A novela negra triunfa nunha terceira xornada xunto á poesía e a lingúistica

El Ideal Gallego-2011-08-04-017-9130ffc6

 redacción > a coruña
  Ademais da lectura de Manuel Rivas, a terceira xornada da Feira do Libro acollía a primeira hora un obradoiro, onde os máis pequenos puideron decorar ao seu antollo distintos lapiceiros, grazas á axuda dos de Brétema Animación.
Pola tarde, o autor cubano Manuel Sánchez Dalama asinaba exemplares da novela “La mancha negra”, publicada por Argaida, na que o escritor lonxe de construír unha crónica do que pasou a raíz do Prestige, fai un paralelismo entre o que lle aconteceu ao petroleiro fronte ás costas de Galicia e a historia dun policía galego afincado en Madrid que arrastra a peor racha da súa vida.


Os lectores achegáronse ás casetas para recoller unha firma do que se inspirou no desastre e adicou parte dos textos a unha figura insólita coma a do alemán de Camelle, considerado vítima deste afundimento. O que visitaba a cidade onte novela as circunstancias que rodearon o naufraxio para aliñalas dentro dunha historia de amizade, vinganza e narcotráfico.
Pola súa parte, o vigués Xosé Manuel García López matizou máis se cadra a xornada con negro para introducir “Pegadas nun labirinto baleiro”, de Baía Edicións, que está protagonizada por Amador Ribeiro, un inspector de policía da cidade olívica, cun carácter violento e solitario.
O autor mestura nesta obra as características da novela negra e o realismo fantástico da tradición cultural galega. Os participantes no acto puideron facer unha achega á trama que García describe e que ten que ver coa resolución dun misterio de tipo criminal, en concreto, nos montes de Lenzo, onde aparece un cadáver dunha moza matada e cuadriculada, coa vaxina chea de “leitada”, como se fora unha creación cubista: a cabeza cortada está metida no bandullo.  
Non todo o programa estivo adicado á narrativa. O poeta Miguel Anxo Fernán Vello asinou unidades do libro “Territorio de la desaparición”, nunha edición bilingüe de castelán e galego e está publicada por Huerga y Fierro Editores. Ademais, Carlos Callón deulle á tarde un toque reivindicativo e falou das premisas que conforman a publicación de “Como defenderes os teus dereitos lingüísticos” (Xerais de Galicia).
O autor estivo acompañado por Xabier P. Docampo, Fran Rei e o editor, Manuel Bragado, nunha xornada na que as verbas soaron no aire e o paseo arredor do libro estivo completamente ateigado de xente.

 

A novela negra triunfa nunha terceira xornada xunto á poesía e a lingúistica

Te puede interesar