A gala dos María Casares levará o enxeño por escenarios ruinosos no teatro Rosalía

A gala dos María Casares levará o enxeño por escenarios ruinosos no teatro Rosalía
Juan Carlos Fasero, Casilda Alfaro, Ana Fernández e José Luis Prieto presentaron a gala en María Pita

 A gala dos premios María Casares de teatro, que terá lugar o 3 de abril no Rosalía, alimentarase da estética retro. De espazos que nalgún momento foron a paisaxe dunha historia e de telóns enrolados desde hai dez ou vinte anos para facer maxia con eles. E rexurdir igual que rexorde o enxeño en Galicia a pesar da situación ruinosa na que se atopa o sector.

Contaba o director da cerimonia, José Luis Prieto, da compañía Obras Públicas, que o escenario imaxinado por Suso Montero trasladará ao Rosalía telóns antigos do Jofre ferrolano e elementos cedidos polo Centro Dramático Galego para facer humor enriba deles que é, en realidade, o mellor xeito de envolver a crítica. Nunha cita que ante todo será festa e homenaxe. Tributo aos nominados pero tamén aos non nominados.

Para iso, Obras Públicas recollerá en sketches parte da esencia dese teatro no que loitan todos os días e prepararán desde unha revisión en clave de humor do clásico “Romeo e Julieta” a unha liorta de espadas, pasando polo discurso da Reina de Galicia ou a historia da dramaturxia universal condensada en cinco minutos.

Fasero sinala a intención da Xunta de non rebaixar os orzamentos destinados ás artes escénicas

 

Dicía Prieto que a mellor forma de reivindicar a súa profesión era facendo o que máis lles gusta. Teatro. De aí que un elenco de intérpretes formado por César Goldi, Carlos Mosquera “Mos” e Iolanda Muiños con Fernando Dacosta, Patricia Vázquez e Susana Dans como artistas convidados levarán a entrega da 16 edición dos María Casares polos eidos da representación pura e dura. Serán os enxeñeiros dunha peza rápida, capaces de engarzar un bloque tras outro musicados por Ramón Orencio, Checho Mosquera e Fran Facal.

O evento, que será retransmitido en diferido pola TVG ás 23.30 horas –despois do último episodio de “Matalobos”– terá unha duración dunha hora e 25 minutos, dependendo, dicía Prieto, do extensos que queiran ser os premiados nos seus agradecementos. Iso si, a intención é de axilizar ao máximo a entrega de xerras de cerámica. Nun toma e daca que fará estar en tensión aos pais de once criaturas, que son o número total de montaxes que optan a galardón e que pasaron, a maioría delas, polo teatro Rosalía e o Fórum Metropolitano, tal e como lembraba a concelleira de Cultura, Ana Fernández.

É así como unha das máis firmes candidatas a coroarse como a mellor produción do ano, “Citizen Total”, de Chévere Teatro, pode desfrutarse hoxe mesmo, ás oito e media da tarde, no edificio do parque Europa.

 

Partidas > Pola súa parte, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos Fasero, lembraba a achega económica da Xunta de 40.000 euros para a celebración da gala e a intención de non rebaixar os orzamentos destinados a sufragar proxectos teatrais por parte do Goberno autonómico, así como as redes polas que poden circular as distintas producións que se fan ao longo do ano.

Se ben o primeiro ano do PP en San Caetano, as artes escénicas sufrían recortes do 30%, o responsable de Agadic sinalaba que o reto pasa agora por manter a cantidade actual contando con que 2013 sexa mellor que 2012.

Neste aspecto, Fasero indicaba que a colleita de 2011 era de moi boa calidade “non so desde o punto de vista artístico, senón tamén atendendo ás cifras de ocupación de teatro que, a pesar da crise se manteñen e incluso se incrementan”. Isto demostra que existe un verdadeiro interese da audiencia respecto ao teatro galego, engadía.

A gala dos María Casares levará o enxeño por escenarios ruinosos no teatro Rosalía

Te puede interesar