“Unha investigación non é unha arma política para que un grupo atice a outro”

“Unha investigación non é unha arma política para que un grupo atice a outro”

Dende que no pleno do Concello do pasado luns se acordase a creación dunha comisión de investigación sobre o “caso Relámpago” para determinar quenes foron os culpábeis de que o goberno local teña que pagar agora 8,16 millóns en concepto de indemnizacións pola expropiación duns terreos en Someso, o tema focalizou toda a atención en María Pita.

—A apertura dunha comisión é unha forma de lanzar unha cortiña de fume, como denuncian os socialistas?

—Nós defendemos dende o principio que se é necesaria unha investigación para despexar responsabilidades que se faga. Tal é así que cando o PP presentou a súa moción no pleno nós votamos a favor, a pesar de que levábamos unha enmenda para reforzar máis a capacidade investigadora, informativa e divulgativa desa comisión, e incluír tamén na investigación ao exalcalde Francisco Vázquez e as promotoras privadas. Nós aquí non temos nada que ocultar, no sentido de que a causa de todo isto é unha recalificasión dos terrenos nos plans do 1998, 2001 e 2004, na que o BNG votou en contra.

“Quen actuou de maneira ilegal no caso da sentenza do edificio Conde de Fenosa foi a promotora”

 

—Mar Barcón di que non houbo recalificación...

—Non vou entrar en discusión cos meus compañeiros dos grupos da oposición. O que si fago é remitirme ao que di o Tribunal Superior de Xustiza, que xa fallou o asunto e que di que os terreos foron expropiados por un fin de utilidade pública que no se cumpriu.

—Para que vai servir a comisión?

—Esta comisión, o que non pode servir é para que o goberno municipal quite rendabilidade política do asunto, senón para poñer de manifesto que as cousas no seu día fixéronse mal, e que houbo suxeitos que fixeron isto con claro coñecemento. E o que é o máis importante, cando se fala de facer unha comisión de investigación é para que isto non se volva a repetir.

—Que opina da autodenuncia do PSOE?

—É un xesto que os honra. Nós entendemos que quen se tiña que autodenunciar tamén era o señor Francisco Vázquez, e na medida do posible acompañado do señor Fontenla. Pero á marxe disto, normalmente, o que son as autodenuncias penais en poucas ocasións prosperan.

—Outro caso que está enriba da mesa é o do edificio Conde de Fenosa, sobre o que tamén pesa unha sentenza firme. Aposta por outra investigación neste caso?

—Para que vexa que non temos nada en contra do compañeiro de Esquerda Unida, unha destas iniciativas nese sentido foi del, e nós entendemos que benvidas sexan as comisións de investigacións. Aquí o BNG vai apoiar esa investigación, e vai aportar, no caso de que se faga, bastante información, sobre a base de que moitos dos datos xa están a disposición dos concelleiros xa que obran nos expedientes do propio Concello, e sempre sobre a base de que unha investigación debe ser para depurar responsabilidades e non pode ser unha arma política para que un grupo atice a outro.

—Hai alternativas ao derribo do inmoble?

—Na medida do posible, hai que evitar a demolición. E nós aquí estamos insistindo moitísimo que todo o peso da sentenza non recaia sobre o Concello, tal e como evidenciu o PP durante a oposición, senón na entidade privada que se beneficiou no seu día de iso, que foi Fadesa.

—Pero foi o Concello o que otorgou a licenza que despois se declarou ilegal...

—O Concello o que fixo, inicialmente, tal e como consta nos expedientes, foi conceder unha licencia para unha rehabilitación. O que fixo a empresa foi excederse no contido desa licenza, e despois o Concello pretendeu legalizar iso. Pero que quede moi claro: quen fixo e quen actuou de maneira ilegal foi a promotora.

—Se a empresa se estaba excedendo, o goberno local non tería que ter paralizado a obra?

—Efectivamente, o Concello o que tiña que facer dende o principio era actuar conforme a legalidade, que pasaba, non por legalizar unha situación ilegal, senón por paralizar a obra e obrigarlle á inmobiliaria a actuar conforme a licenza que era de rehabilitación, non de demolición e construcción.

—O Concello parece disposto a non aprazar máis o cumprimento das sentenzas que lle atinxen. É o caso tamén da que obriga a devolverlle o título de fillo predilecto a Millán Astray, algo que non foi visto con bos ollos polo BNG.

—Non lle queda outra que cumprilas, como calquera administración ou particular. Pero, mentres o Concello dá manga ancha ás constructoras, no caso de Millán Astray e da memoria histórica hai unha dureza excesiva.

“Unha investigación non é unha arma política para que un grupo atice a outro”

Te puede interesar