A música e a danza tradicional collen da man á modernidade en “Gharbo!”

A música e a danza tradicional collen da man á modernidade en “Gharbo!”
Fasero, Mercedes Suárez e Ana Fernández, cos creadores javier alborés

 A compañía Contra2 representa hoxe e mañá, ás 20.30 horas, o espectáculo de danza “Gharbo!” no teatro Rosalía, o primeiro no que o Centro Coreográfico Galego colabora, non estrictamente con cartos senón con asesoramento e recursos técnicos.

Trátase dunha sinerxia –explicaba o xerente de Agadic, Juan Carlos Fasero– que ten a súa orixe cando a responsable do CCG, Mercedes Suárez, vía ao bailarín Iván Villar fusionar desa maneira o tradicional co contemporáneo. Coa música que Nelson Quinteiro foi recopilando do repertorio popular, os espectadores situaranse na fame dos 50, cando moitos collían a maleta e os outros quedaban na terra arando dor e sufrimento.

Pero as letras, lonxe de seren escritas por chorimicas, advirten de que toda esta xente sacaba forzas de onde fose para facer festa a pesar de todo. Por iso, “Gharbo!” cheira a mar e a terra. Fala da dureza do campo e de historias de amor. Dicía Quinteiro que non facía falta retorcer o guión para buscarlle unha segunda lectura porque a montaxe é a que é e o público ten a oportunidade de respirar tradición sen que esta apareza estereotipada entre refaixos.

Os protagonistas Iván Villar e Pastor Rodríguez vístense con traxes propios dos anos 50. Algo que contrasta con certos elementos espallados por un escenario que recreará un galpón.

Ademais, a singularidade do mesmo está tamén na presenza unicamente de homes. Porque ademais da parella de bailaríns e de Nelson, están os músicos Suso Vaamonde, que tocará a zanfona, Ricardo Rozas coa guitarra e o acordeonista Xosé Lois Romero.

A ausencia da gaita e a pandereta é a propósito, por iso de que a sinxeleza que prentendían no espectáculo pedía un son claro e limpo. Simple. No que tamén bailan as palabras de Manuel Antonio. A concelleira de Cultura, Ana Fernández, falaba onte de que en “Gharbo!” hai moito do Morrazo. Tanto polas letras como pola actitude dos protagonistas, que provocan o emprego desta palabra esquecida na fala, “garbo”, que se reforza coa gheada propia dun dos creadores, Iván Villar. Quinteiro sinalaba que a estrea no Rosalía será o inicio dun camiño longo á espera de que a xira sexa ampla por todo o país. Aderezada de polifonías que meterán ao espectador en ambiente.

A música e a danza tradicional collen da man á modernidade en “Gharbo!”

Te puede interesar