A festa chamouse Lois Pereiro

conmemoración día das letras galegas

Nun día como o de onte, as letras estiveron de forma masiva en Monforte para lembrar a un dos que fixo un uso apropiado delas, Lois Pereiro, pero tamén asistiron aos actos cos que a cidade celebrou o seu paso. O homenaxeado foi espectáculo de danza, performance, baile tradicional e poema, reafirmando unha condición que so teñen os grandes. A de Perenne.

Reportaxe de marta garcía márquez

Se ben as letras estiveron de festa en toda Galicia, Monforte e A Coruña lembraron de forma especial a quen fixo un uso apropiado delas para pedir comprensión na xungla social que lle tocou vivir, ao lado dos que coma el observaban no Borrazás o que pasaba ao outro lado do cristal.
O escritor quíxoo transmitir a través da lírica en pezas revestidas de modernidade que atenderon a correntes punk e succionaron todo o que Pereiro recolleu no seu maxín. O que si é certo que o gordo do programa tivo lugar na localidade lucense, pero a cidade tamén lembrou que un rapaz entrou dentro dos grandes coa etiqueta de atípico. Aquel que adoitaba subir a azotea do seu edificio, na rúa de Costa Rica, volveu a estar vivo grazas a elas. Ás letras.
Elas déronlle sentido ao día de onte nunha xornada festiva que tirou da música, con Xacarandaina no Sporting Club Casino, da danza coa actuación de Nova Galega de Danza, diante do Kiosco Alfonso, e da imaxe, con Xurxo Souto e Fran Amil, que presentaron a montaxe “Declaración audiovisual: Lois Pereiro”.
As letras estiveron moi presentes no último día da Festa do Libro, no que o rostro enxuto de Pereiro foi un símbolo máis que nunca do que significa ter unha lingua propia. Dicían os libreiros días antes que poucos homenaxeados tiveran tanta repercusión a nivel editorial, unha realidade que confirmaba o alcalde no acto conmemorativo do luns.
Losada sinalaba que nunca vira que un personaxe provocara tanta empatía. Foron moitas as improntas que el despertou durante este ano, desde selos de correos, pintadas, a concertos expansivos aquí e acolá, mostras, libros, documentais e unha chea de recitais vinculados ás imaxes e o universo que Pereiro deixou por escrito.
Foi así como os coruñeses puideron desfrutar dunha cita no vello cárcere, o 12, onde tocaron Loretta Martin e Ulträqäns ao mesmo tempo que en París alguén tocaba unha peza para recordar que as letras tiñan que bailar para celebrar que están vivas. Bailaron si co de Monforte á vez que se transformaron en arte viva para ser performance no Centro Ágora, nun espectáculo ideado por Carlos Neira e Antía Otero. Os actores Roi Fernández, Laura Fandiño, Olaia Tesouro e Estevo González fixeron que a interpretación tamén metera baza neste día.

Balance > O representante dos libreiros coruñeses, Juan Carlos Sanmartín, facía no último día da Festa do Libro un balance no que destacaba a afluencia de público que se pasou polas casetas nestes cinco días. Afirmaba o tendeiro que aínda que foron moitas as persoas que pasearon arredor das publicacións sen gastar en cultura, as vendas foron parecidas aos anos anteriores. Neste aspecto, a feira tamén quixo celebrar a efeméride e varios escritores da cidade regalaron aos curiosos poemas en alto asinados por Pereiro e outros de reinvindicación do idioma. Ademais de plumas, estiveron presentes outros persoeiros relacionados co ámbito cultura e a concelleira de Cultura, María Xosé Bravo.
As páxinas regresaban a baixo cuberta despois dunha xornada na que Nova Galega de Danza representou moi preto delas a tradición e a modernidade e Xurxo Souto e Fran Amil rebobinaron a cinta para situar a Pereiro no pasado e presente. É cousa de ter a condición de perenne.

A festa chamouse Lois Pereiro

Te puede interesar