pereiro como “O compañeiro da noite” para seguir co relatorio de seu propio irmán, Xosé Manuel Pereiro. Xosé Manuel Outeiriño, Luz Poxo e Chus Pato debuxarán os últimos trazos dun perfil sobre o que se profundizou nos centros escolares e viaxou en viñetas. Foi reeditado e revisado. Ao longo dun ano que ficará gravado na mente de moitos co fin de repetir algo así no futuro. De conseguir unha trascendencia semellante.
Pola súa parte, o director xeral do Libro, Francisco López, agradecía á familia a súa amabilidade para facilitar que todas as entidades fixeran pública a súa obra. E Pereiro fora aínda máis grande.

A RAG fará balance sobre o dito no ano Pereiro coa celebración dun congreso

Te puede interesar